viernes, 27 de mayo de 2016 1 comentarios

Xornada formativa “Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas”



 


A asociación pedaladas vai impartir no IES Sánchez Cantón e no IES Frai Martín Sarmiento en Pontevedra e no IES Sampaio en Tui unha xornada de Seguridade Viaria para Ciclistas menores de idade neste mes próximo de Xuño.

A xornada de formación baixo o titulo: “Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas” vaise impartir nestes tres centros como proba piloto para a implantación en máis centros de estudios para o curso 2016-17.



A nosa asociación busca con este curso a potenciación da mobilidade peonil e ciclista para substituír parte dos desprazamentos aos centros de estudios en vehículos a motor por desprazamentos sostibles en bicicleta ou a pé. Unha parte importante do tráfico da cidade é propiciado polos desprazamentos aos centros de estudios que son duns poucos quilómetros na súa maioría e poden facerse cunha bicicleta de forma segura gracias ás medidas de calmado de tráfico.
A elección dos dous centros de Pontevedra para a proba piloto dunhas xornadas de formación que completaranse no curso 2016-2017 debese a que teñen mozos que se desprazan habitualmente en bicicleta ao seu centro de estudios e contan con apoio da dirección do centro para fomentar este vehículo. Esta xornada de formación vai ter dous bloques de contido, a mobilidade sostible ciclista e peonil en contraposición co automóbil e os problemas que este ocasiona de contaminación, uso do espazo público e consumidor de recursos e a seguridade viaria para ciclistas onde se imparte normativa, consellos e elementos obrigatorios na circulación usando unha bicicleta.

Elementos troncais do curso:
- Fomento da mobilidade sostible.
- Aumento da autonomía persoal dos mozos e independencia nos desprazamentos.
- Mellora da confianza no uso da bicicleta pola calzada na zona 30.
- Normas básicas para unha circulación segura en bicicleta.
- Elementos obrigatorios da bicicleta na circulación entre o solpor e o amencer.



 






Temos detectado un alto descoñecemento das normas de circulación de parte da sociedade a parte de incumprimentos conscientes por falta de concienciación de que as normas de circulación do tráfico son normas de convivencia no espazo público. O noso obxectivo e reducir esa carencia formativa dentro dos mozos que están a empezar a usar bicicleta e que a vez consigan autonomía propia e confianza para usar a bicicleta nos seus desprazamentos.







 


É importante salientar que o primeiro vehículo ao que temos acceso é a bicicleta e que o acceso a formación temperá fomenta que sexamos mellores condutores de automóbil no futuro. A falta de cultura ciclista en España é un problema que ocasiona conflitos de convivencia que non se dan noutros lugares onde a bicicleta esta aceptada como un vehículo mais polo que formar as novas xeracións no cumprimento das normas é básico para que nun futuro teñamos menos mortos e feridos tanto usando bicicletas como vehículos a motor.








martes, 24 de mayo de 2016 0 comentarios

60 Masa Crítica e Puertorruta

Ola a tod@s.

Este xoves 26 a masa crítica de Pontevedra volta a sair á rúa para facer un percorrido común polas rúas da cidade cos nosos vehículos, as bicicletas.

 Xuntarémonos ás 21 horas na praza da Peregrina.

Por outra banda, a tenda El puerto BWS", coa colaboración do seu clube e a asociación Pedaladas, seguen a celebrar as "Puerto rutas de iniciación o Btt" o ´´ultimo domingo de cada mes.

Nesta ocasión percorreremos os montes de Campañó e as faldas do Castrove nun recorrido de uns 26km. Recordade que é obrigatorio apuntarse na propia tenda, xa que as prazas son limitadas.

Un saúdo a tod@s


martes, 17 de mayo de 2016 Tags: , , , , 0 comentarios

¿Para cando o paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín?


Fai aproximadamente un ano anunciouse en plena campaña ás eleccións municipais un paseo peonil e ciclista que uniría Pontevedra e Marín. Un paseo que permitiría unha comunicación segura entre as dúas vilas para que os cidadáns puideran facer os seus desprazamentos sen ter que usar un automóbil, unha infraestrutura que vai máis aló do que é un novo espazo de lecer.

Pontevedra e Marín son dúas vilas separadas por tan só sete quilómetros e sen desnivel, un traxecto que con unha bicicleta e a ritmo de paseo non leva nin vinte minutos pero que por culpa das infraestruturas non é seguro desprazarse cunha bicicleta.

Neste último ano abríronse múltiples frontes coa mesma temática ciclista, vía acordos plenarios e reivindicacións de asociacións e particulares. Polo camiño pediuse que os camións de ENCE teñan unha vía de servizo e entren pola PO-11 e non pola estrada vella xunto cunha mellora da seguridade viaria desta estrada  ou incluso unha cesión desta vía ao Concello de Pontevedra. Polo de agora sen máis percorrido que moitos titulares nos medios de comunicación.

O asunto parece enquistado, as posibilidades para executar unha infraestrutura son moitas e parece que é cuestión de vontade política, máis que de cuestión técnica, hai quen quere continuar o paseo da PO-11 sen tocar os carrís, hai quen quere anular un carril da PO-11, outros queren facer un carril bici na estrada vella, outros din que con modificar a estrada vella con lombos e pasar a velocidade a 30km/h xa chega. As posibilidades son múltiples, o que non se discute é que é preciso conectar Marín e Pontevedra dunha vez de forma segura para ciclistas e peóns.

 Cremos que poucas cuestións nestes anos tiveron tantos apoios de tan diferentes actores políticos, non hai un grupo municipal que non teña o seu proxecto para esta infraestrutura. Quizais de aquí veña o atraso dos ministerios de Fomento e Medio Ambiente porque unha obra menor cun presuposto ridículo para os números que manexa a administración non entendemos que escusa pode ter para non estar xa feita.

Desde Pedaladas, como levamos reivindicando esta infraestrutura desde o 2009 e sabemos o desesperadamente lento que é conseguir que unha administración faga algo, incluso estando todos os implicados de acordo; a nosa proposta foi e é facer o máis sinxelo, menos custoso, con menos impacto ao medio e incluso o que parece máis lóxico.


Adaptar a PO-11 ou mal chamada Autovía de Marín ao paso de ciclistas. Esta vía é da rede convencional xa que non é unha autovía. Ten unha utilización moi baixa, segundo os detectores que existen no punto quilométrico 1,8 esta vía normalmente usa o 7% da súa capacidade con picos do 11%. Adaptar a vía só precisaría afectar a un dos catro carrís de circulación e tería un custo mínimo, a execución duraría semanas e podería estar lista para este mesmo verán. Por isto entendemos que é un problema de vontade política.

Esta infraestrutura é primordial xa que permitiría chegar as praias de Marín, ir a facer recados dunha cidade a outra, que os traballadores do Porto que viven en Pontevedra non tiveran que usar o seu automóbil, que os rapaces das dúas cidades gañasen autonomía persoal... moitas vantaxes cuns custos mínimos pero seguimos agardando un pouco de visión e gañas dos que cada vez que hai eleccións piden a nosa confianza.

domingo, 8 de mayo de 2016 Tags: , , 0 comentarios

En Pontevedra respiramos aire moderadamente contaminado.



En Pontevedra respiramos aire moderadamente contaminado.

Sempre é difícil asegurar algo rotundamente, respiramos aire contaminado ou non, pois segundo a quen lle fagamos caso está ben ou causa mortos. Se usamos o criterio da UE e por extensión de España e da Xunta, que expoñen nas súas webs, o habitual é ter unha calidade do aire “Boa” ouAdmisible” na nosa cidade.
A lexislación da UE preocupase moito de non danar as empresas polo que os criterios son sempre políticos e de emprego, adaptando a saúde dos cidadáns ás necesidades das grandes empresas. Isto non sucede coa OMS que o único criterio que lle importa é a saúde pública, polo que fixa uns valores para os contaminantes atmosféricos máis exixentes.


Entón,o asunto complicase na nosa cidade se lle facemos caso a OMS e non a UE, cos valores da estación de Campolongo do mes de Marzo temos un aprobado raspado en NO2, O3, PM10 e suspendemos en PM2.5 que son moi perigosas para a saúde.
O asunto non é menor, cos criterios da OMS o 9
5% dos Españois respiramos aire contaminado cunhas consecuencias para a saúde de 19.000 falecidos prematuros ao ano, con enfermidades asociadas como cardiopatía isquémica, accidente cerebro vascular, pneumopatía obstrutiva crónica ou infección aguda das vías respiratorias inferiores e cancro de pulmón. Pero isto só é unha parte, recentes estudos vinculan as partículas máis pequenas dunha micra a problemas cognitivos nos nenos que afectan ao rendemento na escola. Estás partículas non se están a medir nas estacións e proceden dos motores dos nosos automóbiles maioritariamente.


Nunha cidade con cero falecidos por accidente de tráfico tócannos 29 mortos prematuros ao ano e máis incidencias en alérxicos e enfermos crónicos que afectan a súa calidade de vida. O problema é que a contaminación non é perceptible a simple vista polo que non crea a alarma social dun atropelo e queda obviada pola maioría da cidadanía.

Se temos que buscar culpables directos hai que mirar aos grandes emisores de contaminantes, que aínda que cumpren coa lexislación da UE deixan un aire prexudicial segundo o criterio da OMS, os nosos coches, as caldeiras de gas-oil, ENCE, ELNOSA, o tráfico marítimo do porto de Marín. Pero non quedan aí os contaminadores, só hai que acceder a sistema CALIOPE e ver como os días de vento do SUR chega incluso a contaminación de Vigo segundo o modelo matemático de dispersión . A contaminación non entende disto das fronteiras nin de termos municipais, nin se queira de provincias, no último informe de “Ecoloxistas en acción” responsabilizaba os grandes focos de contaminación de levar ao rural Galego niveis de ozono non acordes co seu tráfico rodado ou industria.



Cando vas nunha bicicleta e paras nun semáforo cunha fila de coches fumeantes a reflexión sobre a saúde, a calidade de vida e afectar o próximo aparecen de seguido. Vai sendo hora de responsabilizarnos dos nosos actos, da nosa saúde e da saúde dos nosos veciños tomando medidas para non contaminar.