viernes, 16 de diciembre de 2016 0 comentarios

Terceira Visita: Os reis magos van á Deputación coa bicicleta.

Os reis magos van á Deputación coa bicicleta.

Hoxe ás 12:00 temos a visita a Deputación para entregar a carta e vannos poñer un pouco ao día das estratexias que están a facer para mellorar a seguranza viaria na rede provincial.

A rede provincial con máis de 1.800km é unha das preferidas cando os ciclistas de estrada escollen os seus itinerarios de adestramento, por ter menor intensidade de vehículos a motor e porque estes circulan máis amodo polas características propias destas estradas.


O plan Móvese da deputación.



Sinal de 1.5m
Fai poucos días foi a presentación do plan Móvese que vai supor a instalación 600 redutores de velocidade na rede provincial. O que  nós observamos é que o obxectivo deste plan é reducir a velocidade das travesías na rede provincial a 30km/h e facelo efectivo instalando "lombos" como se esta a facer na cidade de Pontevedra. A estratexia a priori parece coherente, xa que en moitos lugares desta rede facer beirarrúas require derribar casas ou custosas expropiacións, polo que estamos falando dunha medida que se funciona, é eficiente na inversión público e de baixo custo para a administración.
Que votamos de menos, pois sinalización vertical, a famosa sinal do 1.5m que tanto precisamos. Gran parte dos accidentes cun ciclista implicado non se producirían se a intención do condutor de vehículo a motor fora adiantar cumprindo a normativa pero a experiencia nos día que unha parte dos condutores so asume reducir a velocidade e adiantar conforme ao regulamento cando a alternativa e chocar co ciclista. Este é un dos motivos polo que aos cilistas recoméndaselles circular polo centro do carril en tramos urbanos. Por isto, queremos que estradas como a de Tomeza, o acceso ao Lago de Castiñeriras, a estrada de Lourido... teñan a sinal de 1.5 xa que son moi frecuentadas por ciclistas, tanto deportistas coma novatos.


Non todo é a velocidade, tamén hai que formar.

Formación impartida por Pedaladas

A velocidade é determinante nas consecuencias e na probabilidade de que suceda un accidente. Isto sae en tódalas estadísticas en informes da DXT e universidades, por un principio físico que é a enerxía cinética. Pero o factor humano esta presente no 93% dos accidentes, por iso é importante divulgar a normativa, formar a condutores, peóns e usuarios da bicicleta, e tamén concienciar nun concepto que na nosa sociedade individualista parece esquecido, a empatía. Neste eido as Policías Locais fan un bo traballo pero a deputación ten que suplir as carencias que se dan nos concellos pequenos.

Vías ciclistas segregadas. Eurovelo. Rutas de litoral.

Os deportistas temos o costume de esquecer que o usuario da bicicleta é aínda máis variado que o do vehículo a motor. O automóbil esta restrinxido a quen ten unha licencia de circulación,  unha ideade concreta e poder económico axeitado. Pero a bicicleta é un vehículo moi democrático, podes atopar unha desde 20€ no mercado de segunda man, non ten case mantemento, e non a limitación de idade ou licencia polo que o seu uso esta aberto a toda a cidadanía.

Por iso, hai que democratizala as persoas de entre 8 e 80 anos que non teñen porque ser portentos físicos. Isto fai precisas vías segregadas que fomenten a mobilidade ciclista, o ocio e o deporte en todas as franxas de idade e condición.

O Eurovelo é  un conxunto de grandes rutas europeas que son un motor económico. A ruta do Atlántico chega á fronteira Portuguesa e ten case 800km de longo pero no lado español quedou esquecida. A deputación debe e pode continuala a lo menos pola provincia de Pontevedra xa que vai crear emprego, mobilidade e é unha gran alternativa de ocio para os deportistas.

As rutas do litoral son un clásico, primeiro foron peonís pero nos últimos tempos son moito máis ciclistas ao ser trazados longos. Temos unha liña de costa estupenda, sen case desnivel pero que é moi problemática a nivel seguridade. Estamos a desaproveitar oportunidades cunha crise de emprego moi grande mentres se constrúen grandes infraestruturas de dubidoso interese social cando a baixo custo podemos facer infraestrutura sustentábel para crear motores económicos.

Carta á Deputación



Os reis Magos veñen coa Bicicleta.

Carta ao Rei Mago Uxio Benitez, mobilidade da Deputación.


Querido Rei Mago, dende a Asociación Pedaladas e AGdP queremos facerche chegar esta carta que non pide para nós, xa que somos ciclistas experimentados, senón pensando nas necesidades e  peticións de aquelas persoas que queren usar unha bicicleta para facer deporte, para ir ao seu traballo, centro de estudios ou simplemente para dar una paseo, pero dálles medo o risco de ir polas estradas.

As vilas e as cidades construíronse pensando en facilitar a mobilidade en coche e isto creou moitas disfuncionalidades nun lugar que debe ser amable coas persoas. No seu lugar creamos estradas para circular rápido e aparcamentos onde deixar os coches. O que deberíamos ter son vilas  cómodas para desprazarnos a pé e en bicicleta, seguras para os  nenos que van a escola, accesibles para persoas con diversidade física e maiores, e  ter espazos verdes e de lecer.
Isto é un reto moi grande para calquera alcalde,  crear unha cidade máis habitable, cómoda e segura para os seus cidadáns. Ás veces, este obxectivo choca con diferentes intereses e aí é onde o traballo das administracións faise difícil,  por iso, apelamos a parte de Mago que todo deputado ten que ter para facer posible o que outros ven imposible.                    

Nós, só queremos facer de mensaxeiros do que nos levan tempo pedindo compañeiros e amigos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Poio e Vigo:                              

- O plan Movese debe crecer a toda rede secundaria de  estradas. Gran parte da rede secundaria de estradas é municipal  e conforman un gran núcleo disperso con vivendas, polo que debemos avanzar en limitarse a 30 esta rede.  A velocidade 30 é unha garantía de que se un peón, ciclista ou condutor se comete un erro non vai ser algo irremediable. Nas reunións cos alcaldes sempre nos din que o principal problema son os cartos xa que non teñen case orzamento para este tipo de actuacións polo que ampliar o plan Movese as estradas que os municipios son titulares é básico para reforzar a seguridade viaria.                                 

- Sinalización vertical de 1,5m de separación lateral nos adiantamentos a ciclistas.  Na presentación do plan Movese votouse de menos algunha medida para corrixir un dos problemas que teñen peóns e ciclistas cando van pola beiravía.  Moita xente non o sabe, ou non se queren decatar de que, cando hai un peón ou ciclista deben separarse como mínimo 1.5 metros cando o van adiantar, por seguridade, polo que incorporar sinalización que remarque esta obriga é importante para a seguridade dos ciclistas. A rede provincial é unha das preferidas polos ciclistas xa que soporta menor intensidade de tráfico así que sería positivo ver en certas vías moi frecuentadas  por ciclistas este tipo de sinalización. Esta medida xa foi adoptada pola deputación de Ourense en Galicia e tamén é habitual ver a sinalización do 1.5m en Pais Vasco e Navarra.
- Axudas para formación, divulgación e concienciación.  A nosa asociación fai campañas de divulgación, concienciación e formación que estamos a financiar coas achegas dos nosos socios e patrocinios privados pero isto ten un limite. Creemos que sería moi positivo contar con axudas ou medios para poder facer estas campañas xa que cumpren unha labor social como a formación viaria para ciclistas, a divulgación en charlas nos centros escolares, formación para nenos e nenas nos institutos no uso seguro da bicicleta e charlas de mobilidade sustentábel en centros sociais e universidades. .

- Desenvolver vías ciclistas segregas coma o Eurovelo. Nós, ante todo somos partidarios do calmado de tráfico, xa que é o método máis eficiente de incorporar a bicicleta como un vehículo de ocio e mobilidade. Pero este modelo de integración da bicicleta na calzada esquece aos usuarios máis vulnerables, non é razoable pensar que un neno ou un ancián poidan circular por certas vías aínda que sexan zoa 30 así que para democratizar o uso da bicicleta precisamos algúns trazados con vías segregadas que poidan ser usadas por familias e persoas desde os 8 aos 80 anos, como sucede en Europa. Por outro lado, estamos a desaproveitar un motor económico que é o cicloturismo ao non continuar por Pontevedra a ruta atlántica do Eurovelo, así como unha ruta de litoral para o turismo activo e verde xa que percorrer a costa de Pontevedra non ten gran esixencia física.

Sabemos que pedimos moito, pero temos claro que estes agasallos serían bos para todos, tanto pequenos como grandes,  que se portan ben todo o ano e que agora  mesmo non poden ir  do todo seguros polas estradas e as vilas. Moias grazas Rei Mago Uxio.

No Response to "Terceira Visita: Os reis magos van á Deputación coa bicicleta."

Publicar un comentario