miércoles, 13 de julio de 2016 0 comentarios

Imos á praia en Bici. Reivindicación da vía ciclista Pontevedra, Marín e Aguete.



O vindeiro día 17 de Xullo ás 12:00 na Praza de España de Pontevedra a Asociación Pedaladas convoca unha Manifestación co lema: “Imos á praia en bici” co obxectivo de reivindicar unha vía segura para as persoas de toda capacidade física e idade, unha vía ciclista que permita unha conexión entre Pontevedra, Marín e Aguete segura, cómoda e sostible.

Participantes:
A convocatoria non é aberta ao publico senón que hai que inscribirse para participar. Gustaríanos facer unha convocatoria aberta pero a nosa asociación non pode garantir a seguridade dos participantes co trazado actual nin consideramos seguro o regreso desde Portocelo para os participantes mentres non exista a vía ciclista que demandamos. Polo tanto o acto queda reducido aos nosos asociados e aos simpatizantes inscritos, cun máximo de 50 participantes xa que entendemos que polas datas nas que estamos unha convocatoria aberta con actividades engadidas tería tantos participantes que complicaría o acceso ás praias porque a estrada de acceso a Portocelo só ten un carril para o tráfico rodado.

Percorrido:
A ruta será Plaza España, rúa Marqués Riestra, rúa Augusto Gonzalez Besada, Praza de Galicia, Av Xeneral Antero Rubín, Rúa dos Gagos de Mendoza, Rúa Rosalía de Castro e PO-546 no Concello Pontevedra. Rúa Avelino Montero, PO-11 (tramo permitido a ciclistas) Av de Marín, PO-551, Rúa Tiro Naval (PO-551) e a Vía ciclista ata Portocelo no concello de Marín. O percorrido farase a uns 20km/h e terá unha duración duns 30 minutos aproximadamente. O retorno desde Portocelo é aberto. Os nosos asociados faran unha parada na Praia de Portocelo na que se lerá un pequeno manifesto. Pola tarde os socios de Pedaladas continuaran pola senda Azul da costa ata a Lapaman para demostrar que coordinando as obras que levan a cabo as administracións, neste caso Costas, pódense completar percorridos moi atractivos e seguros para persoas de toda condición.

Petición:
Os usuarios de bicicleta solicitamos ao Ministerio de Fomento, ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente así como o Concello de Marín e a Xunta de Galicia, titulares e responsables das vías entre Pontevedra, Marín e Aguete, que completen un itinerario ciclista e peonil que permita comunicar os concellos de Pontevedra, Marín e as praias de Portocelo, Mogor e Aguete dunha forma segura e cómoda para que persoas de todas as idades e condicións poidan facer uso desta vía ciclista como elemento de mobilidade, ocio e deporte ademais de dar lugar a un novo atractivo turístico na comarca de Pontevedra.
Este itinerario ciclista é unha oportunidade para establecer unha gran vía ciclista na provincia que chegue ata o espazo protexido Cabo Udra dando unha ruta de gran interese turístico capaz de dinamizar a zona e ser un xerador de emprego turístico desestacionado similar aos existentes en Alemania, Holanda, Italia, Francia… ou
ás vías verdes existentes en España.
Por elo insistimos en instar as administracións a facer posible esta vía ciclista tan demanda entre os cidadáns que depende
exclusivamente da vontade e valentía política para ser acometida.


Reunión co conselleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba.

Hoxe día 13/07/16 ás 13:00 reunímonos co conselleiro de deportes de Marín, Antonio Traba, para comunicarlle oficialmente e en persoa a nosa petición da vía ciclista entre Pontevedra, Marín e Aguete. Durante a reunión a asociación Pedaladas comprometeuse a facilitar unha proposta nos próximos días de intervención desde a escola naval ata a praia de Aguete aproveitando a maior parte do trazado xa existente de carril bici e compatibilizando o máximo posible o paso de vehículos a motor, o estacionamento, o espazo peonil e un senda mixta ciclista e peonil que mellore a seguridade viaria e permita levar a termo a ansiada ruta ciclista entre Pontevedra, Marín e Aguete.
Consideramos este un paso importe para conseguir convencer ao concello de Marín da importancia e viabilidade desta vía ciclista coa que temos un forte compromiso sabedores das posibilidades de mobilidade, ocio e turismo que poden crear para toda a comarca.

sábado, 2 de julio de 2016 0 comentarios

A ruta Combarro, Lourido e Pontevedra.

O Concello de Poio e Pontevedra historicamente sempre tiveron moitos vínculos culturais e económicos. Antes da construción da Barca existía un paso en barca para facilitar a comunicación entre ambos concellos de mercadorías e persoas, de aí o nome da actual Ponte da Barca.
A historia entre Pontevedra e as praias de Poio ten moitos capítulos para escribir como a xa esquecida praia da Puntana que quedou baixo a AP9 ou as barcas que  intercambiaban pasaxeiros no embarcadoiro da praia de Lourido.

A día de hoxe temos unha barreira artificial que é a AP9 xunto coa perda dos antigos camiños que facilitaban a mobilidade peonil e ciclista por itinerarios alternativos os actuais deseñados para os vehículos a motor.


A nosa proposta é a recuperación de camiños en desuso, aproveitamento de infraestruturas ciclistas inconexas e calmado de tráfico nunha rede de rúas e estradas que só se usan polos residentes para crear un itinerario que cree nova mobilidade, turismo e sexa unha alternativa de ocio.

Os retos non son poucos, temos que convencer a Xunta para que facilite un paso seguro pola PO-308, temos que convencer ao concello de Poio para que faga un calmado de tráfico en parte das súas rúas, temos que conseguir que a deputación aumente o carril bici entre Campelo e Lourido e por ultimo temos que convencer a costas de completar o percorrido das sendas litorais no espazo de dominio marítimo terrestre.

É un exemplo de todo o traballo que teñen estas vías. Non son custosas en cartos pero si en esforzos, a parte requiren un forte compromiso dos políticos que as fan posibles destinando recursos e non sempre teñen claro a potencialidade da bicicleta como motor social, económico e cultural nin se queira se teñen claro as veces teñen unha demanda social detrás que as xustifiquen.

Nese debate temos un arma ao noso favor, o barómetro da bicicleta 2015, que nos di que temos un 10% da poboación (entre 12 e 65 anos) que usa a bicicleta todos ou case todos os días do ano e un 49,6% da poboación que é usuaria. A brecha entre os usuarios intensivos e os usuarios ocasionais debese a falta de seguridade, non todos estamos dispostos a circular dentro do tráfico polo tanto é unha necesidade estender unha rede segura para esas persoas que nolo demandan as asociacións de ciclistas.

martes, 28 de junio de 2016 1 comentarios

Cinco anos de Masa Crítica en Pontevedra

O xoves 30 de xuño de 2016 a Masa Crítica Pontevedra voltará a xuntarse ás 21 horas na praza da Peregrina para dar unha volta en bicicleta pola cidade.

Hai xa cinco anos, tamén un 30 de Xuño, que a Masa botou a andar, ou mellor dito a pedalar, na cidade do Lérez. Dende entón se converteu nun referente da mobilidade ciclista na cidade, ocupando un baleiro que había que subsanar con respecto á mobilidade alternativa e sustentable.

Moitos foron os actos nos que participamos, organizamos ou apoiamos, converténdonos, xunto coa asociación Pedaladas nun referente na defensa dos intereses dos ciclistas en Pontevedra.

Este xoves voltaremos reunirnos para pedalar unha vez máis, lembrando o noso lema "usa a bicicleta tódolos días, celébrao unha vez ó mes" e nesta ocasión sortearemos entre os asistentes agasallos que varias tendas de bicicletas de Pontevedra aportan de xeito desinteresado. Grazas a Moto-BikeEl Puerto BWSBicicletas FartoFixed & Single BikesOterobikes, y Bici O Con Poio

Animamos a tódolos cidadáns a coller as súas bicis e sumarse á festa mensual da bicicleta.

Un saúdo a tod@s

sábado, 25 de junio de 2016 0 comentarios

O caos no estacionamento do Mercado

Calquera que sexa asiduo deste blog saberá que faise unha defensa pechada do que se coñece en Pontevedra como "modelo de cidade". A idea de recuperar a mobilidade natural a pé, conseguir integrar todos os usos e persoas na mobilidade, o cambio de orde na prioridade de transito (peóns, bicicletas, transporte público, coches)... o que se chama a cidade para as persoas.

"Aparcabicis" da rúa Serra
Chegounos unha queixa dunha usuaria de bicicleta porque non podía usar os aros destinados a aparcar dunha forma segura e cómoda a súa bicicleta.

Fai pouco escribimos aquí da importancia de ter bos aparcamentos de bicicletas para fomentar o seu uso, e a problemática dos usos indebidos dos mesmos.

Fai un ano fixemos unha petición a Policía Local de que xa que tiñamos poucos aros que polo menos fora firme en conseguir que non se converteran en estacionamentos informais de motos. Parece que teremos que seguir insistindo.

O asunto debería ser fácil de solucionar, aparcas onde non debes, recibes unha multa. Pero atopámonos con unha reticencia. O estacionamento non ten unha sinal que diga "SÓ BICICLETAS" o cal para os axentes é motivo para non multar. Para os presentes ciclistas foi unha sorpresa, escoitouse un "absurdo,se son aros".

Sinalización de acceso
O tema vai máis alo do absurdo pola sinalización  que ten o acceso da rúa Serra. A sinal non deixa dubidas esta prohibido estacionar excepto nas zonas habilitadas. Polo tanto se non existe sinal non se pode. Isto é similar ás rúas que teñen a sinalización de rúa residencial nas só podes estacionar nos lugares sinalizados  polo que esas motos están estacionadas incumprindo varias das prohibicións da sinal que da acceso a rúa, sería un asunto de escoller porque se multa.
Xa que estabamos por alí fixemos un pequeno análise do que pasa neste barrio con gran actividade comercial.

A estrutura de circulación e estacionamentos é a que esta na seguinte imaxe:
O que esta de cor vede claro é unha zona peonil co tráfico totalmente restrinxido a carga e descarga, a taxistas, residentes e a un espazo de Servizos 15 minutos.

Caos na rúa Serra
A realidade é outra, existe un tráfico de axitación (buscando estacionamento)  constante dificultando o transito peonil e ciclista. A rúa Serra esta chea de coches o cal nos recorda a cidade de Pontevedra dos 90 onde, a dobre e tripla fila reinaban. E non por necesidade xa que a 150 metros, na Av. de Ururuguay temos dous espazos que pasaron de ser aparcamento sen limite de tempo a limitado a 15 minutos para favorecer a rotación e a actividade económica.


O obxectivo do estacionamento de servizos é facilitar a actividade económica facendo que as persoas que veñen en coche atopen con facilidade un sitio libre para o cal forzase a rotación limitando o tempo que se pode estacionar.

Na área do mercado temos múltiples opcións para estacionar,  aparcamento de pago, espazos limitados a Carga e Descarga, Servizos e un enorme aparcamento gratis a 500m. Pois isto a algúns non lles chega, temos tamén dobre fila con condutor agardando, motos no aparcabicis, circulación de axitación  cando a un paso tes o problema solucionado o cal  dificulta aos peóns e ás bicicletas ir por un lugar agradable e con boa calidade urbana.

O lóxico sería que nun espazo recuperado, con alta calidade urbana tiveramos o mesmo tipo de tráfico que no resto da cidade. Non sería mellor facer que se cumpra a sinalización, que na rúa Serra só aparcaran vehículos de carga e descarga, que só circularan un numero limitado de vehículos. Que se o recado é rápido se estaciona na Avenida de Uruguai que xa é Servizos e si se precisa máis tempo se estacione no outro lado do río ou pagando no propio mercado.

Hai outros lugares da cidade onde a sinalización é amplamente incumprida, teremos que volver a falar coa Policía Local e que se emita unha orde para que aínda que non exista o "Só Bicicletas" se defenda este espazo como "só bicicletas" igual que aínda que o beirarrúa non teña un "Só peóns" sabemos que é "Só peóns".