martes, 4 de octubre de 2016 0 comentarios

A Ruta do día 9 da Via Verde Pontevedra a Vigo


Powered by Wikiloc

A ruta non é tecnicamente moi exixente, a maioría do trazado son camiños e pistas forestais pero para non facela excesivamente longa temos dous tramos curtos da N-550.

Datos da ruta:

(Contando o tramo da manifestación que transcorre por Vigo e a Ida e Volta desde Pontevedra)

Distancia total 76km
Desnivel Positivo: 987m


Requisitos:
(o máis importante, se non estás afeito a facer 60-80km ten claro que non chegas, tes a opción de facelo a pé desde Figueirido e Chapela ou a ruta dentro de Vigo)


- Bicicleta de Montaña en bo estado e completamente revisada.

- Ferramentas e cámara por si pinchas, tes que ser auto suficiente.
- Ser capaz de facer o percorrido no horario establecido. Tes escapatorias en Redondela e Arcade para coller o tren e o bus. Nós acompañamos pero ti es responsable de ti mesmo.

- Ter claro que é unha ruta en bicicleta entre amigos, isto non é unha proba deportiva polo que ti mesmo debes cumprir as normas de tráfico. Casco, sinais, circular como máximo dous en paralelo...
- Os actos manifestativos son na praza España, en Arcade, en Redondela e a ruta de Vigo.
- Durante o percorrido iremos atentos a forma física dos que veñades, e aconsellaremos non seguir aos que vexamos mal. A Ruta ten un horario, fácil de seguir se estas en boa forma, un sufrimento se non o estás sobre todo no regreso. Preferimos axustar aquí que logo lamentar.

Recomendacións:

- Levar bebida, só hai dúas fontes de auga potable polas que pasamos.
- Comida abundante. A saída é ás 9:30 e estamos na Porta do Sol en Vigo 13:00 polo que o regreso será de 15:30-16:00. Mínimo dúas barritas e algún xel, pero é interesante levar algo de froita ou bocadillo pequeno.

Como vai ser:

Saímos ás 9:30 da Praza de España polas vía de servizo do Ave e os camiños que dan acceso a Salinas do Ulló para estar en Arcade ás 10:15-10:30 onde estará a Asociación das Salinas do Ulló que fan a rúta a pé desde Figueirido.

Sen moita demora saímos de Arcade facendo un tramo de menos de 2km pola N-550 para evitar incrementar o percorrido. No camiño a Redondela imos pasar fronte a Illa de San Simón e aproveitaremos vías de servizo da antiga liña do tren. É un trazado pouco coñecido polas ciclistas de Pontevedra pero unha gran ruta turística ata Redondela. Xa en Redondela faremos unha parada rápida na Praza da Constitución ás 10:55-11:10.

A saída de Redondela vai ser un paseo que fai pouco terminou costas ao carón da ría de Vigo para iniciar a subida á Senda da Auga. Aquí van doer as pernas, nun espazo moi pequeno subimos aos 160m de altura pero con paciencia súbese sen moito problema xa que está asfaltado. Utilizaremos a Senda da Auga para entrar en Vigo cunhas preciosas vistas de Rande e a Enseada de San Simón. Ás 12:00 temos que estar xa no apeadeiro de Chapela onde sae a manifestación de A Golpe de Pedal.

Ás 12:30 a manifestación en bici xúntase coa manifestación a pé da Asociación de Veciños de Chapela na estación do tren de Urzaiz para ir todos xuntos a Porta do Sol en Vigo.
Entre ás 12:30 e a 13:00 iremos a ritmo da xente a pé polo que é un bo momento para comer algo e recuperar antes de dar inicio o regreso para Pontevedra.

A ruta de regreso é un pouco máis curta e por un trazado alternativo da ruta da auga a Paredes.

miércoles, 28 de septiembre de 2016 0 comentarios

O día 9 de Outubro manifestate por unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo


O primeiro. Que é unha Vía Verde?

En España temos unha basta rede de ferrocarril que quedou inconclusa ou coa chegada do AVE pasou a estar en desuso. A Fundación de los Ferrocarriles Españoles ten como unha das súas funcións recuperar estes trazados en desuso para crear itinerarios non motorizados con alto valor cultural e ambiental. Para isto creou un modelo deseño que se chama Vía Verde.

A vía verde ten como cualidades ter unha accesibilidade universal, son vías seguras para todos e ao ser un trazado ferroviario son moi cómodas ao non requirir grandes esforzos físicos e integran os antigos elementos da liña de ferrocarril.

A Vía Verde Pontevedra - Vigo. Patrimonio cultural, paisaxístico e natural.

A antiga liña de tren de Pontevedra a Vigo, agora mesmo en desuso coa inauguración do trazado da eixo Atlántico de Alta Velocidade, comunica os concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo.

No seu trazado temos unhas fermosas vistas da Ensenada de San Simón e a ponte de Rande que forman parte dunha área protexida pola fauna presente na enseada. O patrimonio natural ten como referente as salinas de Úllo e a marisma que atopamos na enseada de San Simón.

No trazado desta antiga vía férrea atopamos lugares moi fermosos con edificios con atractivo histórico, como en Pontesampaio ou Redondela, que están desaproveitados como elemento dinamizador da economía ao non estar dispostos nunha ruta singular, senón explotados como elementos illados.

Que nos atopamos nesta Vía Verde: ENIL do río Gafos-Tomeza, a vía romana XIX e o camiño portugués, as salinas de Vilaboa e a enseada de San Simón, a illa da Insuíña en Ponte Sampaio, a ponte medieval, ou as pontes do tren entre Arcade e Ponte Sampaio, a fábrica da Pontesa e a Illa do Castelo de Ponte Sampaio, a Illa de San Simón, viaduto de Redondela, a Ponte de Rande...

O turismo activo está moi desaproveitado en Galicia a pesar de ter a gran virtude de ser un turismo mais des-estacionado que o turismo de sol e praia xusto o que precisamos para crear emprego de calidade. O trazado da Vía Verde ente Pontevedra e Vigo tería uns 31km de lonxitude e sería unha ruta para percorrer ao longo duns días en bicicleta ou a pé tendo a capacidade de dinamizar os lugares por onde pasa.

Pedaladas pregúntanlle a ex ministra

Os retos. Quen nós dixo que non. Porque é importante manifestarse.

Vai facer un ano de que Pedaladas lle preguntou a ex ministra Ana Pastor pola posibilidade de cesión das vías do tren para facer esta Vía Verde pero a contestación  que nos deu foi que non se podía ceder a ponte sobre o río Úllo porque esta tería uso para o transporte de mercadorías entre os portos de Vigo e Marín.

Polo tanto temos un reto importante, a oposición do ministerio que ten as competencias para ceder esta vía. Non hai nada perdido, a día de hoxe a antiga liña do tren está totalmente eliminada en varios puntos polo trazado da Alta Velocidade, por exemplo nas pontes de Arcade, o cal a inhabilita para a función de transporte de mercadorías.
A parte, calquera pode observar que o argumento da ministra non parece ter moito sentido cando polas vías do eixo atlántico están a pasar a diario trens que non son de pasaxeiros como  o que vai co lixo a Sogama. Isto significa que a Vía Verde non vai en detrimento dun posible intercambio de mercadorías entre Vigo e Marín senón que nos atopamos ante a falta de vontade política.

Nós pensamos  que as mercadorías son unha escusa para non facer a cesión e a inversión económica de eliminar o balastro e as vías,  facer a sinalización e o acondicionamento do firme que teñen as Vías Verdes. En custo para o estado son minucias se o comparamos co custo económico da A-57, a ampliación de Rande  ou o Eixo Atlántico de Alta Velocidade (por poñer exemplos próximos e actuais) pero todos sabemos no que a inversións se refire, as prioridades dos gobernos ata agora.

Polo tanto toca facer unha mobilización que mostre a demanda social que existe por crear infraestruturas para usos non motorizados que sexan un motor económico e social. A idea non é facer de oposición política senón de promover  que a política se fixe en que hai proxectos viables que crean riqueza e so falta que se suban ao carro. Sen presión social o ministerio non se vai mover da non creación dunha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo mentres o trazado queda no esquecemento como unha nova mostra de malgasto de recursos públicos.

Solución  proposta pola asociación de Veciños de Chapela

A mobilidade sostible Chapela-Redondela-Vigo.

A Asociación de Veciños de Chapela coa que imos colaborar nesta manifestación achéganos a petición de recuperar a liña do tren cun tranvía lixeiro para permitir a Chapela e a Redondela unha comunicación sostible con Vigo compatibilizando o uso cunha plataforma para bicicletas e peonil que nos gustaría apoiar por ser un exemplo de compatibilizar as tres formas de mobilidade sostible. O trazado urbano das vías permiten a mobilidade alternativa ao automóbil para crear un tranvía lixeiro que podería diminuír a necesidade de uso do vehículo privado o cal supón unha diminución das emisións de CO2 e uso do espazo publico asociado ao estacionamento de vehículos.
Esta reivindicación é moi sensata e debería ser examinada polos responsables políticos do transporte público en Vigo e na Xunta xa que vai máis alo das funcións de Pedaladas pero o proxecto conta coa nosa simpatía.

A quen temos que sumar a causa?

 A todas as administracións, e con todas referímonos a que na lista están os concellos polos que pasa a vía en desuso como máximos interesados xa que a inversión vai en beneficio dos seus veciños. Hai que ter en conta que os veciños de Pontevedra, Vilaboa, Arcade, Redondela e Vigo van ter acceso directo a unha fermosa ruta pero a parte a actividade turística  vai xerar empregos como nos outros lugares onde se crearon estas vías verdes.

A deputación de Pontevedra é un dos grandes interesados xa que é o ente supra municipal inmediato aos concellos e esta Vía Verde sería un gran proxecto para a actual deputación que está a mirar con outros ollos a mobilidade non motorizada como se fai en Europa.

A Xunta de Galicia. Se miramos un pouco os programas electorais dos principais partidos para presidir a Xunta temos que o PSOE levaba o aproveitamento de liñas férreas para crear vías verdes, enMarea tiña liñas xerais de transporte sostible,  o BNG fixo unha aposta por este trazado alo menos nunha parte e a Xunta tamén ten o Plan de Mobilidade Sostible que debe definir itinerarios e esta Vía Verde podería ser un deles.

Polo tanto, hai que sumar aos Concellos, a Deputación e a Xunta para convencer ao ministerio de que aposte por esta Vía Verde xa que o trazado cumpre con todos os criterios da Fundación dependente do Estado Español que fai as Vías Verdes. Só falta a vontade política de facer este proxecto tan beneficioso para Galicia e a provincia de Pontevedra.

A ou as Manifestacións. A pé ou en bicicleta

O día 9 de Outubro imos ter unha sucesión de concentracións e manifestacións para impulsar o proxecto convocadas por colectivos ciclistas e asociacións de veciños que están en todo o trazado da Vía Verde.

Marchas a pé.

Asociación Salinas de Ulló vai facer o percorrido de Vilaboa a Arcade a pé dende o local social de Figueirido (9:30) ata Arcade no parque sobre ás vías do tren (10:30).
Asociación de Veciños de Chapela vai facer o percorrido de Chapela (11:30)  á Porta do Sol en Vigo (13:00).

Marchas en Bicicleta.

Pedaladas
vai organizar un grupo de 49 ciclistas (máximo pola lei actual de seguridade viaria anexo II) e vai facer concentracións en diferentes lugares do trazado da Vía Verde. Para participar é obrigatorio inscribirse con Pedaladas a parte de ter en conta que son 36km por traxecto nun percorrido en bicicleta de montaña bastante esixente física e tecnicamente. A ruta por estrada foi descartada pola peligrosidade da N-550 e as esixencias legais.
9:30 Praza España Pontevedra, 10:30 Arcade, 11:55 Praza Constitución Redondela e 13:00 Porta do Sol Vigo.

A Golpe de Pedal Vigo organiza a manifestación nas rúas de Vigo onde peóns e ciclistas confluímos na Porta do Sol (13:00)

Marchas e adestramentos fora dos actos comunicados.

Algúns clubs deportivos de ciclistas de estrada van participar a titulo particular nas concentracións igual que numerosos deportistas e usarán a N-550 nos seus desprazamentos.
Queremos facer un chamamento a responsabilidade dos condutores de vehículo a motor para extremar as precaución na N-550 non só o día 9 de Outubro senón tódolos días do ano xa que na N-550 xa houbo falecidos en bicicleta e numerosos accidentes de consideración.

A N-550 é un dos puntos negros da provincia para os ciclistas que non teñen alternativas asumibles para facer o percorrido Arcade - Redondela - Vigo. Esta vía non ten beiravía transitable en gran parte do seu percorrido a pesar de ter limitacións de velocidade moi superiores aos 30km/h no seu paso por núcleos poboados e de 50km/h fora deles. O Ministerio de Fomento non se esta a tomar en serio a seguridade ciclista e peonil mantendo e facendo reformas en estradas sen crear unha beiravía transitable dun 1.5m e adaptando a velocidade máxima no paso polos núcleos poboados como si se fai en Pontevedra, motivo polo que recibiu o premio Premio movilidad segura de la DGT. O datos de atropelos de peóns e ciclistas na provincia de Pontevedra están por riba da media nacional e non se debe a unha praga bíblica senón a unha falta de responsabilidade dos titulares das infraestruturas.

martes, 27 de septiembre de 2016 0 comentarios

64 Masa Crítica

Este Xoves 29 de setembro estreamos estación. O outono comeza pero eso non é un problema para os que gustamos de desplazarnos en bici pola cidade, e para celebralo, un mes máis, voltamos a xuntarnos para dar un paseo en grupo polas rúas de Pontevedra.

Xuntarémonos ás 21:00 na praza da Peregrina para desfrutar dunha agradable e divertida voltiña.
¡¡¡Achégate á Masa!!! Non bloqueamos o tráfico, somos tráfico.

Un saúdo a tod@s.

miércoles, 21 de septiembre de 2016 1 comentarios

Hoxe nace "Nós Camiñamos"




O evento do autobús da Semana Europea da Mobilidade. A creación da sección dentro de Pedaladas “Nós camiñamos”


Hoxe ás 17:00 na Adv das Corbaceiras / Uruguay é o evento do autobús para sensibilizar do problema de uso do espazo público que é a mobilidade en automóbil privado. No evento do autobús poderemos ver o uso exaxerado que representa a mobilidade en coche onde 50 coches ocupan 917m2 en circulación fronte a uns 50m2 para peóns camiñando ou 35m2 nun autobús urbano.

O lugar escollido non é ao azar. Estamos nun dos puntos de maior confluencia tráfico da cidade, por un lado temos a AP-9 que pasa ao outro lado do ría que leva 20.658 vehículos por día, a Ponte da Barca onde pasan 10.500 vehículos por día e Av. das Corbaceiras con 8.700 vehículos por día.

Desde un punto de vista medioambiental (cálculos de Pedaladas) emítense 1.859 toneladas/ano de CO2 que agravan o cambio climático e 13.023kg/ano de contaminantes (CO, HC, NOx, PM2.5, PM10 sobre todo diésel) que danan a saúde das persoas a tan só 390 metros en liña recta do antigo concello de Pontevedra.

Non parece moi intelixente ter tal volume de emisións contaminantes preto de onde viven as persoas pero isto é así xa que nos 60-70 o moderno era ter cidades ateigadas de vehículos motor xa que se pensaba que a mobilidade resolveríase cando todo o mundo tivera o seu automóbil. Con este paradigma perdemos o transporte público (trole, autobús, tren de proximidade), votamos fora a bicicleta como vehículo de mobilidade, fixémoslle imposible a vida as persoas con diversidade funcional e sensorial e obrigamos ao peón a adaptar a súa mobilidade as exixencias do vehículo a motor.

A realidade é que ningunha cidade do mundo conseguiu resolver a mobilidade das persoas usando só automóbiles a pesares de que ningunha reparou en gastos para este fin. O intelixente, o lóxico, o que mellores resultados da para a nosa economía e o tema da Semana Europea da Mobilidade 2016, "Mobilidade intelixente, economía forte". Para iso temos que reverter o modelo das cidades dos 60-70, facerlle oco ao transporte público e garantir a mobilidade ciclista e peonil.


A mobilidade é un dereito e pensamos que sempre é susceptible de mellora polo que decidimos dentro de Pedaladas “Nós Camiñamos” para facer unha defensa da mobilidade peonil e o espazo público xa que nos últimos tempos moitas persoas se dirixiron a Pedaladas pedindo solucións de convivencia entre ciclistas e peóns. Tamén se nos pediu que fixeramos de voz dos peóns ao non existir de ningunha asociación peonil.

A creación de Nós Camiñamos:


Polo tanto, Pedaladas acaba de asumir o manifesto de: “La acera es peatonal” que no seu día subscribiron Ecologistas en acción, conBici, Sotp Accidentes, Cermi, CCOO, Andando... e que define a beirarrúa como un lugar de convivencia e non unha canle de circulación de vehículos.A partir de agora Nós Camiñamos recollerá as peticións e necesidades de mobilidade de todas aquelas persoas que teñan dificultades de seguridade ou accesibilidade para trasladarllas ao Concello de Pontevedra dunha forma coherente e ordenada co fin de mellorar e aumentar as persoas que se desprazan da forma  máis natural e sostíbel que é camiñar.

Primeira acción de Nós Camiñamos:

A mobilidade non é unha exclusiva propia dos desprazamentos en vehículo senón unha combinación entre diferentes formas de desprazarse que debe ser garantida para todos e todas. Polo tanto desde Nós Camiñamos traemos peticións de melloras de diferentes asociacións e empresas:

De Amizade pídennos:

- respectar e usar axeitadamente os estacionamentos reservados a persoas con mobilidade reducida.
- controlar a colocación dos veladores e terrazas de maneira que non dificulten a mobilidade, sobre todo de persoas con discapacidade visual.
- instaurar un transporte metropolitano accesible que facilite a mobilidade das persoas que residen no rural.



Os chichos/chicas de Amencer en Campolongo pídennos:

- necesidade de máis transportes adaptados.
- organismos públicos accesibles. ( por exemplo: correos no es nada accesible)
- hai beirarrúas con rebordes que son inaccesibles.
- de que serve facer beirarrúasis anchas se fican ocupadas por terrazas e as cadeiras de rodas non poden pasar.

Nós Camiñamos pide:
- Que o firme das beirarrúas sexa o máis liso posible primando a superficie de cemento pulido xa que é máis sinxelo desprazar os carros da compra, carriños de neno... os vehículos teñen mellor firme que os peóns para camiñar.

- Os semáforos fan esperar en exceso aos peóns en comparación cos vehículos, 90s de espera para 18s para pasar. Non hai que primar ao transporte motorizado dentro da cidade.


- Os itinerarios peonís deben ser continuos, os pasos de peóns deben estar o máis próximo posible as intersección e non retranqueados polas necesidades dos automóbiles para non ter que estar adaptando o itinerario peonil ás necesidades do tráfico a motor.


- Hai que levar a plataforma única a tódolos barrios, hai moitos lugares onde aínda non existen espazos con tráfico restrinxido como o Leste da cidade. O modelo de cidade debe ser para toda a cidadanía.

Autocares Rías Baixas pídenos para mellorar o transporte público:

-
Vantaxes na circulación para o transporte público en autobús. Para poder cumprir os horarios e frecuencias, o autobús debe ter preferencia sobre o vehículo privado.

- Implantación do transporte metropolitano e da tarxeta “xente nova” en Pontevedra. Os veciños de Pontevedra e especialmente os menores de 18 anos deben ter as mesmas oportunidades das que xa gozan o resto das cidades galegas.

- Información e coordinación entre as diferentes formas de mobilidade (peonil, bicicleta, autobús e tren). Os cidadáns de Pontevedra e a súa comarca deberían ter información dos diferentes medios de transporte para poder utilizalos de forma coordinada segundo as súas necesidades.