domingo, 23 de octubre de 2016 0 comentarios

A Policia Local de Pontevedra precisa un Radar.

Recreación de Accidente. Xornada de Cero Violencia Viaria!!

A Policía Local de Pontevedra precisa un Radar.

Esta entrada seguramente vai ser a máis polémica deste blog, polo que se di, polo que se pretende conseguir, pero sobre todo porque como sociedade temos asumidas certas condutas como liberdades individuais que afectan a seguridade de todos.

Anuncio: Pedaladas acaba de solicitar vía rexistro ao Concello de Pontevedra a adquisición dun Radar.

Esta petición, agora oficializada por rexistro, leva dous anos enriba da Mesa da Bicicleta de forma extra oficial. Tamén foi feita en diversas reunións co Intendente da Policía Local. A petición de Pedaladas sempre foi a mesma, a Policía Local ten que ter capacidade de sanción para os condutores que non respectan os límites, o primeiro por seguridade de peóns, ciclistas e persoas con diversidade funcional, segundo porque non lle podemos pedir aos ciclistas que usen a calzada se a zona 30 non é efectiva e terceiro por xustiza social cos condutores que si cumpren escrupulosamente as normas e se ven acosados polos que queren circular por riba dos límites.

Pedagoxía, fai falta moita pedagoxía para explicar esta petición.

Imaxino que agora mesmo haberá moitos enfados, incluídos algúns dos nosos seguidores que non queren que a Policía Local conte con esta ferramenta pola posibilidade de que eles mesmos poidan recibir unha sanción de 100€, 200€ ou ata 500€ por non respectar un límite de velocidade que en determinadas rúas costa moito cumprir. O límite 30km/h non é sinxelo nalgunhas rúas.

Que é unha zoa 30 e a súa importancia.

O Concello de Pontevedra a día de hoxe é completamente unha zoa 30 por un acordo plenario que foi unánime. Non foi unha medida arbitraria senón que débese a criterios técnicos e que xunto con moitas medidas na infraestrutura levaron a cidade de Pontevedra a recibir un premio de seguridade viaria.
A velocidade limitada a 30km/h é un garante de que no caso de que alguén cometa un erro as consecuencias para a saúde non sexan irremediables.

O corpo humano ten unha resistencia ao impacto moi limitada e a velocidade é determinante nas consecuencias físicas que ten un accidente.
  • A 80km/h é practicamente imposible sobrevivir a un atropelo. 
  • A 50km/h só sobreviven o 55% dos peóns e ciclistas.
  • A 30km/h sobrevive o 95% dos peóns e ciclistas.
O borrador do regulamento de circulación copia gran parte das medidas levadas a termo en Pontevedra e converte a maioría de rúas en zona 30 para garantir que en caso de sinistro non teñamos un morto senón un ferido.

Como se fai efectiva a limitación de 30km/h

Av Corbaceiras
Existe numerosa información técnica para facer un calmado do tráfico que reduza os accidentes e que aproxime a velocidade real do  tráfico ao límite de velocidade establecido.
Na Av. das Corbaceiras tedes algúns destes elementos, están presentes as rotondas, os "lombos", a vexetación que reduce a visibilidade e tamén o estreitamento de carrís.
Estes elementos xuntos fan que o que era unha "autovía" alá polos 90 agora sexa un lugar moito máis seguro que permite incluso quitar parte dos semáforos.
Pero estes elementos só está a funcionar para unha parte dos condutores, aqueles máis respectuosos cos límites e que fixeron a reflexión lóxica de que acelerar para frear en cada lombo non ten moito sentido se podes ir a 30km/h e chegar ao mesmo tempo que o que vai acelerando e freando en cada lombo. Os aforadores constatan que sobre o lombo non se circula de media moito máis rápido que a 30km/h pero entre lombo e lombo parécese máis a un lugar limitado a 50km/h co risco conseguinte para os ciclistas.

O límite 30km/h se esta a cumprir?

O que nos din os aforadores da Policía Local é que isto vai por barrios, ou mellor dito por rúas. A presencia de lombos non sempre funciona, na Av. das Corbacieras detectáronse vehículos a 76km/h. Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Domingo Fontán, Av de Lugo... son rúas con limitación 30km/h onde a media de velocidade dos vehículos supera ese limite e por riba temos vehículos que duplican esa limitación co conseguinte risco de falecemento para peóns e ciclistas en caso de accidente.

O radar que se solicita. Lixeiro, pequeno e útil nas rúas.

Este é o radar que están a mercan os concellos das grandes cidades e que púxose en marcha no País Vasco. É un dispositivo lixeiro, o poden usar os motoristas e permite montar un operativo nun minuto polo que esquiva as aplicacións sociais e grupos do whatsapp que os infractores usan para non cumprir as normas de tráfico.
O custo do dispositivo era de 25.000 pero a DXT comprou 60 unidades por 16.000€/ud fai pouco. O dispositivo ten capacidade para detectar excesos de velocidade a 1000 metros e cun factor de erro de 2km/h. Vamos, que asustar asusta bastante. Pero ese é o principal obxectivo de esta medida,  que os infractores teñan  un pouco de medo e asuman circular con calma por onde podemos atopar a nenos, ciclistas, persoas maiores que non teñen culpa de nada pero que pagan moi caros os seus erros e os dos condutores.

Non son accidentes son sinistros.

Homenaxe Cristobal e Manuel
Un accidente é un suceso inevitable por definición e os sinistros de tráfico son sucesos que teñen uns compoñentes que os fan previsibles e polo tanto evitables.
En Pontevedra tivemos nos últimos anos 3 ciclistas falecidos (por iso están as tres bicicletas brancas na Av. de Marín) e o ano 2015 houbo 24 ciclistas feridos dentro do Concello.
En 2015 morreu un rapaz que volvía a pé para a súa casa na Av. de Uruguay e o condutor ía borracho e con exceso de velocidade nun lugar onde existen lombos.
A asociación Pedaladas sufriu catro atropelos graves dende 2006 e os asociados non cometeron ningún erro. O seu pecado foi usar unha bicicleta e cruzarse cun condutor imprudente que non cumpriu as normas de tráfico o cal levounos a un hospital e ter meses de recuperación por diante. Isto non se amaña cunha indemnización, amáñase mellorando a seguridade e conseguindo que todo o mundo cumpra as normas de tráfico, incluídos os limites 30.

Non é por nós, é por todos esa petición de Radar. A velocidade mata.



Alguén pensa que existe afán de recadación dentro dos peóns e ciclistas que piden moderación aos condutores? alguén pensa que non temos coche? alguén pensa que é seguro para estes nenos ir fora da masa cunha bicicleta?
Pois por iso pídese un radar, para mellorar a seguridade de todos facendo que os que non cumpran queden sen puntos e deixen só conducir aos bos condutores. Saber conducir implica querer cumprir as normas e ir atento a velocidade, conducir por costume non é ser bo condutor.

Non queremos facer outra Marcha Homenaxe a un compañeiro ou compañeira atropelado por alguén con demasiada presa, non queremos pasar medo ao saír coa nosa bicicleta e xa vai sendo hora de que a nosa parella non nos despida cun "Ten coidado" senón cun "Pásao ben".

No Response to "A Policia Local de Pontevedra precisa un Radar."

Publicar un comentario