Así a priori pode parecer unha boa idea, fomentar a renovación da flota sacando das rúas os vehículos máis daniños para a saúde e a baixo custo, xa que o IVTM en Pontevedra é barato coma no resto do estado se o comparamos cos países do Norte de Europa.
Por exemplo, un utilitario pequeno cun motor de ata 1.500cm3 e de 75 a 110CV sexa gasolina ou diésel paga uns 56€/ano en Pontevedra. Polo que convencer a un propietario de que cambie o seu coche por un híbrido ou eléctrico como moito produciría unha mingua deses 56€/ano de impostos.
Como dicíamos, a priori parece unha boa idea pero a realidade é que estas medidas non solucionan o problema da contaminación.
O fracaso do Plan PIVE á hora de mitigar a contaminación.
O Plan Pive foi unha axuda de 1000€ do estado (máis un desconto que daba o fabricante) cando se compraba un vehículo novo que esixía a entrega dun vehículo con máis de 10 anos para a sua destrución. O Plan Pive tivo un orzamento de máis de 1.200m€ que conseguiu o seu obxectivo primario, soster a venta de vehículos privados e con elo manter a cadea de distribución e os concesionarios, renovar o parque cara a coches máis seguros pero foi un fracaso absoluto en termos de mitigar a contaminación.Isto pódese deber a que as emisións reais en estrada están moi lonxe do que din as marcas nos test de laboratorio. A ONG que descubriu o escándalo da VW fixo un análise das emisións reais de 50 modelos distintos e chegou a conclusión de que o consumo real chega a ser dun 50% maior ao declarado, e as emisións nalgúns modelos chegan a ser 14 veces superior ao legal.
A renovación foi significativa con 1.350.000 vehículos de máis de 10 anos que na súa maioría cumprían normas anti contaminación Euro 0-3 por vehículos que en teoría emiten da orde de 20 veces menos partículas daniñas para a saúde e que cumpren a normativa Euro 5-6.
Pero os niveis de contaminación non se moveron nas grandes urbes. Seguimos tendo episodios de alta contaminación en Madrid e Barcelona que obrigan a reducir a velocidade, limitar o aparcamento e incluso impedir o acceso a certas partes das cidades.
Por iso, dubidamos de que esta medida sexa eficaz realmente. Seguramente esteamos facendo máis barato ter un coche e con iso fomentando a súa tenencia.
Bonificar o IVTM pode ter efectos perniciosos.
As taxas e os impostos teñen como misión o sostemento dos servizos públicos na súa totalidade. De feito, non temos impostos con destino fixo a partidas concretas senón que con toda a recadación páganse todos os servizos públicos. Isto permite que se poidan facer estradas e colocar sinalización xa que a recadación directa ao transporte motorizado non cubre todos os custos. O IVTM na nosa cidade é un imposto central dos orzamentos. Temos 40.233 turismos en Pontevedra e o IVTM oscila entre os 56€ e os 118€ suma un total de 4,2millóns de € que é un 5.86% do total do orzamento. A maioría da recadación ven do IBI e das transferencias doutras administracións polo que a minoración desa partida pode ser un recorte doutros servizos públicos que si son esenciais.A parte, outra pega é que podemos estar rompendo o principio de esforzo tributario en función da renda. O IVTM é bastante malo nisto, xa que non se paga en función do valor do vehículo senón da potencia fiscal que coa chegada dos motores turbo alimentados fai que vehículos de luxo paguen coma un utilitario. Por iso, podemos estar dándolle unha bonificación de 50€ a alguén que non a precisa mentres outro cidadán que non ten cartos para cambiar de coche vese dobremente penalizado.
Nunca debemos perder de vista a equidade social.
O vehículo eléctrico ou de baixas emisións non soluciona o problema do transporte privado na cidade.
O uso do vehículo privado ten os seguintes compoñentes problemáticos, uso do espazo público insostible, a seguridade, a contaminación que dana a saúde, o consumo excesivo de recursos e as emisións de CO2 que propician o cambio climático.Fomentar o vehículo eléctrico a día de hoxe só resolve a contaminación daniña para a saúde dentro da cidade e reduce a emisión de CO2. Un motor eléctrico afasta a fonte da contaminación a onde este situada a central eléctrica que permite recargar as baterías polo que si é eficaz no punto da contaminación urbana pero non acaba co cambio climático xa que a capacidade de xerar enerxía eléctrica sen emisións aínda é moi limitada.
Pero sobre todo:
- Non muda a dinámica do uso do espazo público. Hay que recordar que no modelo de un coche por persoa da igual que sexa eléctrico que de motor a combustión.
- Segue a ser insostible, as reservas probadas de litio para facer as baterias non darían para unha substitución completa de todo o parque móbil.
Pontevedra xa cometeu un erro neste eido. Diésel e gasolina teñen a mesma carga fiscal.
No ano 2011 subiuse a tributación aos motores gasolina ata igualalos co diésel aínda que a contaminación máis prexudicial para os cidadáns ven da emisión de NOx, PM10 e PM2.5 que maioritariamente ven dos motores diésel turbo alimentados. Non foi un erro moi grave, 8€/ano pero si unha mala idea xa que estas animando a adquirir unha motorización moi primada a nivel estatal polos impostos especiais e que ten consecuencias para a saúde nas cidades.O noso consello para o PSOE e o Concello.
Ningunha entidade ecoloxista esta pedindo renovar o parque móbil ou primar con incentivos económicos a mobilidade en vehículo privado. As solucións serias van noutra liña:- Crea máis aparcamento disuasorio.
A lóxica dunha cidade como Pontevedra nos di que todo esta mais ou menos a 10-15 minutos a pé da periferia así que para reducir a contaminación aumenta a oferta de aparcamento no radio externo da cidade e dille ao condutor que camiñe un pouco.
- Crea áreas de baixas emisións.
Fai como en Alemaña, crea areas de baixas emisións ou emisións 0 onde esta restrinxido o paso, deixando libre acceso aos vehículos de baixas emisións e onde so se pode estacionar se o teu coche non dana a saúde das persoas. O instrumento para facelo xa nolo proporcionou a DXT enviando as tarxetas de emisións de cada tipo de vehículo.
- Reforza o transporte público.A partir de 8 pasaxeiros un autobús xa aforra emisións contaminantes con respecto ao mesmo numero de turismos.
- Promoción das formas de transporte sostibles.
Sempre é mellor moverse coa propia enerxía. É a forma menos custosa para o usuario e para o sistema. Conseguir que unha persoa deixe o coche e pase a moverse a pé ou en bici e mellor que cambiar 16 coches con 20 anos por coches de baixas emisións. Isto non é moi do agrado dos fabricantes que teñen como bandeira a renovación para ser máis ecolóxicos pero non ten nada de sustentábel estar renovando o parque móbil cada dez anos. Mellor a pé ou en bici.
- Cambia o sistema de calculo do IVTM.
O sistema actual é propio do século pasado usando a definición do cabalo fiscal que só ten en conta a cubicaxe dos motores e isto esta totalmente superado pola tecnoloxía, un motor de 1.000cm3 pode ter 140CV ou 60CV pero a ollos tributarios pagaran o mesmo. O ideal é que este imposto estivera prorrateado e incluído no combustible para gravar o uso e non a tenencia. Outro camiño e o sistema Francés que calcula o equivalente ao IVTM usando os CV reais nun compoñente do calculo e no outro as emisións de homologación.
Con isto non queremos facer leña do PSOE local nin moito menos, cremos que estamos no mesmo barco da sustentabilidade polas conversas que tivemos ata agora pero si que é bo reflexionar ben sobre os pros e os contras da bonificación no IVTM xa que o discurso oficial no estado ven moi marcado polos intereses dos fabricantes de automóbil que viven de vender coches, non de coidar do planeta e das persoas.
Hai que desconfiar de quen intenta por todos os medios atrasar a entrada en vigor no novo sistema de homologación que analiza as emisións en tráfico real e que presenta desviacións do 1.400% en NOx e partículas con respecto a EURO VI.
1 Response to Bonificar aos vehículos de baixas emisións quizáis non sexa a mellor solución.
Por si fuera interesante para ustedes o sus conocidos, tengo publicado yofrenoelcambioclimatico.blogspot.com (MENOS es MEJOR) y http://plantararboles.blogspot.com, un manual para reforestar, casi sobre la marcha, sembrando las semillas que producen los árboles autóctonos, en la misma comarca de su recolección.
Salud, José Luis Sáez Sáez
Publicar un comentario