viernes, 29 de julio de 2016 0 comentarios

O Decálogo da Deputación e a importancia da seguridade viaria

Ao final da primeira reunión coa Deputación o deputado Uxío Benítez, responsable da Deputación de Pontevedra en mobilidade, comentounos aos asistentes que existía unha moción do grupo PP provincial para modificar parte do Decálogo de actuación nas estradas provinciais.
A  Asociación Pedaladas, a través do seu secretario Quique Pérez solicitou esta moción de modificación para comprobar o alcance da  mesma e facer esta pequena valoración.
A nosa intención non é entrar no terreo da oposición política xa que tanto A Masa Crítica Pontevedra como a Asociación Pedaladas teñen como principal motivación de traballo asesorar e axudar na medida das nosas posibilidades ás administracións e responsables políticos, sempre dende un punto de vista moitas veces afastado para eles como o é a problemática propia dos usuarios de bicicleta e por extensión dos peóns.

www.elcorreo.com Accidente por alcance e exceso de velocidade


A moción inclúe varios puntos a modificar que non son do noso eido por ser un asunto de  titularidade ou de orzamentos e onde unha asociación de ciclistas non debe ter unha opinión como tal. Pero o punto a) si é de interese porque se solicita a súa eliminación do artigo 5:

“Nº5. As actuacións de modificación de trazado e ampliación de plataforma realizaranse só en estradas cunha intensidade media diaria de vehículos superior a 3.000 vehículos/dia, de non ser viables outras alternativas de menor impacto”. 

A rede de estradas comarcal,  son a maioría das que ten a Deputación de Pontevedra (todas as que teñen a denominación EP-XXXX) teñen deficiencias na seguridade ciclista e peonil actualmente. Aparte permiten unir pequenos grupos de poboación dispersa polo que garanten o acceso de moitas persoas a servizos básicos. Esta rede ten pouco ou moi pouco tráfico cunha intensidade tal que fai que moitos deportistas en bicicleta a escollan para facer os seus adestramentos. Tamén é habitual que os menores residentes que aínda non teñen acceso a un vehículo a motor a usen para ir a escola, as actividades extra curriculares ou simplemente visitar amigos da parroquia contigua.

 Estas vías de dobre sentido de circulación e sen beiravías transitables, sen carrís bici ou beirarrúas manteñen a súa seguridade grazas a que pola súa sección os vehículos a motor circulan a velocidades baixas e o risco de alcance é baixo excepto nos lugares de pouca visibilidade. De feito a anterior directora da DXT María Seguí estaba a impulsar unha forte rebaixa das velocidades permitidas nestas vías en función da súa sección no proxecto de regulamento e  terminarían con unha  limitación  xenérica de 50km/h ou 70km/h en función da sección.


Incluso a Fundación Mapfre fai mención a este tipo de estradas onde recomenda adecuar a súa velocidade a unha razoable e a creación de medidas de calmado de tráfico no seguinte informe.




  El papel de la unión europea en la promoción de la seguridad en los desplazamientos en bicicleta from José Emilio Pérez

Por isto a Asociación Pedaladas considera que a primeira prioridade non debe ser aumentar a sección nestas estradas xa que ao aumentar o ancho da banda diminúe a sensación de velocidade por parte do condutor de vehículo a motor o cal lévao a circular por riba dos límites e aumenta o risco de ocasionar un accidente mortal.

Hai que ter en conta que a velocidade excesiva esta detrás da maioría dos falecidos como causa primaria ou secundaria, sobre todo nos atropelos a peóns e ciclistas.

Facer máis anchos os carrís non fai seguras as estradas, ao revés, só hai que ver que as estradas máis perigosas son as antigas Vías Rápidas, estradas de dobre sentido onde os condutores teñen a percepción de circular amodo a velocidades de 90-100km/h como na variante de Marín. A falsa seguridade ocasiona distraccións e excesos de velocidade que pagan os colectivos vulnerables.

A prioridade da deputación debe ser tomar medidas  de calmado de tráfico nas proximidades das vivendas, adoptar a zona 30 en poboado e a segregación (beirarrúas, carrís bici, sendas mixtas) nas vías de moito tráfico a motor e ciclista como pide a  Fundación Mapfre, a DXT e a Unión Europea
nos enlaces que facilitamos.

A seguridade é a primeira prioridade se queremos democratizar o uso da bicicleta e dunha vez homologarnos a Europa no uso da bicicleta para a mobilidade.  Preocúpanos esta moción da que estamos a falar se non se acompaña de medidas que garantan a seguridade de peóns e ciclistas nas vías onde aumente a sección da mesma e polo conseguinte a velocidade real de circulación dos vehículos a motor.
 

martes, 26 de julio de 2016 0 comentarios

62 Masa Crítica

Este Xoves 28 de xullo @s ciclousuari@s de Pontevedra voltaremos a coller os nosos vehículos e a circular pola cidade cun percorrido común.

Quedaremos ás 21 horas na praza da Peregrina e dende alí pedalaremos polas calzadas. Porque non bloqueamos o tráfico, somos tráfico. Tráfico respetuoso coa saude das persoas e do planeta, tráfico silencioso, eficiente e amable.

 Xa sabedes, usade a bici tódolos días, e celebrádeo unha vez ó mes facendo a Masa Crítica de Pontevedra.

Un saúdo a tod@s

miércoles, 20 de julio de 2016 0 comentarios

A obsoleta lexislación de circulación para bicicletas

Non é un segredo que España non é un país que teña en conta a bicicleta como elemento de mobilidade. Ata fai ven pouco se consideraba unha molestia a erradicar por parte das administracións a presencia de ciclistas en gran parte da rede viaria procurando apartalos aos itinerarios con moi pouca presencia de vehículos. Isto parte da consideración da bicicleta como un elemento alleo ao tráfico e aos ciclistas de mobilidade como cidadáns de segunda categoría ou pobres.
A lexislación centrouse nun tipo de uso da bicicleta, a utilización deportiva, así fomentouse o uso da mesma en grupo, permitiuse que nas baixadas se use a propia calzada, superar os 45km/h nas baixadas  e se permitiu desprazarse en paralelo co obxectivo claro de favorecer aos clubs ciclistas e grandes grupos de ciclistas.

http://ultimahora.es
Sen embargo Europa móstranos outro camiño distinto ao entender a bicicleta como algo máis sofisticado, un elemento de mobilidade. 
Holanda é un dos baluartes desta forma de entender a bicicleta non deportiva creando unha rede de carrís bici de uso obrigatorio, de gran calidade  con todas as interseccións e non compartido por peóns.
Nesta tesitura ampliouse o uso da bicicleta dun xeito exponencial ocupando o 31% do total desprazamentos no país e buscando claramente ser un substituto dos desprazamentos en vehículo a motor.
Vehículo non permitido en España

Desde Holanda podemos traer moitos vehículos que sendo ciclos non están permitidos en España pola normativa obsoleta que temos. Sobre todo os que permiten transportar nenos. Cando se fala de mobilidade sostible o primeiro que se trata son os transporte de persoas xa que utilizar un vehículo de 1.000-1500kg para levar unha carga de 60-80kg nun desprazamento de 4-9km é un absurdo polo que Holanda buscou crear unha rede de camiño escolar a todo centro de estudios que ten para reducir este tráfico que cada maña e medio día colapsa a cidade.
Prohibido, só se pode levar un neno en España

Hai que entender que estes ciclos non están prohibidos por ser un risco para os nenos senón porque o lexislador español non os  quere ter en conta.
Existe unha normativa Europea que obriga a homologar  todo vehículo  que outro país homologue para o transito neste país pero no referido aos ciclos de transporte de nenos, de varias prazas ou aos remolques de carga o estado Español estase a facer o avión conscientemente.


A lexislación española é a seguinte no referido a carga de persoas é bens:

Carga en remolque:
4. Las motocicletas, los vehículos de tres ruedas, los ciclomotores y los ciclos y bicicletas podrán arrastrar un remolque o semirremolque, siempre que no superen el 50 por 100 de la masa en vacio del vehículo tractor.

Este artigo xa elimina por defecto o uso dun remolque de carga, se a bici pesa 18kg a suma do remolque e a carga non pode pasar dos 9kg sen embargo non tempos problema cando a carga vai nas alforxas. Isto é así porque o lexislador fixo un "copia pega" do que pon o regulamento de circulación para os automóbiles.

Transporte de persoas en remolque:
c) Que en ningún caso transporten personas en el vehículo remolcado.
Así clausura o tema dos remolques de transporte de nenos. Aínda que  os mesmos se venden nos centros comercias e teñen homologación CE e TÜV. Incluso son máis seguros en certos tipos de accidente con vehículo a motor implicado para o neno.

Cadeiras homologadas:
1. Los ciclos que, por construcción, no puedan ser ocupados por más de una persona podrán transportar, no obstante, cuando el conductor sea mayor de eedad, un menor de hasta siete años en asiento adicional que habrá de ser homologado.

A lexislación só prevé levar un neno menor de 7 anos. Hai cadeiras de barra e guiador  incluso sobre a roda dianteira pero non teñen "homologación española" aínda que si en Holanda, Alemaña... pero volvemos ao mesmo, como o lexislador non esta pola labor non adapta a lexislación e a homologación Europea a España.

A lexislación Española leva tres lexislaturas intentando poñerse ao día pero o regulamento obsoleto do 2003 segue vixente con moitas trabas para a mobilidade ciclista que algúns concellos e a Federación de Municipios parchearon con ordenanzas municipais que nalgúns casos foron recortadas polos tribunais por ir contra o regulamento de circulación de 2003.

Para o estado o máis fácil sempre é lexislar antes que inverter, poñer o que quere ser no BOE, o cal nos deixa claro que é o que quere ser España neste momento, un lugar onde a bicicleta esta por detrás do automóbil e onde a primordial é o deporte non a mobilidade persoal.



miércoles, 13 de julio de 2016 0 comentarios

Imos á praia en Bici. Reivindicación da vía ciclista Pontevedra, Marín e Aguete.



O vindeiro día 17 de Xullo ás 12:00 na Praza de España de Pontevedra a Asociación Pedaladas convoca unha Manifestación co lema: “Imos á praia en bici” co obxectivo de reivindicar unha vía segura para as persoas de toda capacidade física e idade, unha vía ciclista que permita unha conexión entre Pontevedra, Marín e Aguete segura, cómoda e sostible.

Participantes:
A convocatoria non é aberta ao publico senón que hai que inscribirse para participar. Gustaríanos facer unha convocatoria aberta pero a nosa asociación non pode garantir a seguridade dos participantes co trazado actual nin consideramos seguro o regreso desde Portocelo para os participantes mentres non exista a vía ciclista que demandamos. Polo tanto o acto queda reducido aos nosos asociados e aos simpatizantes inscritos, cun máximo de 50 participantes xa que entendemos que polas datas nas que estamos unha convocatoria aberta con actividades engadidas tería tantos participantes que complicaría o acceso ás praias porque a estrada de acceso a Portocelo só ten un carril para o tráfico rodado.

Percorrido:
A ruta será Plaza España, rúa Marqués Riestra, rúa Augusto Gonzalez Besada, Praza de Galicia, Av Xeneral Antero Rubín, Rúa dos Gagos de Mendoza, Rúa Rosalía de Castro e PO-546 no Concello Pontevedra. Rúa Avelino Montero, PO-11 (tramo permitido a ciclistas) Av de Marín, PO-551, Rúa Tiro Naval (PO-551) e a Vía ciclista ata Portocelo no concello de Marín. O percorrido farase a uns 20km/h e terá unha duración duns 30 minutos aproximadamente. O retorno desde Portocelo é aberto. Os nosos asociados faran unha parada na Praia de Portocelo na que se lerá un pequeno manifesto. Pola tarde os socios de Pedaladas continuaran pola senda Azul da costa ata a Lapaman para demostrar que coordinando as obras que levan a cabo as administracións, neste caso Costas, pódense completar percorridos moi atractivos e seguros para persoas de toda condición.

Petición:
Os usuarios de bicicleta solicitamos ao Ministerio de Fomento, ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente así como o Concello de Marín e a Xunta de Galicia, titulares e responsables das vías entre Pontevedra, Marín e Aguete, que completen un itinerario ciclista e peonil que permita comunicar os concellos de Pontevedra, Marín e as praias de Portocelo, Mogor e Aguete dunha forma segura e cómoda para que persoas de todas as idades e condicións poidan facer uso desta vía ciclista como elemento de mobilidade, ocio e deporte ademais de dar lugar a un novo atractivo turístico na comarca de Pontevedra.
Este itinerario ciclista é unha oportunidade para establecer unha gran vía ciclista na provincia que chegue ata o espazo protexido Cabo Udra dando unha ruta de gran interese turístico capaz de dinamizar a zona e ser un xerador de emprego turístico desestacionado similar aos existentes en Alemania, Holanda, Italia, Francia… ou
ás vías verdes existentes en España.
Por elo insistimos en instar as administracións a facer posible esta vía ciclista tan demanda entre os cidadáns que depende
exclusivamente da vontade e valentía política para ser acometida.


Reunión co conselleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba.

Hoxe día 13/07/16 ás 13:00 reunímonos co conselleiro de deportes de Marín, Antonio Traba, para comunicarlle oficialmente e en persoa a nosa petición da vía ciclista entre Pontevedra, Marín e Aguete. Durante a reunión a asociación Pedaladas comprometeuse a facilitar unha proposta nos próximos días de intervención desde a escola naval ata a praia de Aguete aproveitando a maior parte do trazado xa existente de carril bici e compatibilizando o máximo posible o paso de vehículos a motor, o estacionamento, o espazo peonil e un senda mixta ciclista e peonil que mellore a seguridade viaria e permita levar a termo a ansiada ruta ciclista entre Pontevedra, Marín e Aguete.
Consideramos este un paso importe para conseguir convencer ao concello de Marín da importancia e viabilidade desta vía ciclista coa que temos un forte compromiso sabedores das posibilidades de mobilidade, ocio e turismo que poden crear para toda a comarca.

sábado, 2 de julio de 2016 0 comentarios

A ruta Combarro, Lourido e Pontevedra.

O Concello de Poio e Pontevedra historicamente sempre tiveron moitos vínculos culturais e económicos. Antes da construción da Barca existía un paso en barca para facilitar a comunicación entre ambos concellos de mercadorías e persoas, de aí o nome da actual Ponte da Barca.
A historia entre Pontevedra e as praias de Poio ten moitos capítulos para escribir como a xa esquecida praia da Puntana que quedou baixo a AP9 ou as barcas que  intercambiaban pasaxeiros no embarcadoiro da praia de Lourido.

A día de hoxe temos unha barreira artificial que é a AP9 xunto coa perda dos antigos camiños que facilitaban a mobilidade peonil e ciclista por itinerarios alternativos os actuais deseñados para os vehículos a motor.


A nosa proposta é a recuperación de camiños en desuso, aproveitamento de infraestruturas ciclistas inconexas e calmado de tráfico nunha rede de rúas e estradas que só se usan polos residentes para crear un itinerario que cree nova mobilidade, turismo e sexa unha alternativa de ocio.

Os retos non son poucos, temos que convencer a Xunta para que facilite un paso seguro pola PO-308, temos que convencer ao concello de Poio para que faga un calmado de tráfico en parte das súas rúas, temos que conseguir que a deputación aumente o carril bici entre Campelo e Lourido e por ultimo temos que convencer a costas de completar o percorrido das sendas litorais no espazo de dominio marítimo terrestre.

É un exemplo de todo o traballo que teñen estas vías. Non son custosas en cartos pero si en esforzos, a parte requiren un forte compromiso dos políticos que as fan posibles destinando recursos e non sempre teñen claro a potencialidade da bicicleta como motor social, económico e cultural nin se queira se teñen claro as veces teñen unha demanda social detrás que as xustifiquen.

Nese debate temos un arma ao noso favor, o barómetro da bicicleta 2015, que nos di que temos un 10% da poboación (entre 12 e 65 anos) que usa a bicicleta todos ou case todos os días do ano e un 49,6% da poboación que é usuaria. A brecha entre os usuarios intensivos e os usuarios ocasionais debese a falta de seguridade, non todos estamos dispostos a circular dentro do tráfico polo tanto é unha necesidade estender unha rede segura para esas persoas que nolo demandan as asociacións de ciclistas.