Xa veñen os Reis Magos coa Bicicleta.
Xa chegan os Reis Magos e coma tódolos anos a bicicleta é un dos agasallos estrela do Nadal. As cifras que nos chegan de AMBE (Asociación y Bicicletas de España) din que véndense máis bicicletas que automóbiles, ata un total de 1.088.548 ud no 2014 cunha facturación global de 1.354,5 millóns de €. As cifras marean pero non quedan aí, o 2015 mellorou un 8,62% a facturación e as cifras deste 2016 aínda van a ser mellores para os vendedores.A demanda e os usuarios non paran de medrar pero as administracións non están a responder a esta nova necesidade. O aumento da rede ciclista e a seguridade en calzada para os ciclistas non están a despegar, a pesares de que esta na axenda de tódalas administracións polos compromisos firmados. A Xunta de Galicia ten o plan de Mobilidade Alternativa, o Goberno de España busca un pacto de estado para a promoción dos medios de transporte non contaminantes, os concellos teñen plans pero pouco chega a executarse, todo queda en boas palabras... por iso neste Decembro comezamos unha nova campaña.
Plan de acción: "Imos tocar en tódalas portas"
Neste mes de Decembro péchanse tódolos presupostos, estatal, da Xunta, da deputación e os concellos. Os presupostos son o elemento fundamental das políticas que se fan no ano e queremos que este 2017 sexa un bo ano para a mobilidade saudábel que supón a bicicleta. Hai un dito popular, "o que non chora non mama" e a bicicleta debe chorar moi pouco porque a pesar de contar con 3.8millóns de usuarios intensivos (datos: Barómetro da Bicicleta) sempre é a gran esquecida na partida no orzamento de mobilidade.Por iso, imos concertar citas cos alcaldes da comarca de Pontevedra, imos visitar a Luis Poceiro de Vilaboa, Luciano Sobral de Poio, María Margallo de Marín e Miguel Anxo F. Lores de Pontevedra para levarlles peticións que temos para os seus concellos e que faremos públicas nesta web en forma de carta antes de cada reunión.
Tamén imos visitar a Deputación de Pontevedra e o tentaremos coa Xunta de Galicia co mesmo sistema, antes da reunión estará dispoñible a carta de peticións.
Para cada institución temos unha serie de peticións, nada excesivo, catro ou cinco que na súa maioría son promesas xa feitas por eles mesmos nestes últimos anos pero que aínda non teñen proxectos, nin licitación, nin data de execución polo que o obxectivo é pedir contas a cada unha das administracións, de porque non están a executar o prometido e animar a que neste 2017 si se fagan estes proxectos e non se terminen noutra promesa electoral que un político non cumpre unha vez esgotado o seu mandato.
A primeira acción: Carril Bici Pontevedra a Marín.
É unha promesa do 16 de Maio do 2015 en plena campaña ás municipais, aínda non esta feito nin o proxecto. Nós presentamos unha opción executable, eficiente, a baixo custo e que poderíase facer en poucas semanas pero Costas anunciou que para Outubro teriamos un proxecto redactado por eles, a día de hoxe nada se sabe.Por prensa repetiuse que neste Outubro xa teríamos o proxecto pero non é certo, seguimos esperando mentres a administración arrisca a vida de quen quere usar unha bicicleta para a súa mobilidade. Isto é un incumprimento claro dunha promesa electoral que xa ten dos anos e catro meses de atraso.
Así que, ímoslle recordar á Presidenta do Congreso Ana Pastor a promesa que lle fixo en persoa á Asociación Pedaladas, que ía facer todo o posible por axilizar este Paseo Ciclista e peonil. Ao Presidente do Goberno Mariano Rajoy Brei que se acorde da súa cidade e que inclúa nos presupostos do 2017 a partida destinada a execución deste proxecto que depende integramente da súa administración.
Carta á Presidenta do Congreso Ana Pastor
Carta ao Presidente do Goberno Mariano Rajoy Brei
No Response to "Campaña "Xa veñen os Reis Magos coa Bicicleta""
Publicar un comentario