miércoles, 22 de marzo de 2017 0 comentarios

Manifestación: Libérate dos combustibles fósiles

 Sábado 25 ás 12:00 na Peregrina, ven a pedalear e "Libérate dos combustibles fósiles"



Hoxe mesmo se coñecen que todos os vehículos Diésel inspeccionados en circulación real en España emiten máis partículas contaminantes en tráfico real do que nos din as probas en laboratorio, chegando incluso a emitir 12 veces máis do declarado, o cal é unha terrible noticia para a saúde pública.

Tamén sabemos que a UE ten aberto un expediente sancionador contra España por falta de supervisión das emisións e calidade do aire no ámbito urbano e tamén que o goberno de España pon dificultades á aprobación por parte da UE de medidas contra as emisións de gases prexudiciais para a saúde humana. As cifras de mortalidade prematura por contaminación bailan entre as 19.000 e as 30.000 persoas ano en España segundo sexa o organismo é o método usado, pero en calquera caso como mínimo estamos a falar de multiplicar por máis de 10 os falecidos en sinistro viario.
Unha das responsabilidades das administración é coidar da saúde dos seus cidadáns, tomar medidas preventivas e fomentar o deporte e a actividade física. A administración tamén ten a obriga de protexer o medio ambiente e Pedaladas non considera que  se estean a tomar medidas valentes e eficientes que estean a previr os danos para a saúde e a protección do medio ambiente no referido á contaminación atmosférica provocada polo tráfico motorizado. Consideramos que se pode facer máis e aquí poñemos algunhas medidas sen custos extraordinarios para a administración:
               

Goberno de España.

- Deixar de protexer á industria do motor, poñendo trabas a que se aproben medias contra as emisións dos motores de combustión.
- Tomar medidas  de redución da contaminación por partículas PM10 e PM2,5 que na súa maioría veñen dos vehículos Diésel e danan a saúde humana.
- Deixar de incentivar o Diésel  con impostos baixos e implantar os impostos medio ambientais que graven o CO2. Reformar o IVTM e os impostos especiais para que o tráfico contaminante pague os custos sanitarios ocasionados.
- Favorecer os medios de transporte brandos, a pé e en bicicleta, fronte a alternativa contamínante da mobilidade motorizada. Aprobar o Plan Estratéxico Estatal da Bicicleta.
-Cando se faga renovación de flota só adquirir vehículos coa clasificación de emisións “ECO” ou “Cero Emisións” evitando os vehículos Diésel cando exista a alternativa.
- Deixar de poñer trabas as fontes de enerxía non contaminantes como co imposto ao sol.

Xunta de Galicia.

- Aprobar un Plan de Mobilidade Sustentable que promova o transporte colectivo, os desprazamentos en bicicleta e a pé.
-Na renovación de flota só adquirir vehículos coa clasificación de emisións “ECO” ou “Cero Emisións” evitando os vehículos Diésel cando exista a alternativa.
- Na renovación das concesións que dan o servizo de transporte público esixir a categoría de “ECO” ou “Cero Emisións” no caso dos Taxis e no caso dos Autobuses, híbridos ou movidos por GNV.

Concello de Pontevedra.

(Aínda que o Concello xa fixo moito pode seguir na mesma senda e mellorar)

- Implantar a Policía Local en bicicleta ou a pé nos servizos onde sexa posible.
-Na renovación de flota só adquirir vehículos coa clasificación de emisións “ECO” ou “Cero Emisións” evitando os vehículos Diésel cando exista a alternativa.
- A renovación dos vehículos que dan o servizo de transporte público a categoría de “ECO” ou “Cero Emisións” no caso dos Taxis e no caso dos Autobuses, híbridos ou movidos por GNV.
- Non igualar o IVTM dos Diésel e da Gasolina.
- Máis medidas de redución de vehículos a motor como as supermazás, os estacionamentos disuasorios no exterior da cidade e a redución de estacionamento libre no centro.
- Apostar polo transporte público entre Municipios e parroquias.

Convocatoria de “Pedalada Manifestación: Libérate dos combustibles fósiles.”
Como sabemos que ás administracións hai que “animalas” a cumprir coas súas responsabilidades nalgún eidos, Pedaladas xunto con outras asociacións ambientais o sábado 25 ás 12:00 na Praza da Peregrina convida a unha Pedalada pola cidade na que visitaremos tres das gasolineiras do centro urbano. A ruta é de 5.26km, sinxela para todo tipo de público. Agardamos que as administracións collan nota do importante que é favorecer os desprazamentos a pé, en bicicleta e transporte público como medio para protexer a saúde das persoas, e que se faga un esforzo por mudar o modelo de mobilidade que prima o vehículo motorizado privado que é insostible, contaminante, que fomenta o sedentarismo e dana a saúde coas súas emisións.

Non nos podemos fiar dos fabricantes de coches, as empresas conseguiron unha lexislación que os mostra como limpos nos laboratorios pero que no tráfico real consume  ata un 40% máis e contamina con partículas nocivas para a saúde ata 12 veces máis do anunciado.

No Response to "Manifestación: Libérate dos combustibles fósiles"

Publicar un comentario