miércoles, 14 de diciembre de 2016
Os reis magos van a Marín coa bicicleta.
Hoxe ás 11:30 o concelleiro de deportes de Marín, Antonio Traba, vainos recibir para entregarlle a nosa Carta de Reis Magos, con un pouco de sorte tamén estará a Alcaldesa. Antes de comezar coas peticións imos
analizar un pouco o Concello de Marín.
Marín e unha vila de 25.239 habitantes, compacta e solapada a Pontevedra e Lourizán. Ás veces parece que Estribela non é Pontevedra pero estamos falando de dúas vilas que comparte unha praza que no seu día foi praia.
Marín é unha vila que comezou a humanizar parte do seu casco antigo e agora vai ter orzamento polos fondos DUSI polo que se abre unha oportunidade para recuperar espazos para os desprazamentos sustentables xa que a día de hoxe é un almacén de coches, tráficos innecesarios e dificultades para os desprazamentos a pé e en bicicleta.
A Variante de Marín. A gran oportunidade de Marín 30.
Cando se abriu a variante de Marín apareceu unha oportunidade que non existía antes. A día de hoxe unha parte importante dos tráficos de paso que atravesan Marín teñen unha alternativa polo que, si se pode acometer un calmado de tráfico na
Av. de Ourense que é a única escusa posible para non facer da parte compacta de Marín Zoa 30. Sempre gústanos recordar que o 30 non é un capricho, é unha garantía de seguridade, de que se un peón, ciclista ou condutor comete un erro non terminemos coa vida de alguén. A 30 só o 5% dos accidentes son mortais, e só por isto xa é unha medida a levar a cabo.
A rúa concepción Areal e a Rúa Avelino Montero Ríos
Estas dúas rúas son parte da antiga estrada Marín Pontevedra, son un perfecto exemplo do que é Marín. Son dúas rúas que ás beirarrúas non cumpren ningunha normativa de accesibilidade mentres temos dúas bandas de aparcamento e dobre sentido de circulación. É de sobra coñecido que o autobús de liña non se pode cruzar cun automóbil nunha das curvas e que non ten nin pasos de peóns suficientes. É o paradigma dun espazo degradado e creado para as maquinas non para as persoas. Isto é o que ten que mudar para ter cidades do século XXI e para iso é preciso que os Concellos de Marín e Pontevedra xunto coa Xunta de Galiza se poñan as pilas.
O paseo Peonil Pontevedra - Marín - Aguete...
Creo que o escrito nos periódicos, neste blog e incluso as promesas feitas por políticos de tódolos partidos mostran a necesidade de que se materialice un itinerario así. As posibilidade para o ocio, a mobilidade sostible, a seguranza viaria, o ciclo turismo... teñen tanto peso que ninguén dubida da súa necesidade, o que fai falta e poñelo en marcha e asumir que é a gran aposta pola mobilidade sostible de dúas Vilas a pouco máis de 5km e 20 minutos en bici.
Non imos escribir máis deste paseo, xa non hai a quen convencer o que hai é que poñer os medios para facelo.
A carta a Raíña Maga María Margallo.
Carta en PDF
Os
reis Magos veñen coa Bicicleta.
Querida Raíña Maga, dende a Asociación Pedaladas queremos
facerche chegar esta carta que non pide para nós, xa que somos
ciclistas experimentados, senón pensando nas necesidades e
peticións de aquelas persoas que queren usar unha bicicleta para
facer deporte, para ir ao seu traballo, centro de estudios ou
simplemente para dar una paseo, pero dálles medo o risco de ir polas
rúas de Marín.
As vilas e as cidades construíronse
pensando en facilitar a mobilidade en coche e isto creou moitas
disfuncionalidades nun lugar que debe ser amable coas persoas. No seu
lugar creamos estradas para circular e aparcamentos onde deixar os
coches. O que deberíamos ter son vilas cómodas para desprazarnos a
pé e en bicicleta, seguras para os nenos que van a escola,
accesibles para persoas con diversidade física e maiores, e ter
espazos verdes e de lecer.
Isto é un reto moi grande para
calquera alcaldesa, crear unha cidade máis habitable, cómoda e
segura para os seus cidadáns. Ás veces, este obxectivo choca con
diferentes intereses e aí é onde o traballo da alcaldesa faise
difícil, por iso, apelamos a parte de Maga que toda alcaldesa ten
que ter para facer posible o que outros ven imposible.
Nós,
só queremos facer de mensaxeiros do que nos levan tempo pedindo
compañeiros e amigos de Marín:
- Marín Zoa 30, para
facela unha cidade segura. A velocidade 30 é unha garantía de
que se un peón, ciclista ou condutor comete un erro non vai ser algo
irremediable. As vítimas máis habituais de atropelo son nenos e
anciáns que non teñen culpa de nada pero pagan moi caro as presas
doutros. A diferencia de cruzar Marín a 50km/h ou a 30km/h é menor
de 2 minutos, sen embargo fai unha gran diferencia na seguridade
percibida e real para os peóns.
- Marín debe
ser accesible. Isto moitas veces depende máis de cartos que de
vontade pero non queremos deixar de dicilo. Unha cidade que coida de
quen máis o precisa é unha cidade moi cómoda para todos os que non
o precisamos. A cidade debe ser amable cos seus cidadáns, e isto, as
veces choca cos aparcamentos para os coches, para facer beirarrúas
dignas, sempre é mellor pedirlle a un condutor que camiñe 5 minutos
que limitar a mobilidade de que non pode camiñar.
- Carril Bici Marín Aguete para democratizar a
bicicleta. Marín ten moita historia coa bicicleta, xa Echegaray
fai máis de 100 anos ía de Marín a Pontevedra coa súa bicicleta e
iso foise perdendo. Antonio Traba xa ten unha proposta nosa un pouco
tola de unir o centro de Marín con Aguete cunha vía ciclista que
permita a nenos e familias usar a bicicleta dunha forma cómoda e
segura. É difícil e ten retos pero sería un elemento de
mobilidade, deporte e turismo.
- Recordarlle á ex
ministra Ana Pastor que ten pendente o paseo de Marín a Pontevedra.
Nós ímoslle escribir para recordarlle este paseo, que é unha obra
moi menor para calquera ministerio pero de gran interese para
Pontevedra e Marín xa que a estrada vella é moi perigosa polo que
convertese nunha barreira para a mobilidade laboral, ocio e o
deporte.
Sabemos que pedimos moito, pero temos claro
que estes agasallos serían bos para todos, tanto pequenos como
grandes, que se portan ben todo o ano e que agora mesmo non poden
ir do todo seguros pola súa cidade. Moias grazas Raiña Maga María.
domingo, 11 de diciembre de 2016
Os reis magos van a Vilaboa coa bicicleta.
Hoxe ás 10:00 o alcalde de Vilaboa vainos recibir para entregarlle a carta nosa Carta de Reis Magos. Antes de comezar coas peticións imos analizar un pouco o Concello de Vilaboa.
Vilaboa é un conxunto de pequenas parroquias, estamos falando de cinco parroquias que apenas suman 6.059 habitantes. A poboación esta dispersa e non conta con un núcleo compacto que teña todos os servizos polo que ten unha rede de estradas cunha sección estreita e sen case beirarrúas.
A N-550 e a N-554. O gran problema de Vilaboa.
Vilaboa esta atravesada por dúas nacionais que son a variante da cara AP-9. Existe unha gran cantidade de tráfico que usa a N-550 e N-554 para chegar a ponte de Rande e aforrar os case 4€ que custa a peaxe da AP-9. Polo tanto temos moito tráfico pola N-554 que non ten destino nin orixe, nin destino en Vilaboa, é tráfico de paso pero crea un problema de seguridade ao atravesar Santadrán, Cobres, O Toural... Este tráfico, en parte pesado, circula por unha nacional recen reformada pero onde fomento non considerou oportuno facer un calmado de tráfico nos núcleos, apenas conta con pasos de peóns nin beiravía transitable. Para os ciclistas é unha ruta habitual, e parte da "volta ao Morrazo" que é moi popular polo seu baixo desnivel e cómodo rodar, sobre todo nos meses de inverno temos numeroso tráfico ciclista.
A N-554 e a N-550 son un exemplo do que pensa fomento do que debe ser unha estrada, ten grandes carencias de seguridade para ciclistas e peóns xa que non conta con beiravías e beirarrúas. Esta deseñada para mover a maior cantidade de coches posible sen tomar medidas de seguridade para os colectivos vulnerables. A N-554 ten un problema extra, no Toural a escola esta situada ao lado contrario que as vivendas así que os rapaces teñen problemas para facer un desprazamento autónomo a escola. Esas dúas vias son o perfecto exemplo do que é facer unha infraestrutura pensada nos automóbiles e non nas persoas.
A carta ao Alcalde José Luis Poceiro.
Carta en PDF
Carta ao Rei Mago José Luis Poceiro alcalde de Vilaboa.
Querido Rei Mago, dende a Asociación Pedaladas queremos facerche chegar esta carta que non pide para nós, xa que somos ciclistas experimentados, senón pensando nas necesidades e peticións de aquelas persoas que queren usar unha bicicleta para facer deporte, para ir ao seu traballo, centro de estudios ou simplemente para dar una paseo, pero dálles medo o risco de ir polas estradas de Vilaboa.
As vilas e as cidades construíronse pensando en facilitar a mobilidade en coche e isto creou moitas disfuncionalidades nun lugar que debe ser amable coas persoas. No seu lugar creamos estradas para circular rápido e aparcamentos onde deixar os coches. O que deberíamos ter son vilas cómodas para desprazarnos a pé e en bicicleta, seguras para os nenos que van a escola, accesibles para persoas con diversidade física e maiores, e ter espazos verdes e de lecer.
Isto é un reto moi grande para calquera alcalde, crear unha cidade máis habitable, cómoda e segura para os seus cidadáns. Ás veces, este obxectivo choca con diferentes intereses e aí é onde o traballo da alcalde faise difícil, por iso, apelamos a parte de Mago que todo alcalde ten que ter para facer posible o que outros ven imposible.
Nós, só queremos facer de mensaxeiros do que nos levan tempo pedindo compañeiros e amigos de Vilaboa e Paredes:
-
A rede secundaria de estradas de Vilaboa con casas debe limitadarse a 30. A velocidade 30 é unha garantía de que se un peón, ciclista ou condutor comete un erro non vai ser algo irremediable. As vítimas máis habituais de atropelo son nenos e anciáns que non teñen culpa de nada pero pagan moi caro as presas doutros. Vilaboa é o que se chama unha poboación dispersa polo que é complicado facer beirarrúas así que os peóns van pola calzada e isto é perigoso se os coches circulan rápido. É materialmente imposible facer centos de quilómetros de beirarrúas ou sendas para os peóns polo que faise necesario adecuar a velocidade dos vehículos a que permita a convivencia cos peóns e ciclistas.
-
Vilaboa debe ser accesible. Isto moitas veces depende máis de cartos que de vontade pero non queremos deixar de dicilo. Unha cidade que coida de quen máis o precisa é unha cidade moi cómoda para todos os que non o precisamos. A cidade debe ser amable cos seus cidadáns, e isto, as veces choca cos aparcamentos para os coches, para facer beirarrúas dignas ou beiravías transitables, sempre é mellor pedirlle a un condutor que camiñe 5 minutos que limitar a mobilidade de que non pode camiñar.
- Vía Verde para democratizar a bicicleta. Vilaboa e Pontevedra son dúas vilas moi próximas pero separadas para os peóns e ciclistas por unha estrada saturada de coches e perigosa que é a N-550. A recuperación das vías do tren para permitir un uso recreativo, turístico e de mobilidade é factible precisa de que o ministerio de Fomento mude de idea e permita unha vía ciclista e peonil que permita a nenos e familias usar a bicicleta dunha forma cómoda e segura.
- Pedirlle a Fomento que mellore a seguranza viaria na N-550 e N-554. Nós pensamos que os nenos deben ser autónomos como o eran antes de que se masificara o uso do automóbil por iso somos grandes defensores dos camiños escolares. A estrada N-554 esta pensada para mover coches e non para ser segura para peóns e ciclistas, faltan beiravías transitables, faltan pasos de peóns e faltan medidas de calmado de tráfico a pesar de estar recen reformada. Isto fai inviable o acceso autónomo dos nenos ao centro integrado do Toural, aos desprazamentos seguros ao centro de saúde, á farmacia, ao Concello... indo a pé para nenos e maiores. Mentres, a N-550 esta sobresaturada pola peaxe da AP-9, con tráficos pesados que deberían ir por unha autovía e non por unha nacional para a permitir que a N-550 se adapte a velocidades de travesía, por iso hai que insistirlle a fomento que ten que mudar as súas prioridades e asumir que as infraestruturas deben ser seguras, por riba de todo para peóns e ciclistas que son os máis vulnerables na estrada. Ás veces parece que a administración asumen que é tolerable que morran cidadáns por non adecuar as infraestruturas.
Sabemos que pedimos moito, pero temos claro que estes agasallos serían bos para todos, tanto pequenos como grandes, que se portan ben todo o ano e que agora mesmo non poden ir do todo seguros polas estradas e as vilas. Moias grazas Rei Mago Luis.
miércoles, 7 de diciembre de 2016
Xa veñen os Reis Magos coa Bicicleta.
Xa chegan os Reis Magos e coma tódolos anos a bicicleta é un dos agasallos estrela do Nadal. As cifras que nos chegan de AMBE (Asociación y Bicicletas de España) din que véndense máis bicicletas que automóbiles, ata un total de 1.088.548 ud no 2014 cunha facturación global de 1.354,5 millóns de €. As cifras marean pero non quedan aí, o 2015 mellorou un 8,62% a facturación e as cifras deste 2016 aínda van a ser mellores para os vendedores.
A demanda e os usuarios non paran de medrar pero as administracións non están a responder a esta nova necesidade. O aumento da rede ciclista e a seguridade en calzada para os ciclistas non están a despegar, a pesares de que esta na axenda de tódalas administracións polos compromisos firmados. A Xunta de Galicia ten o plan de Mobilidade Alternativa, o Goberno de España busca un pacto de estado para a promoción dos medios de transporte non contaminantes, os concellos teñen plans pero pouco chega a executarse, todo queda en boas palabras... por iso neste Decembro comezamos unha nova campaña.
Plan de acción: "Imos tocar en tódalas portas"
Neste mes de Decembro péchanse tódolos presupostos, estatal, da Xunta, da deputación e os concellos. Os presupostos son o elemento fundamental das políticas que se fan no ano e queremos que este 2017 sexa un bo ano para a mobilidade saudábel que supón a bicicleta. Hai un dito popular, "o que non chora non mama" e a bicicleta debe chorar moi pouco porque a pesar de contar con 3.8millóns de usuarios intensivos (datos: Barómetro da Bicicleta) sempre é a gran esquecida na partida no orzamento de mobilidade.
Por iso, imos concertar citas cos alcaldes da comarca de Pontevedra, imos visitar a Luis Poceiro de Vilaboa, Luciano Sobral de Poio, María Margallo de Marín e Miguel Anxo F. Lores de Pontevedra para levarlles peticións que temos para os seus concellos e que faremos públicas nesta web en forma de carta antes de cada reunión.
Tamén imos visitar a Deputación de Pontevedra e o tentaremos coa Xunta de Galicia co mesmo sistema, antes da reunión estará dispoñible a carta de peticións.
Para cada institución temos unha serie de peticións, nada excesivo, catro ou cinco que na súa maioría son promesas xa feitas por eles mesmos nestes últimos anos pero que aínda non teñen proxectos, nin licitación, nin data de execución polo que o obxectivo é pedir contas a cada unha das administracións, de porque non están a executar o prometido e animar a que neste 2017 si se fagan estes proxectos e non se terminen noutra promesa electoral que un político non cumpre unha vez esgotado o seu mandato.
A primeira acción: Carril Bici Pontevedra a Marín.
É unha promesa do 16 de Maio do 2015 en plena campaña ás municipais, aínda non esta feito nin o proxecto. Nós presentamos unha opción executable, eficiente, a baixo custo e que poderíase facer en poucas semanas pero Costas anunciou que para Outubro teriamos un proxecto redactado por eles, a día de hoxe nada se sabe.
Por prensa repetiuse que neste Outubro xa teríamos o proxecto pero non é certo, seguimos esperando mentres a administración arrisca a vida de quen quere usar unha bicicleta para a súa mobilidade. Isto é un incumprimento claro dunha promesa electoral que xa ten dos anos e catro meses de atraso.
Así que, ímoslle recordar á Presidenta do Congreso Ana Pastor a promesa que lle fixo en persoa á Asociación Pedaladas, que ía facer todo o posible por axilizar este Paseo Ciclista e peonil. Ao Presidente do Goberno Mariano Rajoy Brei que se acorde da súa cidade e que inclúa nos presupostos do 2017 a partida destinada a execución deste proxecto que depende integramente da súa administración.
Carta á Presidenta do Congreso Ana Pastor
Carta ao Presidente do Goberno Mariano Rajoy Brei
jueves, 1 de diciembre de 2016
Por prensa tivemos noticia de que o PSOE de Pontevedra está a pedir que o IVTM teña bonificacións para os vehículos menos contaminantes.
Así a priori pode parecer unha boa idea, fomentar a renovación da flota sacando das rúas os vehículos máis daniños para a saúde e a baixo custo, xa que o IVTM en Pontevedra é barato coma no resto do estado se o comparamos cos países do Norte de Europa.
Por exemplo, un utilitario pequeno cun motor de ata 1.500cm3 e de 75 a 110CV sexa gasolina ou diésel paga uns 56€/ano en Pontevedra. Polo que convencer a un propietario de que cambie o seu coche por un híbrido ou eléctrico como moito produciría unha mingua deses 56€/ano de impostos.
Como dicíamos, a priori parece unha boa idea pero a realidade é que estas medidas non solucionan o problema da contaminación.
O fracaso do Plan PIVE á hora de mitigar a contaminación.
O Plan Pive foi unha axuda de 1000€ do estado (máis un desconto que daba o fabricante) cando se compraba un vehículo novo que esixía a entrega dun vehículo con máis de 10 anos para a sua destrución. O Plan Pive tivo un orzamento de máis de 1.200m€ que conseguiu o seu obxectivo primario, soster a venta de vehículos privados e con elo manter a cadea de distribución e os concesionarios, renovar o parque cara a coches máis seguros pero foi un fracaso absoluto en termos de mitigar a contaminación.
Isto pódese deber a que as emisións reais en estrada están moi lonxe do que din as marcas nos test de laboratorio. A ONG que descubriu o escándalo da VW fixo un análise das emisións reais de 50 modelos distintos e chegou a conclusión de que o consumo real chega a ser dun 50% maior ao declarado, e as emisións nalgúns modelos chegan a ser 14 veces superior ao legal.
A renovación foi significativa con 1.350.000 vehículos de máis de 10 anos que na súa maioría cumprían normas anti contaminación Euro 0-3 por vehículos que en teoría emiten da orde de 20 veces menos partículas daniñas para a saúde e que cumpren a normativa Euro 5-6.
Pero os niveis de contaminación non se moveron nas grandes urbes. Seguimos tendo episodios de alta contaminación en Madrid e Barcelona que obrigan a reducir a velocidade, limitar o aparcamento e incluso impedir o acceso a certas partes das cidades.
Por iso, dubidamos de que esta medida sexa eficaz realmente. Seguramente esteamos facendo máis barato ter un coche e con iso fomentando a súa tenencia.
Bonificar o IVTM pode ter efectos perniciosos.
As taxas e os impostos teñen como misión o sostemento dos servizos públicos na súa totalidade. De feito, non temos impostos con destino fixo a partidas concretas senón que con toda a recadación páganse todos os servizos públicos. Isto permite que se poidan facer estradas e colocar sinalización xa que a recadación directa ao transporte motorizado non cubre todos os custos. O IVTM na nosa cidade é un imposto central dos orzamentos. Temos 40.233 turismos en Pontevedra e o IVTM oscila entre os 56€ e os 118€ suma un total de 4,2millóns de € que é un 5.86% do total do orzamento. A maioría da recadación ven do IBI e das transferencias doutras administracións polo que a minoración desa partida pode ser un recorte doutros servizos públicos que si son esenciais.
A parte, outra pega é que podemos estar rompendo o principio de esforzo tributario en función da renda. O IVTM é bastante malo nisto, xa que non se paga en función do valor do vehículo senón da potencia fiscal que coa chegada dos motores turbo alimentados fai que vehículos de luxo paguen coma un utilitario. Por iso, podemos estar dándolle unha bonificación de 50€ a alguén que non a precisa mentres outro cidadán que non ten cartos para cambiar de coche vese dobremente penalizado.
Nunca debemos perder de vista a equidade social.
O vehículo eléctrico ou de baixas emisións non soluciona o problema do transporte privado na cidade.
O uso do vehículo privado ten os seguintes compoñentes problemáticos, uso do espazo público insostible, a seguridade, a contaminación que dana a saúde, o consumo excesivo de recursos e as emisións de CO2 que propician o cambio climático.
Fomentar o vehículo eléctrico a día de hoxe só resolve a contaminación daniña para a saúde dentro da cidade e reduce a emisión de CO2. Un motor eléctrico afasta a fonte da contaminación a onde este situada a central eléctrica que permite recargar as baterías polo que si é eficaz no punto da contaminación urbana pero non acaba co cambio climático xa que a capacidade de xerar enerxía eléctrica sen emisións aínda é moi limitada.
Pero sobre todo:
-
Non muda a dinámica do uso do espazo público. Hay que recordar que no modelo de un coche por persoa da igual que sexa eléctrico que de motor a combustión.
- Segue a ser insostible,
as reservas probadas de litio para facer as baterias non darían para unha substitución completa de todo o parque móbil.
Pontevedra xa cometeu un erro neste eido. Diésel e gasolina teñen a mesma carga fiscal.
No ano 2011 subiuse a tributación aos motores gasolina ata igualalos co diésel aínda que a contaminación máis prexudicial para os cidadáns ven da emisión de NOx, PM10 e PM2.5 que maioritariamente ven dos motores diésel turbo alimentados. Non foi un erro moi grave, 8€/ano pero si unha mala idea xa que estas animando a adquirir unha motorización moi primada a nivel estatal polos impostos especiais e que ten consecuencias para a saúde nas cidades.
O noso consello para o PSOE e o Concello.
Ningunha entidade ecoloxista esta pedindo renovar o parque móbil ou primar con incentivos económicos a mobilidade en vehículo privado. As solucións serias van noutra liña:
- Crea máis aparcamento disuasorio.
A lóxica dunha cidade como Pontevedra nos di que todo esta mais ou menos a 10-15 minutos a pé da periferia así que para reducir a contaminación aumenta a oferta de aparcamento no radio externo da cidade e dille ao condutor que camiñe un pouco.
- Crea áreas de baixas emisións.
Fai como en Alemaña, crea areas de baixas emisións ou emisións 0 onde esta restrinxido o paso, deixando libre acceso aos vehículos de baixas emisións e onde so se pode estacionar se o teu coche non dana a saúde das persoas. O instrumento para facelo xa nolo proporcionou a DXT enviando as tarxetas de emisións de cada tipo de vehículo.
- Reforza o transporte público.A partir de 8 pasaxeiros un autobús xa aforra emisións contaminantes con respecto ao mesmo numero de turismos.
- Promoción das formas de transporte sostibles.
Sempre é mellor moverse coa propia enerxía. É a forma menos custosa para o usuario e para o sistema. Conseguir que unha persoa deixe o coche e pase a moverse a pé ou en bici e mellor que cambiar 16 coches con 20 anos por coches de baixas emisións. Isto non é moi do agrado dos fabricantes que teñen como bandeira a renovación para ser máis ecolóxicos
pero non ten nada de sustentábel estar renovando o parque móbil cada dez anos. Mellor a pé ou en bici.
- Cambia o sistema de calculo do IVTM.
O sistema actual é propio do século pasado usando a definición do cabalo fiscal que só ten en conta a cubicaxe dos motores e isto esta totalmente superado pola tecnoloxía, un motor de 1.000cm3 pode ter 140CV ou 60CV pero a ollos tributarios pagaran o mesmo. O ideal é que este imposto estivera prorrateado e incluído no combustible para gravar o uso e non a tenencia. Outro camiño e o sistema Francés que calcula o equivalente ao IVTM usando os CV reais nun compoñente do calculo e no outro as emisións de homologación.
Con isto non queremos facer leña do PSOE local nin moito menos, cremos que estamos no mesmo barco da sustentabilidade polas conversas que tivemos ata agora pero si que é bo reflexionar ben sobre os pros e os contras da bonificación no IVTM xa que o discurso oficial no estado ven moi marcado polos intereses dos fabricantes de automóbil que viven de vender coches, non de coidar do planeta e das persoas.
Hai que desconfiar de quen intenta por todos os medios atrasar a entrada en vigor no novo sistema de homologación que analiza as emisións en tráfico real e que presenta desviacións do 1.400% en NOx e partículas con respecto a EURO VI.