jueves, 4 de agosto de 2016 0 comentarios

A Valedora do pobo contesta a Pedaladas

Na visita da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, recolleu unha petición da Asociación Pedaladas e o 3/8/2016 contestounos. O que lle expuxemos a Valedora é a necesidade de contar con un interlocutor do Ministerio de Fomento e da Dirección Xeral de Tráfico para resolver a problemática da seguridade dos ciclistas na comarca de Pontevedra.

A Valedora do Pobo contestounos que non é competente para pedirlle ao Estado o que lle solicitamos polo que estamos nunha vía morta. Comunicounos que vaille traspasar o expediente ao Valedor do Pobo estatal para que estude a nosa petición. Mentres seguemos coa mesma problemática de malas infraestruturas, inseguridade ciclista e peonil e administracións pouco implicadas na  mellora da mobilidade sostible.
Que estamos a pedir desde a Asociación Pedaladas: 
 

Mellora da seguridade na rede estatal de estradas en Pontevedra:
As peores estradas para circular con unha bicicleta na comarca de Pontevedra coinciden coas nacionais que son de titularidade estatal. Os nosos intentos por comunicarnos co ministerio morren coa distancia a que está Madrid. Non nos é posible falar das grandes deficiencias que teñen as estradas nacionais de Pontevedra para que se arranxen. Estamos moi preocupados porque estas estradas contan cun abundante tráfico de usuarios de bicicleta que non teñen opcións alternativas para facer os seus desprazamentos.

Por poñer exemplos destas estradas está o nó de bombeiros, a N-550 Vigo Pontevedra, a N-554 Vilaboa Rande... estradas que nos últimos anos tiveron accidentes graves con ciclistas implicados.

A mellora das medidas de protección dos colectivos vulnerables por parte da DXT:


A provincia de Pontevedra ten un problema grave de seguridade para peóns e ciclistas. Estamos peor que a media nacional en accidentes con colectivos vulnerables implicados, os Pontevedreses abrimos noticiarios case todas as semanas con accidentes con vítimas o cal e signo de que non se está a facer todo o preciso para cambiar esta situación.
Nunha reunión coa Xefatura de tráfico solicitamos aumentar a presencia do radar nas vías secundarias e accesos ás vilas xa que é onde se concentran os atropelos a peóns e ciclistas sen obter unha resposta positiva a pesar de que a DXT ten nas súas campañas un aumento da vixilancia nas vías secundarias.
Tamén a Asociación Pedaladas pediu aumentar a sinalización vertical da obriga de respectar o 1.5m de distancia lateral mínima nos adiantamentos a ciclistas nas vías onde se produciron accidentes con ciclistas implicados. A estas dúas propostas non se conseguiu  ningún compromiso o cal nos fai dubidar do compromiso real da DXT por mellorar a seguridade dos ciclistas na nosa provincia.

Unha canle de participación cidadá do estado no referido á seguridade viaria:
Os Concellos teñen canles para fomentar a participación e a achega de suxestións pero no caso do Estado non se contempla unha canle de participación. A Asociación Pedaladas xa ten pontes de comunicación nos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa, coa Deputación de Pontevedra e estamos a tratar de fortalecer as relacións coa Xunta de Galicia pero o Estado está totalmente de costas a esta necesaria participación se queremos mellorar as nosas infraestruturas e seguridade para permitir a mobilidade ciclista.

Os nosos esforzos son moitas veces estériles por mor da desesperadamente lenta que é a administración e as guerras de competencias entre os titulares das estradas. Temos exemplos de administracións que se preocupan pola seguridade pero cando máis grande e afastada está a administración menos implicación ten polas formas de mobilidade máis vulnerables e sostibles.
O estado non vai conseguir cumprir os compromisos de seguridade nos desprazamentos a pé e bicicleta que decidiu a UE no horizonte 2020 por non tomarse en serio estas dúas formas de mobilidade. É preciso que o estado escoite e se preocupe por facer estradas seguras para peóns e ciclistas en Galicia xa que contamos con gran dispersión poboacional que vive as beiras desta rede de estradas nacionais, a falta de seguridade empuxa aos cidadáns a usar un vehículo a motor cando non é preciso ou directamente impide a mobilidade dos que non ten acceso a ese automóbil.
Non contar coa mobilidade peonil e ciclista e ter que pedir melloras na seguridade para non recibir resposta é propio do século pasado.

No Response to "A Valedora do pobo contesta a Pedaladas"

Publicar un comentario