viernes, 10 de junio de 2016 0 comentarios

Presentación das Vias ciclistas da comarca de Pontevedra


 Presentación das Vias ciclistas da comarca de Pontevedra

    O  vindeiro día 22 de Xuño ás 17:00 na sala de conferencias da Casa das Campás en Pontevedra, a  asociación Pedaladas vai  presentar as vías ciclistas dentro da comarca de Pontevedra que a nosa asociación considera importantes para permitir a mobilidade ciclista.

    Nos últimos anos a nosa asociación reivindicou infraestruturas de conexión cos concellos limítrofes de Pontevedra que permitirán a mobilidade laboral, de ocio e recados, que fomenten o deporte e que puideran ter un atractivo turístico como motor económico da comarca.  Atopamos que estas vías teñen o problema fundamental de que dependen de varias administracións, o cal imposibilita a súa realización sen acordos entre as mesmas.
    Polo tanto, a nosa asociación decidiu dar un paso a diante e convocar unha reunión con representantes dos Concellos limítrofes (Marín, Vilaboa, Poio, Pontevedra), da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia así como aos partidos políticos con presencia na nosa provincia.

Xa foron entregadas cartas de invitación aos alcaldes Miguel Anxo Fernández Lores, María Ramallo, José Luís Poceiro e Luciano Sobral. Á presidenta da deputación Carmela Silva e ao deputado provincial Uxío Benítez. Así como aos portavoces dos grupos municipais de Pontevedra Luis Rey, Agustín Fernández, María Rey e Jacobo Moreira. Ao director da Axencia Galega de Infraestruturas Francisco Menéndez Iglesias. Xa temos confirmadas varias asistencias desta lista e esperamos nos próximos días máis confirmacións e ampliar as invitacións.

Os técnicos ou cargos interesados en participar cos que aínda non nos comunicamos poden poñelo no noso coñecemento no noso correo masacriticapontevedra@gmail.com Polo tipo de contidos aconsellamos a presencia de cargos con responsabilidades en seguridade cidadá, turismo, deporte e infraestruturas xa que son os eixos da presentación.



    A reunión, baixo o titulo “Presentación de vías ciclistas dentro da comarca de Pontevedra”, pretende abrir o debate dentro das administracións para mellorar as comunicacións que permitan a mobilidade sostible nos desprazamentos de hasta 9km que son os máis atractivos desde un punto de vista de substituír o vehículo a motor por unha bicicleta.

    O acto terá unha duración aproximada dunha hora con posibilidade de prolongalo 30 minutos se hai coloquio posterior. Os temas que se expoñerán serán a mobilidade sostible, a seguridade viaria, o mapa de vías ciclistas da comarca, o cicloturismo e unha petición de compromisos ás administracións.

As rutas principais que se expoñerán na presentación son:

A vía verde a Ponte Sampaio: A ruta permite comunicar Pontevedra con Ponte Sampaio e Vilaboa aproveitando a antiga liña do tren en desuso. Esta ruta permite o acceso a Salinas do Úllo, a Pedra Miranda e a Enseada de San Simón no que se refire a atractivos turísticos que conecta. No referido a mobilidade permite unha vía de comunicación segura que evita o uso da N-550 onde morreu un ciclista e nos últimos anos houbo numerosos accidentes con bicicletas implicadas. Esta ruta abre a porta a comunicación con Redondela e Arcade así como sería  fácil de continuar con un ramal ata Santa Cristina de Cobres.

O carril bici de Marín: A ruta permite unir dúas cidades con fortes vínculos económicos e laborais. A ruta acerca a ambas cidades e permite aos cidadáns de Marín acceder aos parques urbanos de Pontevedra e o seu núcleo histórico. Os Pontevedreses terían acceso as praias de Marín sen ter que facer uso do seu automóbil nun traxecto sen case desnivel que se completa en media hora. Esta ruta ten unha continuación lóxica pola costa hasta Bueu /Beluso para completar o percorrido chegando ao espazo protexido de Cabo Udra facendo un percorrido de 27km de características similares o carril bici Baiona a Guarda pero con moitos usuarios posibles. Esta vía mellora a seguridade evitando o tráfico pesado da PO-546 e a alta densidade de tráfico sen beiravías da PO-551.

A ruta Combarro Lourido Pontevedra: Un dos puntos máis visitados da provincia é a vila de Combarro e o seu núcleo histórico. Unha ruta que uniría a cidade de Pontevedra con Combarro tería un forte atractivo turístico que ademais permitiría acceder a Praia de Lourido e facilitar a mobilidade ciclista de dous concellos case unidos por vivendas. A ruta permite desviar da perigosa PO-308 o tránsito ciclista a parte de ser unha variante con menor desnivel que a PO-308.

As rutas permiten crear uns atractivos turísticos importantes pensando na apertura da liña do AVE Pontevedra  - Madrid onde é posible transportar bicicletas, polo que se abre a porta a un activo turístico desestacionado a parte de ser moi positivo para facilitar unha mobilidade sostible e saudable.

A nosa Asociación ten clara a demanda social existente por estes tipos de vías na nosa comarca pola que a nosa proposta busca a máxima eficiencia posible e que a maior parte da poboación se vexa beneficiada da súa existencia. O máximo problema ao que nos enfrontamos é a necesaria coordinación entre administracións e a vontade política para executar este tipo de infraestruturas. Por iso decidimos implicarnos facendo esta presentación para tratar de convencer aos actores políticos das vantaxes de investir en infraestruturas ciclistas e peonís. Por nós non vai quedar.

No Response to "Presentación das Vias ciclistas da comarca de Pontevedra"

Publicar un comentario