O primeiro. Que é unha Vía Verde?
En España temos unha basta rede de ferrocarril que quedou inconclusa ou coa chegada do AVE pasou a estar en desuso. A Fundación de los Ferrocarriles Españoles ten como unha das súas funcións recuperar estes trazados en desuso para crear itinerarios non motorizados con alto valor cultural e ambiental. Para isto creou un modelo deseño que se chama Vía Verde.A vía verde ten como cualidades ter unha accesibilidade universal, son vías seguras para todos e ao ser un trazado ferroviario son moi cómodas ao non requirir grandes esforzos físicos e integran os antigos elementos da liña de ferrocarril.
A Vía Verde Pontevedra - Vigo. Patrimonio cultural, paisaxístico e natural.
A antiga liña de tren de Pontevedra a Vigo, agora mesmo en desuso coa inauguración do trazado da eixo Atlántico de Alta Velocidade, comunica os concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo.No seu trazado temos unhas fermosas vistas da Ensenada de San Simón e a ponte de Rande que forman parte dunha área protexida pola fauna presente na enseada. O patrimonio natural ten como referente as salinas de Úllo e a marisma que atopamos na enseada de San Simón.
No trazado desta antiga vía férrea atopamos lugares moi fermosos con edificios con atractivo histórico, como en Pontesampaio ou Redondela, que están desaproveitados como elemento dinamizador da economía ao non estar dispostos nunha ruta singular, senón explotados como elementos illados.
Que nos atopamos nesta Vía Verde: ENIL do río Gafos-Tomeza, a vía romana XIX e o camiño portugués, as salinas de Vilaboa e a enseada de San Simón, a illa da Insuíña en Ponte Sampaio, a ponte medieval, ou as pontes do tren entre Arcade e Ponte Sampaio, a fábrica da Pontesa e a Illa do Castelo de Ponte Sampaio, a Illa de San Simón, viaduto de Redondela, a Ponte de Rande...
O turismo activo está moi desaproveitado en Galicia a pesar de ter a gran virtude de ser un turismo mais des-estacionado que o turismo de sol e praia xusto o que precisamos para crear emprego de calidade. O trazado da Vía Verde ente Pontevedra e Vigo tería uns 31km de lonxitude e sería unha ruta para percorrer ao longo duns días en bicicleta ou a pé tendo a capacidade de dinamizar os lugares por onde pasa.
Pedaladas pregúntanlle a ex ministra |
Os retos. Quen nós dixo que non. Porque é importante manifestarse.
Vai facer un ano de que Pedaladas lle preguntou a ex ministra Ana Pastor pola posibilidade de cesión das vías do tren para facer esta Vía Verde pero a contestación que nos deu foi que non se podía ceder a ponte sobre o río Úllo porque esta tería uso para o transporte de mercadorías entre os portos de Vigo e Marín.Polo tanto temos un reto importante, a oposición do ministerio que ten as competencias para ceder esta vía. Non hai nada perdido, a día de hoxe a antiga liña do tren está totalmente eliminada en varios puntos polo trazado da Alta Velocidade, por exemplo nas pontes de Arcade, o cal a inhabilita para a función de transporte de mercadorías.
A parte, calquera pode observar que o argumento da ministra non parece ter moito sentido cando polas vías do eixo atlántico están a pasar a diario trens que non son de pasaxeiros como o que vai co lixo a Sogama. Isto significa que a Vía Verde non vai en detrimento dun posible intercambio de mercadorías entre Vigo e Marín senón que nos atopamos ante a falta de vontade política.
Nós pensamos que as mercadorías son unha escusa para non facer a cesión e a inversión económica de eliminar o balastro e as vías, facer a sinalización e o acondicionamento do firme que teñen as Vías Verdes. En custo para o estado son minucias se o comparamos co custo económico da A-57, a ampliación de Rande ou o Eixo Atlántico de Alta Velocidade (por poñer exemplos próximos e actuais) pero todos sabemos no que a inversións se refire, as prioridades dos gobernos ata agora.
Polo tanto toca facer unha mobilización que mostre a demanda social que existe por crear infraestruturas para usos non motorizados que sexan un motor económico e social. A idea non é facer de oposición política senón de promover que a política se fixe en que hai proxectos viables que crean riqueza e so falta que se suban ao carro. Sen presión social o ministerio non se vai mover da non creación dunha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo mentres o trazado queda no esquecemento como unha nova mostra de malgasto de recursos públicos.
Solución proposta pola asociación de Veciños de Chapela |
A mobilidade sostible Chapela-Redondela-Vigo.
A Asociación de Veciños de Chapela coa que imos colaborar nesta manifestación achéganos a petición de recuperar a liña do tren cun tranvía lixeiro para permitir a Chapela e a Redondela unha comunicación sostible con Vigo compatibilizando o uso cunha plataforma para bicicletas e peonil que nos gustaría apoiar por ser un exemplo de compatibilizar as tres formas de mobilidade sostible. O trazado urbano das vías permiten a mobilidade alternativa ao automóbil para crear un tranvía lixeiro que podería diminuír a necesidade de uso do vehículo privado o cal supón unha diminución das emisións de CO2 e uso do espazo publico asociado ao estacionamento de vehículos.Esta reivindicación é moi sensata e debería ser examinada polos responsables políticos do transporte público en Vigo e na Xunta xa que vai máis alo das funcións de Pedaladas pero o proxecto conta coa nosa simpatía.
A quen temos que sumar a causa?
A todas as administracións, e con todas referímonos a que na lista están os concellos polos que pasa a vía en desuso como máximos interesados xa que a inversión vai en beneficio dos seus veciños. Hai que ter en conta que os veciños de Pontevedra, Vilaboa, Arcade, Redondela e Vigo van ter acceso directo a unha fermosa ruta pero a parte a actividade turística vai xerar empregos como nos outros lugares onde se crearon estas vías verdes.A deputación de Pontevedra é un dos grandes interesados xa que é o ente supra municipal inmediato aos concellos e esta Vía Verde sería un gran proxecto para a actual deputación que está a mirar con outros ollos a mobilidade non motorizada como se fai en Europa.
A Xunta de Galicia. Se miramos un pouco os programas electorais dos principais partidos para presidir a Xunta temos que o PSOE levaba o aproveitamento de liñas férreas para crear vías verdes, enMarea tiña liñas xerais de transporte sostible, o BNG fixo unha aposta por este trazado alo menos nunha parte e a Xunta tamén ten o Plan de Mobilidade Sostible que debe definir itinerarios e esta Vía Verde podería ser un deles.
Polo tanto, hai que sumar aos Concellos, a Deputación e a Xunta para convencer ao ministerio de que aposte por esta Vía Verde xa que o trazado cumpre con todos os criterios da Fundación dependente do Estado Español que fai as Vías Verdes. Só falta a vontade política de facer este proxecto tan beneficioso para Galicia e a provincia de Pontevedra.
A ou as Manifestacións. A pé ou en bicicleta
O día 9 de Outubro imos ter unha sucesión de concentracións e manifestacións para impulsar o proxecto convocadas por colectivos ciclistas e asociacións de veciños que están en todo o trazado da Vía Verde.Marchas a pé.
Asociación Salinas de Ulló vai facer o percorrido de Vilaboa a Arcade a pé dende o local social de Figueirido (9:30) ata Arcade no parque sobre ás vías do tren (10:30).Asociación de Veciños de Chapela vai facer o percorrido de Chapela (11:30) á Porta do Sol en Vigo (13:00).
Marchas en Bicicleta.
Pedaladas vai organizar un grupo de 49 ciclistas (máximo pola lei actual de seguridade viaria anexo II) e vai facer concentracións en diferentes lugares do trazado da Vía Verde. Para participar é obrigatorio inscribirse con Pedaladas a parte de ter en conta que son 36km por traxecto nun percorrido en bicicleta de montaña bastante esixente física e tecnicamente. A ruta por estrada foi descartada pola peligrosidade da N-550 e as esixencias legais.
9:30 Praza España Pontevedra, 10:30 Arcade, 11:55 Praza Constitución Redondela e 13:00 Porta do Sol Vigo.
A Golpe de Pedal Vigo organiza a manifestación nas rúas de Vigo onde peóns e ciclistas confluímos na Porta do Sol (13:00)
Marchas e adestramentos fora dos actos comunicados.
Algúns clubs deportivos de ciclistas de estrada van participar a titulo particular nas concentracións igual que numerosos deportistas e usarán a N-550 nos seus desprazamentos.Queremos facer un chamamento a responsabilidade dos condutores de vehículo a motor para extremar as precaución na N-550 non só o día 9 de Outubro senón tódolos días do ano xa que na N-550 xa houbo falecidos en bicicleta e numerosos accidentes de consideración.
A N-550 é un dos puntos negros da provincia para os ciclistas que non teñen alternativas asumibles para facer o percorrido Arcade - Redondela - Vigo. Esta vía non ten beiravía transitable en gran parte do seu percorrido a pesar de ter limitacións de velocidade moi superiores aos 30km/h no seu paso por núcleos poboados e de 50km/h fora deles. O Ministerio de Fomento non se esta a tomar en serio a seguridade ciclista e peonil mantendo e facendo reformas en estradas sen crear unha beiravía transitable dun 1.5m e adaptando a velocidade máxima no paso polos núcleos poboados como si se fai en Pontevedra, motivo polo que recibiu o premio Premio movilidad segura de la DGT. O datos de atropelos de peóns e ciclistas na provincia de Pontevedra están por riba da media nacional e non se debe a unha praga bíblica senón a unha falta de responsabilidade dos titulares das infraestruturas.
No Response to "O día 9 de Outubro manifestate por unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo"
Publicar un comentario