viernes, 27 de mayo de 2016 1 comentarios

Xornada formativa “Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas”



 


A asociación pedaladas vai impartir no IES Sánchez Cantón e no IES Frai Martín Sarmiento en Pontevedra e no IES Sampaio en Tui unha xornada de Seguridade Viaria para Ciclistas menores de idade neste mes próximo de Xuño.

A xornada de formación baixo o titulo: “Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas” vaise impartir nestes tres centros como proba piloto para a implantación en máis centros de estudios para o curso 2016-17.



A nosa asociación busca con este curso a potenciación da mobilidade peonil e ciclista para substituír parte dos desprazamentos aos centros de estudios en vehículos a motor por desprazamentos sostibles en bicicleta ou a pé. Unha parte importante do tráfico da cidade é propiciado polos desprazamentos aos centros de estudios que son duns poucos quilómetros na súa maioría e poden facerse cunha bicicleta de forma segura gracias ás medidas de calmado de tráfico.
A elección dos dous centros de Pontevedra para a proba piloto dunhas xornadas de formación que completaranse no curso 2016-2017 debese a que teñen mozos que se desprazan habitualmente en bicicleta ao seu centro de estudios e contan con apoio da dirección do centro para fomentar este vehículo. Esta xornada de formación vai ter dous bloques de contido, a mobilidade sostible ciclista e peonil en contraposición co automóbil e os problemas que este ocasiona de contaminación, uso do espazo público e consumidor de recursos e a seguridade viaria para ciclistas onde se imparte normativa, consellos e elementos obrigatorios na circulación usando unha bicicleta.

Elementos troncais do curso:
- Fomento da mobilidade sostible.
- Aumento da autonomía persoal dos mozos e independencia nos desprazamentos.
- Mellora da confianza no uso da bicicleta pola calzada na zona 30.
- Normas básicas para unha circulación segura en bicicleta.
- Elementos obrigatorios da bicicleta na circulación entre o solpor e o amencer.



 






Temos detectado un alto descoñecemento das normas de circulación de parte da sociedade a parte de incumprimentos conscientes por falta de concienciación de que as normas de circulación do tráfico son normas de convivencia no espazo público. O noso obxectivo e reducir esa carencia formativa dentro dos mozos que están a empezar a usar bicicleta e que a vez consigan autonomía propia e confianza para usar a bicicleta nos seus desprazamentos.







 


É importante salientar que o primeiro vehículo ao que temos acceso é a bicicleta e que o acceso a formación temperá fomenta que sexamos mellores condutores de automóbil no futuro. A falta de cultura ciclista en España é un problema que ocasiona conflitos de convivencia que non se dan noutros lugares onde a bicicleta esta aceptada como un vehículo mais polo que formar as novas xeracións no cumprimento das normas é básico para que nun futuro teñamos menos mortos e feridos tanto usando bicicletas como vehículos a motor.








1 Response to Xornada formativa “Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas”

Anónimo
27 de mayo de 2016, 18:12

Graciñas pola vosa iniciativa

Publicar un comentario