viernes, 14 de octubre de 2016 0 comentarios

Os falecidos na provincia de Pontevedra aumentan un 30,3%


Xa temos o anuario da DXT do ano 2015 unha vez que se sumaron aos datos da DXT os informes das vías urbanas que facilitan os concellos con competencias de tráfico.

Os datos do 2015 en España de falecidos e feridos seguen nunha senda negativa que veñen do 2013, os indicadores de falecidos seguen a empeorar rompendo unha racha de redución de vítimas, falecidos, feridos graves e feridos leves..

Neste artigo ímonos a concentrar na nosa provincia, Pontevedra, que é unha das peores a nivel nacional no que se refire a accidentes e falecidos.


Falecidos Pontevedra 2013 2014 2015 % 15/14
Interurbanas 24 24 34 41,67%
Urbanas 7 9 9 0,00%
Total 31 33 43 30,30%

O aumento dos falecidos na Provincia de Pontevedra estase a consolidar como esta a pasar a nivel nacional xa que aumentaron os falecidos en 2014 e en 2015. O aumento dun 30,3% no número de falecidos na provincia é moi superior ao que esta a pasar a nivel nacional o cal nos fai pensar que algo non esta a saír ben nas políticas de seguranza viaria, sobre todo nas vías interurbanas que é onde máis creceron os falecidos.


Hospitalizados Pontevedra 2013 2014 2015 %15/14
Interurbanas 156 195 179 -8,21%
Urbanas 71 88 96 9,09%
Total 227 283 273 -3,53%


Os datos de feridos graves son mellores pero empeoran en vías urbanas 9,09%. Hai que recordar aínda non se aprobou o novo regulamento de circulación que pretende mellorar a seguranza viaria nestas nas vías urbanas adoptando moitas medidas que se fixeron na Cidade de Pontevedra. O borrador do regulamento contempla medidas de calmado de tráfico, regular a plataforma única, establecer a limitación 30km/h en moitas rúas e melloras sobre todo para peóns e ciclistas.


Feridos Leves Pontevedra 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 2179 2019 1731 -14,26%
Urbana 274 536 1171 118,47%
Total 2453 2555 2902 13,58%

Os datos de feridos leves na Provincia de Pontevedra son moi preocupantes. Case poderiamos dicir que é unha anomalía estadística. En vías urbanas crecen un 118,47% e supoñemos que pódese deber a unha mellora na recolección dos datos que entregan os concellos. O aumento desde o 2013 non ten precedentes e imos preguntarlle a Xefa Provincial de tráfico por este extraordinario aumento de accidentes con feridos leves.

O 2015, un ano en positivo para os ciclistas.



Ciclistas Falecidos España 2013 2014 2015 %15/14


Interurbana 45 54 48 -11,11%
Urbana 24 21 10 -52,38%
Total 69 75 58 -22,67%

Cando se fala de falecidos dicir que 58 mortos é un bo ano non esta ben pero mirando que levabamos dende o 2011 aumentando o número de falecidos, hospitalizados e feridos leves esta redución do 22,67% dos falecidos é unha boa noticia.

Seguimos coas mesmas problemáticas de sempre, a maioría dos accidentes mortais están en vías Interurbanas a pesar de que o groso dos novos ciclistas están a circular polas cidades, isto é debido a velocidade no momento do impacto. O uso do casco nas vías Interurbanas e maioritario segundo os datos da DXT pero pola homologación do mesmo non é unha medida de seguranza tan efectiva como adaptar ás infraestruturas para un paso seguro dos ciclistas.

Hai que recordar que a homologación CE do casco dos ciclistas só garante a resistencia dun impacto a 25km/h polo que nos impactos a 50km/h só sobreviven o 55% dos ciclistas implicados e a 80km/h e practicamente imposible sobrevivir a un impacto ente un ciclista e un automóbil. Isto fainos totalmente dependentes das condutas e a velocidade dos automobilistas ao colectivo que vai sobre pedais.



Ciclistas Hospitalizados España 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 297 312 322 3,21%
Urbanas 349 358 330 -7,82%
Total 646 670 652 -2,69%

Os datos hospitalizados sobre dúas rodas teñen os mesmos compoñentes que no caso dos falecidos, unha redución no numero de hospitalizados moito máis importante nas cidades que nos tramos interurbanos. Aquí temos a mesma lección, os concellos están a facer grandes esforzos por facer un calmado do tráfico efectivo e isto redunda nunha mellora da seguranza viaria de todos, pero sobre todo nos máis débiles da cadea, os peóns e os ciclistas.
Pero nas estradas dependentes doutras administracións aínda non se están a tomar as medidas adecuadas como facer unha beiravía transitable, sinalizar as rutas con gran presencia de ciclistas, adaptar as velocidades ao uso real da vía e aumentar as medidas de control tanto mecánicas como presencial da DXT.


Ciclistas Feridos Leves España 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 1328 1722 1803 4,70%
Urbana 3451 4165 4470 7,32%
Total 4779 5887 6273 6,56%

Os datos de feridos leves revelan un segredo a voces, o numero de ciclistas nas nosas cidades esta a crecer en valores próximos ao 10% anual. Isto quere dicir que cada 4 anos estase a duplicar o numero de ciclistas habituais que atopamos nas nosas cidades, é un fenómeno que supón un reto para as administracións e para os condutores de vehículo a motor que non están afeitos a convivir con tal cantidade de usuarios de bicicleta.

Os usuarios de bicicleta xa están implicados en máis do 6% de tódolos accidentes de tráfico, un cifra moi elevada en comparación por exemplo con Holanda. Isto debese a falta de infraestrutura adaptada como son os carrís bici ou a zona 30. Unha vez máis chegan antes os usuarios que as administracións.

Existe o bulo de que os ciclistas están a incumprir a normativa de forma xeral o cal esta a propiciar este aumento da sinistralidade ciclista, isto mesmo tamén se escoita dos peóns atropelados pero non deixa de ser un bulo se o contrastamos cos datos do anuario da DXT.


Dato 2015: O 69,14% dos peóns vítimas dun sinistro de tránsito non cometeron infraccións.


Dato 2015: O 68,86% dos ciclistas vítimas dun sinistro de tránsito non cometeron infraccións.


Chama moito a atención cando un peón cruza fora do paso de peóns ou o ciclista non para nun semáforo pero os datos dos que dispón a DXT no seu anuario só lle imputan a responsabilidade ou parte dela ao 31% dos ciclistas e peóns que están involucrados nun sinistro. A percepción da cidadanía sen embargo é moi distinta, sobre todo no caso dos ciclistas, debido a certas condutas reprobables e perigosas dalgúns usuarios da bicicleta que circulan a gran velocidade polas beirarrúas, non paran nos semáforos ou non respectan as prioridades de paso nos cruces.

A pesar desta sensación colectiva de inseguridade, a bicicleta e un dos medios de transporte máis seguros para o seu condutor, en España hai 3,8 millóns de persoas (Barómetro da bicicleta) que a usan a diario e só 58 mortos neste 2015. Só temos constancia de que un ciclista se vira implicado na morte dun peón en 5 ocasións dende o ano 2001 e isto debese a pouca masa que ten o conxunto persoa mais bicicleta a diferenza dos 1000-1500kg que representa a mobilidade motorizada.

Nós solicitamos a Xefatura Provincial en Abril varias medidas pero non temos confirmación de que ningunha se levara a cabo, esperamos que se faga algo xa que un aumento do 41,67% dos falecidos nas estradas da súa competencia debe implicar medidas serias e contundentes. Seguimos facendo as mesmas peticións e volveremos a solicitar unha reunión coa Xefa Provincial de tráfico.

Na anterior estas foron as nosas peticións:




viernes, 7 de octubre de 2016 0 comentarios

Cartas aos alcaldes pedindo unha mellora da mobilidade sostible e Vías Verdes


A marcha non é un acto simbólico, é moito máis. As vías verdes, os carrís bici, as medidas de calmado de tráfico só as conseguimos poñer en marcha se existe unha demanda social. Isto non quere dicir que fagamos oposición política senón que  intentemos convencer as Administracións de que cambien as súas prioridades de gasto como se fixo en Alemaña, Holanda, Bélxica, Francia... para adicar unha parte da inversión en mobilidade sostible.

Xa temos moitas estradas, estamos por diante en toda Europa en autoestradas e vías de alta velocidade cando o que precisamos non son máis coches circulando e aparcando no espazo público senón o que realmente precisamos son máis peóns, máis ciclistas e un transporte público eficiente. Imos a contracorrente de Europa neste eido, a mobilidade intelixente é usar o medio de transporte válido para cada tipo de desprazamento e non o estamos a facer todo o ben que deberiamos.

Por iso facemos a Marcha do día 9 de outubro e por iso lle escribimos aos alcaldes por onde pasa a Vía Verde, cada un ten a súa carta, cada un a responsabilidade de actuar en prol da mobilidade sostible. Nós só somos os mensaxeiros que piden un mundo mellor:

Vilaboa, Soutomaior e Redondela o camiño por facer.

Pontevedra, o bo camiño que nos pide andar para mellorar:


A Vigo a promesa do Carril Bici que permita a Mobilidade Sostible:

martes, 4 de octubre de 2016 0 comentarios

A Ruta do día 9 da Via Verde Pontevedra a Vigo


Powered by Wikiloc

A ruta non é tecnicamente moi exixente, a maioría do trazado son camiños e pistas forestais pero para non facela excesivamente longa temos dous tramos curtos da N-550.

Datos da ruta:

(Contando o tramo da manifestación que transcorre por Vigo e a Ida e Volta desde Pontevedra)

Distancia total 76km
Desnivel Positivo: 987m


Requisitos:
(o máis importante, se non estás afeito a facer 60-80km ten claro que non chegas, tes a opción de facelo a pé desde Figueirido e Chapela ou a ruta dentro de Vigo)


- Bicicleta de Montaña en bo estado e completamente revisada.

- Ferramentas e cámara por si pinchas, tes que ser auto suficiente.
- Ser capaz de facer o percorrido no horario establecido. Tes escapatorias en Redondela e Arcade para coller o tren e o bus. Nós acompañamos pero ti es responsable de ti mesmo.

- Ter claro que é unha ruta en bicicleta entre amigos, isto non é unha proba deportiva polo que ti mesmo debes cumprir as normas de tráfico. Casco, sinais, circular como máximo dous en paralelo...
- Os actos manifestativos son na praza España, en Arcade, en Redondela e a ruta de Vigo.
- Durante o percorrido iremos atentos a forma física dos que veñades, e aconsellaremos non seguir aos que vexamos mal. A Ruta ten un horario, fácil de seguir se estas en boa forma, un sufrimento se non o estás sobre todo no regreso. Preferimos axustar aquí que logo lamentar.

Recomendacións:

- Levar bebida, só hai dúas fontes de auga potable polas que pasamos.
- Comida abundante. A saída é ás 9:30 e estamos na Porta do Sol en Vigo 13:00 polo que o regreso será de 15:30-16:00. Mínimo dúas barritas e algún xel, pero é interesante levar algo de froita ou bocadillo pequeno.

Como vai ser:

Saímos ás 9:30 da Praza de España polas vía de servizo do Ave e os camiños que dan acceso a Salinas do Ulló para estar en Arcade ás 10:15-10:30 onde estará a Asociación das Salinas do Ulló que fan a rúta a pé desde Figueirido.

Sen moita demora saímos de Arcade facendo un tramo de menos de 2km pola N-550 para evitar incrementar o percorrido. No camiño a Redondela imos pasar fronte a Illa de San Simón e aproveitaremos vías de servizo da antiga liña do tren. É un trazado pouco coñecido polas ciclistas de Pontevedra pero unha gran ruta turística ata Redondela. Xa en Redondela faremos unha parada rápida na Praza da Constitución ás 10:55-11:10.

A saída de Redondela vai ser un paseo que fai pouco terminou costas ao carón da ría de Vigo para iniciar a subida á Senda da Auga. Aquí van doer as pernas, nun espazo moi pequeno subimos aos 160m de altura pero con paciencia súbese sen moito problema xa que está asfaltado. Utilizaremos a Senda da Auga para entrar en Vigo cunhas preciosas vistas de Rande e a Enseada de San Simón. Ás 12:00 temos que estar xa no apeadeiro de Chapela onde sae a manifestación de A Golpe de Pedal.

Ás 12:30 a manifestación en bici xúntase coa manifestación a pé da Asociación de Veciños de Chapela na estación do tren de Urzaiz para ir todos xuntos a Porta do Sol en Vigo.
Entre ás 12:30 e a 13:00 iremos a ritmo da xente a pé polo que é un bo momento para comer algo e recuperar antes de dar inicio o regreso para Pontevedra.

A ruta de regreso é un pouco máis curta e por un trazado alternativo da ruta da auga a Paredes.

miércoles, 28 de septiembre de 2016 0 comentarios

O día 9 de Outubro manifestate por unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo


O primeiro. Que é unha Vía Verde?

En España temos unha basta rede de ferrocarril que quedou inconclusa ou coa chegada do AVE pasou a estar en desuso. A Fundación de los Ferrocarriles Españoles ten como unha das súas funcións recuperar estes trazados en desuso para crear itinerarios non motorizados con alto valor cultural e ambiental. Para isto creou un modelo deseño que se chama Vía Verde.

A vía verde ten como cualidades ter unha accesibilidade universal, son vías seguras para todos e ao ser un trazado ferroviario son moi cómodas ao non requirir grandes esforzos físicos e integran os antigos elementos da liña de ferrocarril.

A Vía Verde Pontevedra - Vigo. Patrimonio cultural, paisaxístico e natural.

A antiga liña de tren de Pontevedra a Vigo, agora mesmo en desuso coa inauguración do trazado da eixo Atlántico de Alta Velocidade, comunica os concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo.

No seu trazado temos unhas fermosas vistas da Ensenada de San Simón e a ponte de Rande que forman parte dunha área protexida pola fauna presente na enseada. O patrimonio natural ten como referente as salinas de Úllo e a marisma que atopamos na enseada de San Simón.

No trazado desta antiga vía férrea atopamos lugares moi fermosos con edificios con atractivo histórico, como en Pontesampaio ou Redondela, que están desaproveitados como elemento dinamizador da economía ao non estar dispostos nunha ruta singular, senón explotados como elementos illados.

Que nos atopamos nesta Vía Verde: ENIL do río Gafos-Tomeza, a vía romana XIX e o camiño portugués, as salinas de Vilaboa e a enseada de San Simón, a illa da Insuíña en Ponte Sampaio, a ponte medieval, ou as pontes do tren entre Arcade e Ponte Sampaio, a fábrica da Pontesa e a Illa do Castelo de Ponte Sampaio, a Illa de San Simón, viaduto de Redondela, a Ponte de Rande...

O turismo activo está moi desaproveitado en Galicia a pesar de ter a gran virtude de ser un turismo mais des-estacionado que o turismo de sol e praia xusto o que precisamos para crear emprego de calidade. O trazado da Vía Verde ente Pontevedra e Vigo tería uns 31km de lonxitude e sería unha ruta para percorrer ao longo duns días en bicicleta ou a pé tendo a capacidade de dinamizar os lugares por onde pasa.

Pedaladas pregúntanlle a ex ministra

Os retos. Quen nós dixo que non. Porque é importante manifestarse.

Vai facer un ano de que Pedaladas lle preguntou a ex ministra Ana Pastor pola posibilidade de cesión das vías do tren para facer esta Vía Verde pero a contestación  que nos deu foi que non se podía ceder a ponte sobre o río Úllo porque esta tería uso para o transporte de mercadorías entre os portos de Vigo e Marín.

Polo tanto temos un reto importante, a oposición do ministerio que ten as competencias para ceder esta vía. Non hai nada perdido, a día de hoxe a antiga liña do tren está totalmente eliminada en varios puntos polo trazado da Alta Velocidade, por exemplo nas pontes de Arcade, o cal a inhabilita para a función de transporte de mercadorías.
A parte, calquera pode observar que o argumento da ministra non parece ter moito sentido cando polas vías do eixo atlántico están a pasar a diario trens que non son de pasaxeiros como  o que vai co lixo a Sogama. Isto significa que a Vía Verde non vai en detrimento dun posible intercambio de mercadorías entre Vigo e Marín senón que nos atopamos ante a falta de vontade política.

Nós pensamos  que as mercadorías son unha escusa para non facer a cesión e a inversión económica de eliminar o balastro e as vías,  facer a sinalización e o acondicionamento do firme que teñen as Vías Verdes. En custo para o estado son minucias se o comparamos co custo económico da A-57, a ampliación de Rande  ou o Eixo Atlántico de Alta Velocidade (por poñer exemplos próximos e actuais) pero todos sabemos no que a inversións se refire, as prioridades dos gobernos ata agora.

Polo tanto toca facer unha mobilización que mostre a demanda social que existe por crear infraestruturas para usos non motorizados que sexan un motor económico e social. A idea non é facer de oposición política senón de promover  que a política se fixe en que hai proxectos viables que crean riqueza e so falta que se suban ao carro. Sen presión social o ministerio non se vai mover da non creación dunha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo mentres o trazado queda no esquecemento como unha nova mostra de malgasto de recursos públicos.

Solución  proposta pola asociación de Veciños de Chapela

A mobilidade sostible Chapela-Redondela-Vigo.

A Asociación de Veciños de Chapela coa que imos colaborar nesta manifestación achéganos a petición de recuperar a liña do tren cun tranvía lixeiro para permitir a Chapela e a Redondela unha comunicación sostible con Vigo compatibilizando o uso cunha plataforma para bicicletas e peonil que nos gustaría apoiar por ser un exemplo de compatibilizar as tres formas de mobilidade sostible. O trazado urbano das vías permiten a mobilidade alternativa ao automóbil para crear un tranvía lixeiro que podería diminuír a necesidade de uso do vehículo privado o cal supón unha diminución das emisións de CO2 e uso do espazo publico asociado ao estacionamento de vehículos.
Esta reivindicación é moi sensata e debería ser examinada polos responsables políticos do transporte público en Vigo e na Xunta xa que vai máis alo das funcións de Pedaladas pero o proxecto conta coa nosa simpatía.

A quen temos que sumar a causa?

 A todas as administracións, e con todas referímonos a que na lista están os concellos polos que pasa a vía en desuso como máximos interesados xa que a inversión vai en beneficio dos seus veciños. Hai que ter en conta que os veciños de Pontevedra, Vilaboa, Arcade, Redondela e Vigo van ter acceso directo a unha fermosa ruta pero a parte a actividade turística  vai xerar empregos como nos outros lugares onde se crearon estas vías verdes.

A deputación de Pontevedra é un dos grandes interesados xa que é o ente supra municipal inmediato aos concellos e esta Vía Verde sería un gran proxecto para a actual deputación que está a mirar con outros ollos a mobilidade non motorizada como se fai en Europa.

A Xunta de Galicia. Se miramos un pouco os programas electorais dos principais partidos para presidir a Xunta temos que o PSOE levaba o aproveitamento de liñas férreas para crear vías verdes, enMarea tiña liñas xerais de transporte sostible,  o BNG fixo unha aposta por este trazado alo menos nunha parte e a Xunta tamén ten o Plan de Mobilidade Sostible que debe definir itinerarios e esta Vía Verde podería ser un deles.

Polo tanto, hai que sumar aos Concellos, a Deputación e a Xunta para convencer ao ministerio de que aposte por esta Vía Verde xa que o trazado cumpre con todos os criterios da Fundación dependente do Estado Español que fai as Vías Verdes. Só falta a vontade política de facer este proxecto tan beneficioso para Galicia e a provincia de Pontevedra.

A ou as Manifestacións. A pé ou en bicicleta

O día 9 de Outubro imos ter unha sucesión de concentracións e manifestacións para impulsar o proxecto convocadas por colectivos ciclistas e asociacións de veciños que están en todo o trazado da Vía Verde.

Marchas a pé.

Asociación Salinas de Ulló vai facer o percorrido de Vilaboa a Arcade a pé dende o local social de Figueirido (9:30) ata Arcade no parque sobre ás vías do tren (10:30).
Asociación de Veciños de Chapela vai facer o percorrido de Chapela (11:30)  á Porta do Sol en Vigo (13:00).

Marchas en Bicicleta.

Pedaladas
vai organizar un grupo de 49 ciclistas (máximo pola lei actual de seguridade viaria anexo II) e vai facer concentracións en diferentes lugares do trazado da Vía Verde. Para participar é obrigatorio inscribirse con Pedaladas a parte de ter en conta que son 36km por traxecto nun percorrido en bicicleta de montaña bastante esixente física e tecnicamente. A ruta por estrada foi descartada pola peligrosidade da N-550 e as esixencias legais.
9:30 Praza España Pontevedra, 10:30 Arcade, 11:55 Praza Constitución Redondela e 13:00 Porta do Sol Vigo.

A Golpe de Pedal Vigo organiza a manifestación nas rúas de Vigo onde peóns e ciclistas confluímos na Porta do Sol (13:00)

Marchas e adestramentos fora dos actos comunicados.

Algúns clubs deportivos de ciclistas de estrada van participar a titulo particular nas concentracións igual que numerosos deportistas e usarán a N-550 nos seus desprazamentos.
Queremos facer un chamamento a responsabilidade dos condutores de vehículo a motor para extremar as precaución na N-550 non só o día 9 de Outubro senón tódolos días do ano xa que na N-550 xa houbo falecidos en bicicleta e numerosos accidentes de consideración.

A N-550 é un dos puntos negros da provincia para os ciclistas que non teñen alternativas asumibles para facer o percorrido Arcade - Redondela - Vigo. Esta vía non ten beiravía transitable en gran parte do seu percorrido a pesar de ter limitacións de velocidade moi superiores aos 30km/h no seu paso por núcleos poboados e de 50km/h fora deles. O Ministerio de Fomento non se esta a tomar en serio a seguridade ciclista e peonil mantendo e facendo reformas en estradas sen crear unha beiravía transitable dun 1.5m e adaptando a velocidade máxima no paso polos núcleos poboados como si se fai en Pontevedra, motivo polo que recibiu o premio Premio movilidad segura de la DGT. O datos de atropelos de peóns e ciclistas na provincia de Pontevedra están por riba da media nacional e non se debe a unha praga bíblica senón a unha falta de responsabilidade dos titulares das infraestruturas.