miércoles, 17 de agosto de 2016 0 comentarios

Máis modelo urbano. O transporte público e a mobilidade ciclista.

Estamos a poucas semanas da “Semana Europea da Mobilidade” polo que estamos a quecer a temática falando en diferentes artigos dos problemas de contaminación, do uso do espazo publico e da mobilidade sostible no noso País. España nunca se tomou en serio a mobilidade sostible e presenta numerosas deficiencias en cousas tan básicas como o regulamento de circulación e xa non entremos en infraestruturas comparando o modelo de vías de alta capacidade do noso país con modelo ciclista e de transporte público de Holanda.


O tratado de Paris. COP21. As emisións de gases de efecto invernadoiro.

Fai menos dun ano que se firmou o substituto do protocolo de Kioto, que por certo España  cumpre os obxectivos desde fai un ano, que nos vincula a garantir que a temperatura global non vai subir 2ºC a finais deste século. Este tratado é importante porque nos deixa cun compromiso de tal calibre que para 2050 deberíamos ter balance neto nas emisións de CO2. Isto quere dicir que nos próximos anos debemos baixar as emisións de CO2 ao que o cuberta de vexetación e os mares sexan capaces de atrapar. O cambio para os cidadáns vai ser enorme, un 40% das emisións globais veñen do transporte e mobilidade polo que deberemos adaptar a nosa mobilidade a reducir de forma significativa o CO2.

O modelo de Pontevedra.

A cidade de Pontevedra, co seu modelo premiado, ten varios méritos conseguidos no que é o compromiso de redución de emisións. O modelo prima os desprazamentos sostibles e o Concello de Pontevedra nos di que se conseguiu unha redución do 65% das emisións de CO2 comparando 1996 con 2014. Aínda así non sería suficiente o que esta a facer Pontevedra, estamos moitos pasos por diante de España na redución de emisións pero lonxe do balance neto que é o compromiso da COP21.

Onde non chega o modelo de Pontevedra.


 

 - O transporte público: Nos desprazamentos de máis de 30 minutos a pé temos unha carencia que a día de hoxe resolvese usando transporte privado en vehículo a motor. En Galicia existe unha problemática de dispersión
de vivendas e estamos lonxe dunha situación ideal de núcleos compactos que facilita a creación de rutas de transporte público.
Isto non é escusa para non facer unha aposta firme por esta forma de mobilidade. Se queremos reducir máis o uso do vehículo privado para seguir gañando espazo para os cidadáns reducindo o espazo destinado aos coches hai que facilitar unha alternativa aos desprazamentos onde a distancia descarta ir a pé.

Exemplos de deficiencias:
Pontevedra - Aeroporto de Santiago, non ten conexión directa, depende dun transbordo é ten un custo mínimo de 9,10€/ traxecto superando o custo do automóbil privado.

Pontevedra – Vigo 2,5€/traxecto, non permite a inter modalidade co transporte metropolitano de Vigo. O custo supera ao vehículo privado.

Pontevedra – Polígonos industriais. O transporte colectivo nos desprazamentos laborais é mínimo. Os polígonos énchense de vehículos privados en horario laboral.

Faltan rutas, falta inter modalidade co transporte metropolitano, falta frecuencia e falta priorizar no tráfico o transporte colectivo fronte ao privado. Non temos un servizo comparable ao servizo público que reciben os Cataláns, Vascos ou Madrileños porque estamos privados das políticas que melloren o transporte colectivo.



- A mobilidade ciclista:


A zona 30, os lombos, as medidas de calmado de tráfico resolveron os desprazamentos deportivos pero non chegan ao gran público. O retrato do ciclista de Pontevedra que fai desprazamentos de mobilidade é dunha persoa xove, con boas condicións físicas e que non lle importa circular entre os vehículos a motor.
Este retrato elimina a maioría da poboación e do estándar Holandés onde a bicicleta é un dereito, non unha opción para un usuario concreto. Se queremos facer da bicicleta un instrumento democrático de mobilidade hai que afondar máis na plataforma única, calmar moito máis o tráfico ata ter unha zona 30 real e tamén facer carril bici.

Mentres seguirá tendo un público limitado en idade e condición física a parte de estar ligado as rúas onde a reforma urbana conseguiu impor o modelo de cidade integrador.


Moito traballo por facer:

Xa quedou claro que o modelo dun coche por cada persoa que foi imperante en Pontevedra ata 1996 esta caduco polos problemas xerados xa que é insustentábel. Necesitamos máis desprazamentos e pé, en bicicleta e no transporte colectivo. Hai que adoptar políticas que limiten o uso do vehículo a motor privado en favor das outras formas de mobilidade. Temos compromisos que cumprir de emisións pero tamén temos que facelo por calidade de vida, saúde pública e eliminación da barreira que supón precisar un automóbil para ter mobilidade laboral e de ocio.
Hai que adaptar as infraestruturas  aos novos tempos no que o coche non vai ser o rei da mobilidade, fomentar os camiños escolares e democratizar o uso da bicicleta aos usos non deportivos pero tamén dar a alternativa do transporte colectivo en detrimento do automóbil.

No Response to "Máis modelo urbano. O transporte público e a mobilidade ciclista."

Publicar un comentario