lunes, 23 de octubre de 2017 0 comentarios

Masa Critica Especial en recordo ás Vítimas de Violencia Viaria. 26-Outubro


(Os datos deste texto poden consultarse aquí. A fonte é a propia DXT, isto é a realidade das nosas estradas e rúas)


O xoves 26 de Outubro de 2005 a Asemblea da Onu establece o terceiro domingo de novembro como día en recordo das vítimas de accidente de tráfico. Este día coincide co ultimo xoves de mes e polo tanto é Masa Crítica en Pontevedra polo que aproveitamos para facer unha Masa Critica Especial como antesala ao 19 de Novembro día das Vítimas de Sinistro Viario.

- O ano 2016 tivo un forte aumento de falecidos en sinistro de tráfico en España, con 1810 falecidos, un aumento do 7% con respecto a 2015. Aumentou tamén un 3% os hospitalizados e un 5% os feridos non hospitalizados.

- A tendencia de diminución de falecidos parou no 2013 co mínimo histórico de 1680. No 2014 1688, no 2015 1689 e xa no 2016 1810. 
 
- No ano 2016 Galicia aumentou un 15% os falecidos e un 4% os feridos hospitalizados.

Por isto:

Convidamos a todos os Pontevedreses a participar na Masa Crítica do xoves 26, un paseo urbano en bicicleta que parte da Peregrina ás 21:00 e xunta a persoas de todas as idades en prol dunha mobilidade máis segura, ecolóxica, sustentable e saudable.

Esta Masa Crítica ten de especial que imos ir polo carril bici da Avenida de Marín ata onde están as bicicletas brancas da rotonda de Malvar, en recordo aos ciclistas falecidos nas estradas próximas a Pontevedra. Este ano, ao noso pesar, incorporamos este día 26 unha bicicleta branca en recordo a Jorge, falecido na PO-308.

Queremos sinalar que os usuarios de bicicleta xa son o 3,7% dos falecidos e os peóns o 21,5%. Ambos colectivos son especialmente vulnerables e precisan un especial coidado das administracións e dos condutores de vehículo a motor polo tanto queremos reivindicar as necesidades destes dous colectivos:

Ás administracións con competencias en infraestruturas queremos recordarlle as súas obrigas de garantir o dereito á vida e á seguridade, nas rúas e estradas, dos colectivos vulnerables tomando medidas decidías no eido da seguranza viaria como as seguintes:

a) adecuar as velocidades máximas en cidade ás seguras pera peóns e ciclistas. A OMS, a DGT e UE recomendan a limitación 30km/h na maioría dos viarios urbanos que son os lugares onde máis peóns falecen.

b) adecuar as infraestruturas viarias aos usuarios vulnerables coa construción de beirarrúas, beiravías transitables, vías ciclistas e medidas de acougado de tráfico. As infraestruturas non concibidas para as bicicletas están detrás da maioría de sinistros.

c) priorizar as necesidades de seguridade por riba do aumento de capacidade viaria. O dereito á vida está por riba do interese particular de chegar uns minutos antes ao destino. Iso ten que verse nos proxectos e nos orzamentos das administracións.

Aos condutores de vehículo a motor e as administracións con competencias en materia de seguridade viaria queremos recordarlle as súas obrigas no cumprimento da lexislación en materia de seguridade viaria, sobre todo atendendo aos factores concorrentes polos que aínda seguimos tendo falecidos nas estradas segundo a DXT e polo tanto é preciso:

a) Recordar os Factores concorrentes máis importantes dos sinistros: Condución desatendida 25%, velocidade inadecuada 19,2%, non manter a distancia de seguridade 15%, non respectar a prioridade 12,9% e alcohol e drogas 11%.

b) Apelar á empatía e ao cumprimento das normas dos condutores. O non cumprimento está a causar danos que non se arranxan cun seguro de responsabilidade civil.

c) Solicitar o aumento de medidas de control do cumprimento das normas ás Policías Locais e á DXT. Sobre todo nas que inciden nos factores concorrentes dos sinistros. É preciso maior cantidade de controis de velocidade, alcohol e drogas e uso do telefono móbil xa que estas causas están detrás do 55% de todos os falecidos.

A nosa sociedade paga un prezo moi alto por non asumir que circular cun vehículo a motor implica unha inmensa responsabilidade, que é una acción de risco que sobre todo pagan os máis vulnerables e que segundo as fontes sanitarias ocasionaron 1.810 mortos, 20.542 feridos hospitalizados e 477.022 feridos non hospitalizados. Unhas cifras que non podemos asumir, que temos a obriga moral de reducir e que debemos avanzar a un modelo de mobilidade sen falecidos nas estradas e coa mínima cantidade posible de feridos.

martes, 8 de agosto de 2017 0 comentarios

A reforma necesaria da Ponte da Barca


A reforma necesaria da Ponte da Barca e o reordenamento do tráfico en Echegarai e Alameda.

- O peche ao tráfico da rúa Alameda e Raíña Vitoria demostran que a Ponte das Correntes permite reformar  a Ponte da Barca.


O peche da rúa Raiña Vitoria e Alameda vai canalizar todo o trafico rodado a través da Ponte das Correntes e da ponte da AP-9. Todo o tráfico que atravesa a cidade entre Poio e Marín, Marín e Vilagacia, Vilagarcia a Vigo... sen ter un destino real en Pontevedra.

Estes tráficos son de paso, usan a cidade como atallo por aforrar un ou dous quilómetros dificultando o tráfico que si ten orixe ou destino en Pontevedra, o importante, o que si é preciso preservar, o tráfico que si é necesario.

Os concellos e a Xunta deben reformar dunha vez a Ponte da Barca. Sentido único motorizado, dobre para bicicletas e beirarrúas dignas.

Existe unha débeda histórica no que á mobilidade peonil refírese, é adaptar a ponte da Barca a lexislación vixente en termos de mobilidade e accesibilidade peonil. A orde do Ministerio de Vivenda 561/2010 establece que os itinerarios peonís terán como norma xeral un mínimo de 180cm de sección, un ancho que as beirarrúas da Ponte da Barca non cumpren e que dificultan o paso de peóns cada día do ano.  En termos de mobilidade en bicicleta o extremo da ponte en Poio é un problema cunha rotonda con mala visibilidade, e no extremo de Pontevedra obriga ao ciclista a entrar por Paseo de Colon en vez de permitir ir ao centro directamente. Así, os usuarios de bicicleta buscan escapatorias a estes problemas e terminan por usar unhas beirarrúas, xa de por si pequenas para os peóns, creando problemas de convivencia entre ciclistas e peóns.

O problema é moi sinxelo de solucionar, eliminar un carril e con ese espazo gañado aumentar ambas beirarrúas e deixar un paso para ciclistas a contrasentido do tráfico motorizado.
Dos catro metros do carril eliminado, cada beirarrúa gañaría metro e cincuenta centímetros e un metro quedaría para un carril bici contrasentido. Esta solución é barata, sinxela e soluciona a débeda histórica que ten Poio e Pontevedra coa mobilidade activa entre os dous municipios.

O Concello de Pontevedra debe reducir o tráfico de paso que circula por Echegarai e a Rúa Alameda.

Este peche polas festas, no momento do ano en que a cidade está totalmente tomada por turistas demostra que é posible cerrar unha das vías máis concorridas da cidade, Raiña Vitoria, e que todos seguimos chegando co coche a todos os lugares.
Existe unha sinal no principio da Rúa Alameda que di "Prohibido circular agás servizos" que miles de condutores de vehículo a motor se saltan cada día do ano, sen maiores consecuencias.  E non é que os condutores se vexan obrigados a facelo, existe a alternativa de circular pola Ponte da Correntes, pero por costume, polo GPS, ou por reducir o percorrido nunhas decenas de metros, miles de coches atravesan esta rúa afectando a calidade de vida dos veciños e ao tráfico con destino dentro da cidade.

O concello te unha solución sinxela, pode cambiar o sentido da Rúa Alameda, da Rúa Echegarai e a Rúa Alfonso XIII sen custo o cal eliminaría todo o tráfico de paso que vai á Ponte da Barca, que incumpre a sinalización vertical de prohibición, sen danar ao comercio, limitar a mobilidade dos veciños ou afectar negativamente á circulación dos vehículos que si teñen destino na cidade.

Esa alternativa de variar o circuíto viario fai que usar a alternativa de paso da Ponte das Correntes sexa máis atractiva para os condutores que usar a Ponte da Barca. O gran beneficio sería a  redución previsible da cantidade de vehículos que soporta a Ponte da Barca sentido Pontevedra-Poio  e así  quizás  a Xunta fora un pouco máis progresista no que se refire a eliminar un carril de circulación para mellorar a mobilidade peonil e ciclistas.

martes, 18 de julio de 2017 0 comentarios

Colecta para o Concello de "viñeta ciclista" para gozar dos mesmos dereitos que os automóbiles.

Colecta para o Concello de "viñeta ciclista" para gozar dos mesmos dereitos que os automóbiles.
O próximo Xoves 27 de Xulio ás 21:00 na Praza da Peregrina é a Masa Crítica de Pontevedra. Onde usuarios de bicicleta da cidade de Pontevedra se xuntan para dar un paseo pola cidade e reivindicar o uso da bicicleta na calzada. Está actividade é aberta a todo o mundo, non é unha manifestación, é un paseo ciclista e é unha oportunidade para que todas as persoas  se suban á bici sen importar idade ou condición física. Non se vai cobrar a ninguén como é lóxico pero quen queira pode dar un donativo para o Concello polo desgaste da rúa e os investimentos ciclistas.

Imos facer unha colecta para o Concello de Pontevedra en forma de "viñeta ciclista". Esta Masa Crítica paga o "desgaste do asfalto de todo o ano".


En Pontevedra temos un déficit de estacionamentos para bicicletas, vías de uso exclusivo ciclista, solucións de mobilidade a contra man para que  os ciclistas non dean voltas innecesarias e accións de promoción da mobilidade activa. Estes problemas soluciónanse con investimentos en mobilidade sustentábel, que pola contra si se dan no caso da mobilidade motorizada e contaminante como por exemplo os investimentos do estacionamento de automóbiles e autocaravanas  (188.440€) ou o aparcamento disuasorio de Alexandre Bóveda (241.000€) e calquera obra de mellora de firme que se anuncian cada pouco.
Existe a lenda de que as bicicletas non pagan impostos, cando fan fronte o IVE 21% igual que os automóbiles, e non pagan matriculación como a maioría dos automóbiles que emiten menos de 120gCO2/km, e non consumen gasolina polo que non pagan Imposto Especial de Hidrocarburos (os vehículos eléctricos tampouco) pero  as bicicletas van a "caldo" que paga o 4-10% de IVE. 

Xa pagamos impostos e non temos os mesmos dereitos que o tráfico motorizado pero existe esta lenda por non pagar a "rodaxe" ou "viñeta" que en realidade é o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)  que se calcula en función dos cabalos fiscais, polo que tivemos que facer un calculo imaxinativo do que pagaría unha bicicleta, de considerar a tracción humana como un motor de combustión interna contaminante:

- Unha motocicleta de 125cm3 e 9CV en Pontevedra paga 7.09€/ano. (ordenanza fiscal en vigor)
Se consideramos un ser humano ten unha potencia de 250w ou 0,335CV o custo sería de 0.26€/ano da "viñeta ciclista".

Que fan os concellos por este IVTM? , que por certo só pagan os residentes:
- Estacionamento en cada rúa ou zona servizos ou de carga e descarga. (non apta para bicicletas ou peóns)
- Dotar ao tráfico motorizado de vías segregadas, incluso de uso exclusivo. (a prioridade é do tráfico a motor e os peóns so poden atravesa polos pasos)
- Facer do espazo público un lugar a disposición dos automóbiles na súa maioría, a parte peonalizada é moi pequena en comparación coa non peonalizada. (a reparto do espazo é de 80-20% a favor do automóbil)
- Permitir circular a velocidades perigosas para a vida humana. (A 50km/h morren a metade dos peóns en caso de sinistro e a pesar dos lombos séguese a correr moito, rexístranse velocidades de 70-80 en lugares con lombos).
- Permitir contaminar e danar a saúde de todos. (a pé ou bicicleta 0 emisións)
Pois se o problema é que a bicicleta non paga IVTM podémolo solucionar, o custo 0.26€/ano, en caso de cada persoa, neno, maior  use ou non a bici en Pontevedra pagara só serían aproximadamente 21.850€, o 0.028% dos ingresos do orzamento pero  aplicando a mesma lóxica dos cochistas gañariamos estes dereitos os usuarios de bicicleta:

- Un carril bici en cada rúa.
- Prazas de estacionamento gratis en cada rúa.
- Todo o espazo público ao servizo da bicicleta.

Incluso poderíase levar a pleno entre os grupos políticos poñer a "viñeta ciclista", se de verdade consideramos que eses 21.850€ son o problema para non investir de verdade na mobilidade activa ou polo menos na mesma magnitude que se da nos investimentos na mobilidade motorizada contaminante. Pero isto sería de tolos, seríamos unha anomalía Europea poñendo a "viñeta ciclista", e tampouco é o que precisamos, seguro que a tramitación custaría máis que o recadado no imposto. O que de verdade precisamos son investimentos en mobilidade activa, e nós imos facer unha colecta o día 27 aproveitando a saída en bicicleta, a que invitamos a participar a todos os cidadáns de Pontevedra, para que as doazóns da colecta cheguen ao Concelleiro de Facenda para ver se coa nosa axuda lle comezan a dar os cartos para asumir algunha obra beneficiosa, no próximo orzamento que estará a preparar, para a cidadanía que quere usar unha bicicleta de forma cotiá.

Algunha idea para o próximo orzamento:

- Aumentar a rede de aros na cidade. Xa teñen unha proposta por escrito de fai meses, son moi baratos e fáciles de colocar.
- Crear algunha vía ciclista de uso exclusivo, por exemplo entre a Ponte dos tirantes e as estacións de bus e tren, ou  o percorrido Monteporreiro - Centro...
- Crear algún paso a contra man nos novos proxectos, ou recuperar itinerarios ciclistas perdidos Av de Vigo, Rosalia de Castro, Juan Bautista Andrade.. é tan só un metriño de sección que permite evitar o uso das beirarrúas para non dar tremendas voltas.
- Facer unha promoción efectiva dos desprazamentos non motorizados, a pé e en bicicleta todo o ano.
- Incluír partidas de formación ciclista para menores.

miércoles, 28 de junio de 2017 0 comentarios

73 Masa Crítica...e xa van 6 anos!!!!

Este xoves 29 de xuño voltaremos a xuntarnos ás 21 horas na praza da Peregrina para dar unha volta en bici polas rúas de Pontevedra.

Neste mes a Masa Crítica de Pontevedra cumple 6 anos reivindicando o lugar das bicis na calzada, así como unha mobilidade máis responsable.

Anímate a participar, só tes que coller a túa bici e ter ganas de pasalo ben mentras pedaleas en compañía pola cidade do Lérez

Usa a bici tódolos días, celébrao unha vez ó mes!!!!