Wikimedia. Paris 1896. |
Na nosa cultura ciclista ou mellor dito, na cultura dos usuarios da bicicleta (non vaia a ser que se nos enfaden os deportistas profesionais) o pecado capital ciclista é unha sorte de accións que nos poñen en perigo a nós mesmos, pero que moitas veces úsanse como arma na famosa guerra Ciclista - Cochista que chea os foros e as redes sociais de bilis e malas palabras.
Na cultura Cristian, ou mellor dito, na adaptación do ollo por ollo do Antigo Testamento as faltas debían ter a súa vinganza e no caso da seguridade do tráfico hai quen pide a morte do infractor. Polo tanto permitide un pouco de malicia ao redactor na elección do nome do artigo.
As sete peores cousas que poden facer os
ciclistas urbanos.
1) Cruzar os pasos de peóns montados na
bicicleta.
Pode parecer un acto carente de perigo pero é das
situacións que mais risco ten. Os vehículos que circulan pola calzada non contan con que un
ciclista vaia usar un paso de peóns para cruzar polo que non poden prever esta
situación. A parte, a gran maioría dos pasos de peóns contan cunha visibilidade
adecuada para permitir cruzar a unha velocidade baixa pero as bicicletas
duplican ou triplican a velocidade dun peón con facilidade polo que o tempo que
ten o automóbil para frear nesa situación é moi baixo. O golpe, a parte, é lateral polo que se pode terminar debaixo das rodas do vehículo a motor.
2) Non parar co semáforo en vermello.
Cando o semáforo está en vermello a prioridade
de paso é para outro vehículo ou peón polo que ao incumprir esa prioridade é
sinxelo ser vítima dun accidente. É un acto moi visible, moitas veces parece carente de perigo pola baixa velocidade do tráfico pero incluso así algún condutor non atento a esa anomalía pode atropelar a un ciclista sen ter culpa algunha como se ve nas imaxes.
3) Non usar o centro do carril ou pegarse ás portas.
Un accidente típico para os ciclistas é chocar cunha porta cando alguén a abre irregularmente. Ao ir pegados aos vehículos estacionados se abren unha porta non temos case opción de esquivala. Por iso sempre se recomenda deixar coma mínimo medio metro cos vehículos estacionados e en cidade estar cerca do centro do carril. A parte, con isto conséguese diminuír o número de adiantamentos perigosos que sufrimos dos automóbiles, non hai que esquecer que nas vías cun único carril non se pode adiantar unha bicicleta de forma legal xa que non existe espazo para deixar 1.5m de distancia lateral mínima entre o coche e a bicicleta. Sempre é mellor que te piten a que te atropelen.
4) Circular por dirección prohibida.
5) Usar auriculares.
Ir pola calzada xunto aos coches non é tan seguro como ir camiñando por unha beirarrúa. Na calzada precisamos todos os nosos sentidos para atender a un entorno complicado polo que inhibirse do tráfico usando auriculares non é boa idea.
6) Ir pola noite sen ningún elemento que permita ser vistos.
Os coches precisan un gran espazo para adaptarse a presencia dos ciclistas, hai que recordar que a 60km/h percorremos 16.67 metros nun segundo, a veces parece que se nos esquece isto, por iso é importante ser visible a 150 metros en estrada e a 75 metros en zona urbana. Non podes comprar unhas luces que nin a 10 metros se ven e pretender non ter un susto ou algo peor. Se a isto lle sumamos que o cumprimento dos límites de velocidade é unha materia pendente para gran parte dos automobilistas temos os ingredientes de moitas das traxedias que se dan no asfalto.
Existe a falsa crenza que os usuarios de dúas rodas sen motor son inmunes as sancións de tráfico. Isto é totalmente falso pero estendeuse tanto que algúns bebedores nocturnos están a coller a bicicleta para esquivar os controis de alcoholemia. En Madrid os controis a persoas que usaban unha bici pola noite daban un 30% de positivos en alcohol. Se temos que escoller, mellor un ciclista borracho que un automobilista borracho, pero é un erro moi grande para a saúde propia, xa nolo dicía Stevie Wonder alá nos 90. Se bebes non conduzas, nin catro nin dúas rodas.
Hai quen usa estes "pecados" habituais entre unha parte dos usuarios da bicicleta para tratar de parar a verdadeira batalla que é a loita contra os sinistros de tráfico. Esgrimen o seguinte argumento, como os ciclistas o facedes mal non protestedes, non cambiemos o status quo, non vixiemos, non fagamos nada... Facédevos unha idea da forma de pensar deste grupo. A guerra de ciclistas contra automobilistas non existe desde que a inmensa maioría dos que usamos unha bicicleta tamén temos un coche e polo tanto unha licencia de conducir, ti e máis eu somos ciclista e automobilista a vez, esta guerra é unha cortina de fume para tapar a loita real que é entre os que queren un uso razoable da calzada que compatibilice os diferentes medios de desprazamento e poder abrirlle a porta a mobilidade en bicicleta e a pé. Para abrir esa porta existe un requisito primario, a seguridade, ninguén se vai a subir a unha bicicleta se percibe que a súa vida está en perigo igual que ninguén (aquí sempre hai tolos ou inconscientes) cruza unha autoestrada chea de coches pasando a 120km/h polo mesmo.
Na nosa loita temos un gran aliado, o regulamento de circulación que aínda que precisa moitas melloras protexe ao usuario vulnerable polo que pedir o seu cumprimento por todos é a máis importante batalla que temos por diante. É capital conseguir facerlle entender a cidadanía que un morto é unha traxedia perfectamente evitable, que o regulamento de circulación son as normas de convivencia básicas na estrada e que cando te sancionan é unha forma máis de educación vial. Un día falaremos de mellorar isto das multas pero en ningún sitio do mundo se eliminaron, se melloraron facéndoas progresivas a renda e ao nivel de risco causado pero é un debate de menor importancia que o real.
Os mortos son evitables, só o 3% dos sinistros teñen un compoñente alleo ao ser humano e a súa conduta ao volante, podemos ter mobilidade en bicicleta, coche e a pé se conseguimos mellorar a seguridade e iso pasa por cumprir o regulamento de circulación.
1 Response to Os pecados capitais do ciclista urbano
O certo é que a fascinación que sentimos as persoas por incumplir de maneira consciente as normas de tráfico co convencemento de que non vai pasar nada ou co argumento "por que yo lo valgo" ás veces cunha chulería propia dun hooligan, debería ser estudada en moitas teses de socioloxía, sicoloxía ou mesmo siquiatría.
Non importa o medio de transporte, moitas persoas se comportan na virculación viaria dun modo absolutamente corrupto, facendo valer unha imaxinari "lei do máis forte" que se ampara ben na armadura de ferro dos vehículos de catro rodas, ben no anonimato de peóns e ciclistas ou tamén nunha suposta superioridade por maior axilidade viaria de motoristas e, outra vez, ciclistas.
Non hai no ordeamento xurídico español, e me atrevería a dicir que no mundial, leis tan sinxelas, curtas, evidentes e presenciais como as normas de circulación e a súa representación na sinalización, máis ignoramos estas leis funha maneira consciente a cada rato.
Un sinal de límite de velocidade, por exemplo, é unha lei que vemos constantemente, sinxela, sen necedidade de moita comprensión lectora para interpretala, mais decidimos corrompela de maneira case xeralizada. Igual pasa cos "stop", pasos de peóns...
Vivimos nunha sociedade na que a corrupción existe en cada esquina, e cada ano se paga con miles de mortos e lesionados, así como cuns custos de miles de millóns de euros.
Nembargantes, parece que socialmente estamos dispostos a sumir toda esta corrupción e entretanto decimos aquela frase tan popular contra os políticos de "son todos uns ladróns e uns corruptos" como se non fose mais que un espello do comportamento de toda a sociedade.
Publicar un comentario