miércoles, 22 de junio de 2016 0 comentarios

Pontevedra, a provincia amiga da Bicicleta


Na charla de hoxe imos facilitarlle aos cargos públicos da Xunta, Deputación e concellos unha moción para instar as administracións a sumarse a revolución da bicicleta. O texto da moción é o seguinte: (Grazas Iván Puentes por darlle forma)


Os Grupos Municipais do ................................., ao abeiro do disposto na lexislación vixente, presentan para o seu debate e votación no Pleno do Concello de ......................................... a seguinte moción, relativa á MELLORA DA MOBILIDADE CICLISTA.



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Tal e como indica o “Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia”, en fase de borrador desde o ano 2013, os modos non motorizados de transporte, é dicir aqueles que non precisan de enerxías producidas por motores senón que utilizan a enerxía humana directamente, ou a animal, como nos desprazamentos a pé, ou mediante un instrumento interposto, como a bicicleta ou os patíns, foron ata hai menos de 150 anos os máis empregados nos desprazamentos humanos e, particularmente, nos urbanos.

A mediados do século XIX, cando Madrid superara os 500.000 habitantes, Nova York, os
750.000, Paris, o millón, e Londres, os dous millóns, non existían medios motorizados de transporte e a inmensa maioría das viaxes internas ás cidades facíanse a pé ou mediante cabalarías. Ata 1950 os cidadáns europeos movíanse basicamente a pé ou en bicicleta para desprazarse ao traballo, á escola ou de compras.

A historia demostra, así, que os modos non motorizados puideron resolver e poderían resolver hoxe en día unha gran proporción dos desprazamentos internos ás cidades, mesmo nas máis grandes. Constitúen, polo tanto, unha alternativa real ao transporte para un amplo abano de distancias e motivos, presentando ademais vantaxes evidentes dende o punto de vista ambiental, económico, sanitario e social.

En efecto, aínda hoxe en Europa en torno a un 70% de tódolos desprazamentos urbanos teñen unha lonxitude inferior a cinco quilómetros, mentres unha proporción próxima á metade percorren menos de 2 quilómetros. A bicicleta ou o desprazamento a pé son plenamente competitivos nestas distancias cos medios motorizados, especialmente co automóbil. A bicicleta é, estatisticamente, o medio de transporte urbano máis rápido ata os 7‐8 quilómetros de distancia, mentres o camiñar o é ata os 300‐500 metros, de acordo ás diversas fontes dispoñibles. Pola súa banda, para percorrer 2 quilómetros andando precísanse en torno a 20 minutos, tempo máis que suficiente para percorrer 5 quilómetros en bicicleta.

Segundo o “Plan Galicia Saudable 6” as enfermidades crónicas non transmisibles (entre ás que destacan pola súa incidencia a obesidade, as enfermidades cardiovasculares e a diabete) constitúen o principal problema de saúde da poboación galega. Ademais, "o sedentarismo e a inactividade física están entre as principais causas das enfermidades crónicas non transmisibles, polo que a promoción dunha vida activa é un dos piares sobre os que deben asentarse as estratexias e accións dirixidas á prevención e o control destas enfermidades". Por este motivo, o Plan Galicia Saudable incorpora tamén no seu programa de "Urbanismo, medio ambiente e mobilidade para fomentar a actividade física" unha serie de medidas de fomento da mobilidade sostible.

O incremento da mobilidade ciclista non só xera beneficios desde o punto de vista da saúde ou da reducción da contaminación e da súa evidente contribución ao desenvolvemento sostible das nosas cidades e vilas, senón que tamén é rendible desde o punto de vista económico, tanto para as economías familiares como para as contas das administracións públicas, fundamentalmente polo aforro no mantemento de vías que a reducción do tráfico a motor implica e pola promoción de novos sectores económicos, sobre todo vencellados ao turismo, que a mobilidade sostible fomenta dun xeito induvidable.

Nesta liña, a Mesa Nacional pola Bicicleta apunta xa nun estudo do ano 2014 a necesidade de explotar o “filón” económico do clicoturismo europeo. Tal e como se sinala nese documento o modelo turístico actual, sendo vital para a economía española, ten síntomas de tocar fondo, polo que se precisan novas fontes de turismo e o cicloturismo é unha das que máis está a medrar nos países europeos.

Suíza, Alemaña e Francia son os líderes no ránking mundial de competitividade turística e son dos que máis apostan polo cicloturismo en todo o mundo. Entre 2008 e 2010 en Francia o cicloturismo creou 16.500 empregos directos e xerou dous mil millóns de euros anuais, atraendo a un millón de turistas estranxeiros dispostos a montar en bicicleta. Pola súa parte, o sector turístico alemán acadou unha cifra de negocio de 9.000 millóns de euros en 2009 cos cicloturistas. E en Suíza, o primeiro investimento de 10 millóns de euros (1998) para facer a rede nacional de nove rutas ciclistas amortizouse sobradamente en 2002, con 240 millóns de ingresos por turismo ciclista; é dicir, en catro anos conseguiuse superar 24 veces o investimento primario.

En España, o único exemplo a gran escala deste tipo de turismo son as Illas Baleares, pero centrado só no ciclismo deportivo, non no de viaxe familiar ou de alforxa (o más habitual é o que máis ingresos xera no resto de Europa), dado que os ciclistas deportivos son os únicos dispostos a usar o casco obrigatorio en España en vías interurbanas, unha das maiores disuasións para os cicloturistas de viaxe vindos doutros países europeos, que non están dispostos a asumir, e nin sequera entenden, unha medida estraña no resto do contexto normativo europeo. Aínda así, a afluencia de ciclodeportistas en Baleares é de 90.000 por ano, o que xera máis de 64 millóns de euros de ingresos, segundo o goberno balear.

Galicia e, particularmente a provincia de Pontevedra, non son alleas a esta realidade, tanto no que ten que ver coa necesidade de incentivar a mobilidade ciclista nos desprazamentos ordinarios dos nosos veciños e veciñas, como na oportunidade económica e de desenvolvemento que suporía para os nosos concellos unha aposta decidida polo cicloturismo.

Neste senso, a Asociación Pedaladas ven reivindicando desde hai anos infraestruturas de interconexión ciclista entre os concellos da comarca de Pontevedra, que de facerse realidade permitirán a mobilidade laboral, de ocio..., fomentarán o deporte e serán o primeiro paso para crear un novo atractivo turístico que permita xerar actividade económica e emprego na comarca.

O problema fundamental para a creación destas infraestructuras non é o seu custe, pois en moitas ocasións trátase simplemente de sinalizar ou adaptar vías previamente existentes, e, en todo caso, son custes realmente pequenos en comparación coa construcción de infraestructuras destinadas á mobilidade a motor. O problema realmente complexo é que estamos a falar de vías supramunicipais, é dicir, de infraestruturas que para a súa materialización requiren da necesaria coordinación e colaboración entre os catro niveis de administracións competentes nos diferentes treitos: concellos, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Goberno de España.

Polo tanto, por todo o sinalado anteriormente, os referidos grupos municipais presentan a seguinte:




PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

A Corporación Municipal de ............................. acorda:

PRIMEIRO: A fin de fomentar a mobilidade ciclista e o cicloturismo, instar ás diferentes administracións competentes (concellos, Deputación Provincial de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno de España) a:

a. Establecer vías ciclistas seguras que fomenten a mobilidade sostible entre concellos e permitan explotar o turismo en bicicleta.

b. Incorporar aparcadoiros para bicicletas nos lugares de interese turístico das vías ciclistas e en equipamentos públicos.

c. Coordinar as accións para o fomento das vías ciclistas con todas as administración implicadas.

SEGUNDO: Instar á Deputación Provincial de Pontevedra, como órgano supramunicipal máis inmediato, a crear a MESA PROVINCIAL POLA MOBILIDADE CICLISTA, na que, ademáis do Goberno Provincial, estean representados os diferentes concellos, a Xunta de Galicia, o Goberno de España, a Dirección Xeral de Tráfico, as asociacións e clubes ciclistas da provincia e a Federación de Ciclismo.

A Mesa reunirase, polo menos, dúas veces ao ano para avaliar a seguridade viaria ciclista na provincia e plantexar proxectos de cooperación que permitan crear novas infraestruturas nesta materia.

TERCEIRO: Instar a este Goberno Munipal, á Deputación Provincial de Pontevedra, á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, a habilitar nas súas respectivas páxinas web e/ou redes sociais un espazo de comunicación permanente que permita as usuarios da bicicleta notificar problemas de seguridade na súa rede de estradas.

CUARTO: Á marxe da constitución da Mesa Provincial pola Mobilidade Ciclista e dos resultados que dela se deriven, co obxectivo de atacar desde xa os problema de seguridade viaria, ínstase ás referidas administracións a:

a. Mellorar a seguridade viaria facendo beiravía transitable nas estradas con velocidades superiores a 50km/h con alta densidade de tráfico.

b. Delimitar as travesías coa sinalización obrigatoria e situar medidas de calmado de tráfico para facer efectiva a limitación de velocidade.

c. Non permitir os estacionamentos irregulares fóra de travesías ou poboado, xa que coloca ao ciclista nunha situación de risco innecesario.

d. Sinalizar a presencia de ciclistas nas vías de alta afluencia dos mesmos coa lenda de distancia mínima lateral no adiantamento de 1,5 m.

e. Axustar as velocidades primando os modos de desprazamento ciclista e peonil, adoptando a zona 30 nos núcleos poboados, 50km/h como máximo onde se permita o aparcamento.

......................, ....... de .............. de 2016














...................................................... ...................................................... Voceiro/a do G. M. do .................. Voceiro/a do G. M. do ..................
















...................................................... ...................................................... Voceiro/a do G. M. do .................. Voceiro/a do G. M. do ..................







ILMO/A. SR/A. ALCALDE/SA DO CONCELLO DE...........................

No Response to "Pontevedra, a provincia amiga da Bicicleta"

Publicar un comentario