Os reis magos van a Vilaboa coa bicicleta.
Hoxe ás 10:00 o alcalde de Vilaboa vainos recibir para entregarlle a carta nosa Carta de Reis Magos. Antes de comezar coas peticións imos analizar un pouco o Concello de Vilaboa.Vilaboa é un conxunto de pequenas parroquias, estamos falando de cinco parroquias que apenas suman 6.059 habitantes. A poboación esta dispersa e non conta con un núcleo compacto que teña todos os servizos polo que ten unha rede de estradas cunha sección estreita e sen case beirarrúas.
A N-550 e a N-554. O gran problema de Vilaboa.
Vilaboa esta atravesada por dúas nacionais que son a variante da cara AP-9. Existe unha gran cantidade de tráfico que usa a N-550 e N-554 para chegar a ponte de Rande e aforrar os case 4€ que custa a peaxe da AP-9. Polo tanto temos moito tráfico pola N-554 que non ten destino nin orixe, nin destino en Vilaboa, é tráfico de paso pero crea un problema de seguridade ao atravesar Santadrán, Cobres, O Toural... Este tráfico, en parte pesado, circula por unha nacional recen reformada pero onde fomento non considerou oportuno facer un calmado de tráfico nos núcleos, apenas conta con pasos de peóns nin beiravía transitable. Para os ciclistas é unha ruta habitual, e parte da "volta ao Morrazo" que é moi popular polo seu baixo desnivel e cómodo rodar, sobre todo nos meses de inverno temos numeroso tráfico ciclista.A N-554 e a N-550 son un exemplo do que pensa fomento do que debe ser unha estrada, ten grandes carencias de seguridade para ciclistas e peóns xa que non conta con beiravías e beirarrúas. Esta deseñada para mover a maior cantidade de coches posible sen tomar medidas de seguridade para os colectivos vulnerables. A N-554 ten un problema extra, no Toural a escola esta situada ao lado contrario que as vivendas así que os rapaces teñen problemas para facer un desprazamento autónomo a escola. Esas dúas vias son o perfecto exemplo do que é facer unha infraestrutura pensada nos automóbiles e non nas persoas.
A carta ao Alcalde José Luis Poceiro.
Carta en PDF
Carta ao Rei Mago José Luis Poceiro alcalde de Vilaboa.
Querido Rei Mago, dende a Asociación Pedaladas queremos facerche chegar esta carta que non pide para nós, xa que somos ciclistas experimentados, senón pensando nas necesidades e peticións de aquelas persoas que queren usar unha bicicleta para facer deporte, para ir ao seu traballo, centro de estudios ou simplemente para dar una paseo, pero dálles medo o risco de ir polas estradas de Vilaboa.
As vilas e as cidades construíronse pensando en facilitar a mobilidade en coche e isto creou moitas disfuncionalidades nun lugar que debe ser amable coas persoas. No seu lugar creamos estradas para circular rápido e aparcamentos onde deixar os coches. O que deberíamos ter son vilas cómodas para desprazarnos a pé e en bicicleta, seguras para os nenos que van a escola, accesibles para persoas con diversidade física e maiores, e ter espazos verdes e de lecer.
Isto é un reto moi grande para calquera alcalde, crear unha cidade máis habitable, cómoda e segura para os seus cidadáns. Ás veces, este obxectivo choca con diferentes intereses e aí é onde o traballo da alcalde faise difícil, por iso, apelamos a parte de Mago que todo alcalde ten que ter para facer posible o que outros ven imposible.
Nós, só queremos facer de mensaxeiros do que nos levan tempo pedindo compañeiros e amigos de Vilaboa e Paredes:
- A rede secundaria de estradas de Vilaboa con casas debe limitadarse a 30. A velocidade 30 é unha garantía de que se un peón, ciclista ou condutor comete un erro non vai ser algo irremediable. As vítimas máis habituais de atropelo son nenos e anciáns que non teñen culpa de nada pero pagan moi caro as presas doutros. Vilaboa é o que se chama unha poboación dispersa polo que é complicado facer beirarrúas así que os peóns van pola calzada e isto é perigoso se os coches circulan rápido. É materialmente imposible facer centos de quilómetros de beirarrúas ou sendas para os peóns polo que faise necesario adecuar a velocidade dos vehículos a que permita a convivencia cos peóns e ciclistas.
- Vilaboa debe ser accesible. Isto moitas veces depende máis de cartos que de vontade pero non queremos deixar de dicilo. Unha cidade que coida de quen máis o precisa é unha cidade moi cómoda para todos os que non o precisamos. A cidade debe ser amable cos seus cidadáns, e isto, as veces choca cos aparcamentos para os coches, para facer beirarrúas dignas ou beiravías transitables, sempre é mellor pedirlle a un condutor que camiñe 5 minutos que limitar a mobilidade de que non pode camiñar.
- Vía Verde para democratizar a bicicleta. Vilaboa e Pontevedra son dúas vilas moi próximas pero separadas para os peóns e ciclistas por unha estrada saturada de coches e perigosa que é a N-550. A recuperación das vías do tren para permitir un uso recreativo, turístico e de mobilidade é factible precisa de que o ministerio de Fomento mude de idea e permita unha vía ciclista e peonil que permita a nenos e familias usar a bicicleta dunha forma cómoda e segura.
- Pedirlle a Fomento que mellore a seguranza viaria na N-550 e N-554. Nós pensamos que os nenos deben ser autónomos como o eran antes de que se masificara o uso do automóbil por iso somos grandes defensores dos camiños escolares. A estrada N-554 esta pensada para mover coches e non para ser segura para peóns e ciclistas, faltan beiravías transitables, faltan pasos de peóns e faltan medidas de calmado de tráfico a pesar de estar recen reformada. Isto fai inviable o acceso autónomo dos nenos ao centro integrado do Toural, aos desprazamentos seguros ao centro de saúde, á farmacia, ao Concello... indo a pé para nenos e maiores. Mentres, a N-550 esta sobresaturada pola peaxe da AP-9, con tráficos pesados que deberían ir por unha autovía e non por unha nacional para a permitir que a N-550 se adapte a velocidades de travesía, por iso hai que insistirlle a fomento que ten que mudar as súas prioridades e asumir que as infraestruturas deben ser seguras, por riba de todo para peóns e ciclistas que son os máis vulnerables na estrada. Ás veces parece que a administración asumen que é tolerable que morran cidadáns por non adecuar as infraestruturas.
Sabemos que pedimos moito, pero temos claro que estes agasallos serían bos para todos, tanto pequenos como grandes, que se portan ben todo o ano e que agora mesmo non poden ir do todo seguros polas estradas e as vilas. Moias grazas Rei Mago Luis.
No Response to "Primeira Visita: "Os Reis Magos van a Vilaboa coa Bicicleta""
Publicar un comentario