viernes, 5 de agosto de 2016 0 comentarios

A nova Pasarela. O eixo de comunicación entre áreas de lecer da cidade.

O Concello de Pontevedra acaba de dar a coñecer o proxecto de creación dunha nova zoa deportiva na cidade. Na rúa 12 de Novembro vaise crear un espazo polideportivo e de ocio na parcela cedida por Adif sobre as vías do tren.

O detalles do proxecto podelos consultar aquí, na fonte orixinal.

O eixo de comunicación entre áreas de ocio. O primeiro carril bici que vertebre a cidade.No plan de mobilidade ciclista da Asociación Pedaladas, presentado fai 9 meses, identificábase como prioritario un carril bici que comunique as dúas grandes áreas de ocio e mobilidade da cidade, o carril bici do Lérez e a Senda do Gafos.
Este eixo de comunicación ciclista ten moita importancia porque é unha ruta habitual de universitarios que se desprazan das estacións de autobús e tren, a parte de coincidir cunha ruta de ocio para familias e ciclistas novatos xa que permite ir da Senda dos Gafos á praia fluvial e a senda do Lérez.

Este eixo ten problemas de seguridade viaria nas rúas Xosé Malvar e 12 de Novembro porque ao ser en costa os ciclistas perden moita velocidade e prodúcense situacións de violencia viaria e acoso por parte dalgúns condutores de vehículo a motor sobre os ciclistas pouco experimentados. Proba délo é que unha boa parte dos ciclistas deciden transitar nestas rúas polas beirarrúas.

O que lle vai pedir Pedaladas ao Concello de Pontevedra.
A petición da asociación vai ser que complete cun carril bici de dobre sentido desde a Ponte dos tirantes ata este novo espazo e que complete a ruta ata as estacións de bus e tren.

A nosa asociación aposta firmemente pola presencia da bicicleta na calzada xa que contamos con zona 30 en toda a cidade pero sabemos que os novatos e as familias con nenos teñen dificultades para desprazarse entre os vehículos a motor polo que este carril bici sería unha boa oportunidade de promoción da bicicleta, nun lugar onde ata os máis experimentados ciclistas teñen dificultades pola alta densidade de vehículos a motor e a costa pronunciada que ten Xosé Malvar.

Suxestións ao proxecto do Concello.

- Ancho mínimo de 5m no paseo ciclista e peonil compartido.

            Parte dos problemas de convivencia que se dan entre ciclistas e peóns débense moitas veces a falta de espazo. Unha senda mixta con pouca sección e con moitos usuarios sería problemática se non conta con sección suficiente.


- Os pasos de peóns da rúa Estrada deben ter un paso ciclista.
           
           No plano da presentación vense só pasos de peóns  polo que o paso dos ciclistas montados na bicicleta estaría prohibido polo que no proxecto débense incorporar pasos ciclistas ou sinalización de rúa residencial. 

- Aparca bicis sobre a pasarela.

         Non existen aparcabicis na rúa Estrada, 12 de Novembro, na Pasarela, Santa Teresa de Jesus Jornet... en toda a mazá non existe ningún aparcadoiro seguro para bicicletas.

- Aumentar a seguridade en 12 de Novembro.

           É lóxico prever un aumento de nenos en bicicleta nesta rúa ao construírse un skatepark e equipamentos deportivos polo que aconsellamos incrementar as medidas de calmado de tráfico na rúa 12 de Novembro e limitar a 20km/h a velocidade neste tramo igual que nas proximidades dos colexios da cidade.

- Mellorar os pasos de peóns en 12 de Novembro. Eliminación de semáforos e aumento do numero de pasos de peóns.

           Nesta rúa é habitual que os peóns non respecten os semáforos xa que teñen que esperar 90s para dispoñer de tan so 20s para cruzar. Nós somos partidarios da eliminación destes semáforos xa que os pasos de peóns contan con paso sobre elevado e zoa 30. Eliminar os semáforos melloraría o tránsito peonil nesta rúa igual que o fixo a eliminación dos semáforos na Avd das Corbaceiras e Uruguay mellorando o paso de vehículos a motor e peóns.

jueves, 4 de agosto de 2016 0 comentarios

A Valedora do pobo contesta a Pedaladas

Na visita da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, recolleu unha petición da Asociación Pedaladas e o 3/8/2016 contestounos. O que lle expuxemos a Valedora é a necesidade de contar con un interlocutor do Ministerio de Fomento e da Dirección Xeral de Tráfico para resolver a problemática da seguridade dos ciclistas na comarca de Pontevedra.

A Valedora do Pobo contestounos que non é competente para pedirlle ao Estado o que lle solicitamos polo que estamos nunha vía morta. Comunicounos que vaille traspasar o expediente ao Valedor do Pobo estatal para que estude a nosa petición. Mentres seguemos coa mesma problemática de malas infraestruturas, inseguridade ciclista e peonil e administracións pouco implicadas na  mellora da mobilidade sostible.
Que estamos a pedir desde a Asociación Pedaladas: 
 

Mellora da seguridade na rede estatal de estradas en Pontevedra:
As peores estradas para circular con unha bicicleta na comarca de Pontevedra coinciden coas nacionais que son de titularidade estatal. Os nosos intentos por comunicarnos co ministerio morren coa distancia a que está Madrid. Non nos é posible falar das grandes deficiencias que teñen as estradas nacionais de Pontevedra para que se arranxen. Estamos moi preocupados porque estas estradas contan cun abundante tráfico de usuarios de bicicleta que non teñen opcións alternativas para facer os seus desprazamentos.

Por poñer exemplos destas estradas está o nó de bombeiros, a N-550 Vigo Pontevedra, a N-554 Vilaboa Rande... estradas que nos últimos anos tiveron accidentes graves con ciclistas implicados.

A mellora das medidas de protección dos colectivos vulnerables por parte da DXT:


A provincia de Pontevedra ten un problema grave de seguridade para peóns e ciclistas. Estamos peor que a media nacional en accidentes con colectivos vulnerables implicados, os Pontevedreses abrimos noticiarios case todas as semanas con accidentes con vítimas o cal e signo de que non se está a facer todo o preciso para cambiar esta situación.
Nunha reunión coa Xefatura de tráfico solicitamos aumentar a presencia do radar nas vías secundarias e accesos ás vilas xa que é onde se concentran os atropelos a peóns e ciclistas sen obter unha resposta positiva a pesar de que a DXT ten nas súas campañas un aumento da vixilancia nas vías secundarias.
Tamén a Asociación Pedaladas pediu aumentar a sinalización vertical da obriga de respectar o 1.5m de distancia lateral mínima nos adiantamentos a ciclistas nas vías onde se produciron accidentes con ciclistas implicados. A estas dúas propostas non se conseguiu  ningún compromiso o cal nos fai dubidar do compromiso real da DXT por mellorar a seguridade dos ciclistas na nosa provincia.

Unha canle de participación cidadá do estado no referido á seguridade viaria:
Os Concellos teñen canles para fomentar a participación e a achega de suxestións pero no caso do Estado non se contempla unha canle de participación. A Asociación Pedaladas xa ten pontes de comunicación nos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa, coa Deputación de Pontevedra e estamos a tratar de fortalecer as relacións coa Xunta de Galicia pero o Estado está totalmente de costas a esta necesaria participación se queremos mellorar as nosas infraestruturas e seguridade para permitir a mobilidade ciclista.

Os nosos esforzos son moitas veces estériles por mor da desesperadamente lenta que é a administración e as guerras de competencias entre os titulares das estradas. Temos exemplos de administracións que se preocupan pola seguridade pero cando máis grande e afastada está a administración menos implicación ten polas formas de mobilidade máis vulnerables e sostibles.
O estado non vai conseguir cumprir os compromisos de seguridade nos desprazamentos a pé e bicicleta que decidiu a UE no horizonte 2020 por non tomarse en serio estas dúas formas de mobilidade. É preciso que o estado escoite e se preocupe por facer estradas seguras para peóns e ciclistas en Galicia xa que contamos con gran dispersión poboacional que vive as beiras desta rede de estradas nacionais, a falta de seguridade empuxa aos cidadáns a usar un vehículo a motor cando non é preciso ou directamente impide a mobilidade dos que non ten acceso a ese automóbil.
Non contar coa mobilidade peonil e ciclista e ter que pedir melloras na seguridade para non recibir resposta é propio do século pasado.

viernes, 29 de julio de 2016 0 comentarios

O Decálogo da Deputación e a importancia da seguridade viaria

Ao final da primeira reunión coa Deputación o deputado Uxío Benítez, responsable da Deputación de Pontevedra en mobilidade, comentounos aos asistentes que existía unha moción do grupo PP provincial para modificar parte do Decálogo de actuación nas estradas provinciais.
A  Asociación Pedaladas, a través do seu secretario Quique Pérez solicitou esta moción de modificación para comprobar o alcance da  mesma e facer esta pequena valoración.
A nosa intención non é entrar no terreo da oposición política xa que tanto A Masa Crítica Pontevedra como a Asociación Pedaladas teñen como principal motivación de traballo asesorar e axudar na medida das nosas posibilidades ás administracións e responsables políticos, sempre dende un punto de vista moitas veces afastado para eles como o é a problemática propia dos usuarios de bicicleta e por extensión dos peóns.

www.elcorreo.com Accidente por alcance e exceso de velocidade


A moción inclúe varios puntos a modificar que non son do noso eido por ser un asunto de  titularidade ou de orzamentos e onde unha asociación de ciclistas non debe ter unha opinión como tal. Pero o punto a) si é de interese porque se solicita a súa eliminación do artigo 5:

“Nº5. As actuacións de modificación de trazado e ampliación de plataforma realizaranse só en estradas cunha intensidade media diaria de vehículos superior a 3.000 vehículos/dia, de non ser viables outras alternativas de menor impacto”. 

A rede de estradas comarcal,  son a maioría das que ten a Deputación de Pontevedra (todas as que teñen a denominación EP-XXXX) teñen deficiencias na seguridade ciclista e peonil actualmente. Aparte permiten unir pequenos grupos de poboación dispersa polo que garanten o acceso de moitas persoas a servizos básicos. Esta rede ten pouco ou moi pouco tráfico cunha intensidade tal que fai que moitos deportistas en bicicleta a escollan para facer os seus adestramentos. Tamén é habitual que os menores residentes que aínda non teñen acceso a un vehículo a motor a usen para ir a escola, as actividades extra curriculares ou simplemente visitar amigos da parroquia contigua.

 Estas vías de dobre sentido de circulación e sen beiravías transitables, sen carrís bici ou beirarrúas manteñen a súa seguridade grazas a que pola súa sección os vehículos a motor circulan a velocidades baixas e o risco de alcance é baixo excepto nos lugares de pouca visibilidade. De feito a anterior directora da DXT María Seguí estaba a impulsar unha forte rebaixa das velocidades permitidas nestas vías en función da súa sección no proxecto de regulamento e  terminarían con unha  limitación  xenérica de 50km/h ou 70km/h en función da sección.


Incluso a Fundación Mapfre fai mención a este tipo de estradas onde recomenda adecuar a súa velocidade a unha razoable e a creación de medidas de calmado de tráfico no seguinte informe.




  El papel de la unión europea en la promoción de la seguridad en los desplazamientos en bicicleta from José Emilio Pérez

Por isto a Asociación Pedaladas considera que a primeira prioridade non debe ser aumentar a sección nestas estradas xa que ao aumentar o ancho da banda diminúe a sensación de velocidade por parte do condutor de vehículo a motor o cal lévao a circular por riba dos límites e aumenta o risco de ocasionar un accidente mortal.

Hai que ter en conta que a velocidade excesiva esta detrás da maioría dos falecidos como causa primaria ou secundaria, sobre todo nos atropelos a peóns e ciclistas.

Facer máis anchos os carrís non fai seguras as estradas, ao revés, só hai que ver que as estradas máis perigosas son as antigas Vías Rápidas, estradas de dobre sentido onde os condutores teñen a percepción de circular amodo a velocidades de 90-100km/h como na variante de Marín. A falsa seguridade ocasiona distraccións e excesos de velocidade que pagan os colectivos vulnerables.

A prioridade da deputación debe ser tomar medidas  de calmado de tráfico nas proximidades das vivendas, adoptar a zona 30 en poboado e a segregación (beirarrúas, carrís bici, sendas mixtas) nas vías de moito tráfico a motor e ciclista como pide a  Fundación Mapfre, a DXT e a Unión Europea
nos enlaces que facilitamos.

A seguridade é a primeira prioridade se queremos democratizar o uso da bicicleta e dunha vez homologarnos a Europa no uso da bicicleta para a mobilidade.  Preocúpanos esta moción da que estamos a falar se non se acompaña de medidas que garantan a seguridade de peóns e ciclistas nas vías onde aumente a sección da mesma e polo conseguinte a velocidade real de circulación dos vehículos a motor.
 

martes, 26 de julio de 2016 0 comentarios

62 Masa Crítica

Este Xoves 28 de xullo @s ciclousuari@s de Pontevedra voltaremos a coller os nosos vehículos e a circular pola cidade cun percorrido común.

Quedaremos ás 21 horas na praza da Peregrina e dende alí pedalaremos polas calzadas. Porque non bloqueamos o tráfico, somos tráfico. Tráfico respetuoso coa saude das persoas e do planeta, tráfico silencioso, eficiente e amable.

 Xa sabedes, usade a bici tódolos días, e celebrádeo unha vez ó mes facendo a Masa Crítica de Pontevedra.

Un saúdo a tod@s