
Fai aproximadamente
un ano anunciouse en plena campaña ás eleccións municipais un
paseo peonil e ciclista que uniría Pontevedra e Marín. Un paseo que
permitiría unha comunicación segura entre as dúas vilas para que os cidadáns puideran facer os seus desprazamentos sen ter que usar
un automóbil, unha infraestrutura que vai máis aló do que é un
novo espazo de lecer.
Pontevedra e Marín son dúas vilas
separadas por tan só sete quilómetros e sen desnivel, un traxecto
que con unha bicicleta e a ritmo de paseo non leva nin vinte minutos
pero que por culpa das infraestruturas non é seguro desprazarse cunha bicicleta.
Neste último ano abríronse múltiples
frontes coa mesma temática ciclista, vía acordos plenarios e
reivindicacións de asociacións e particulares. Polo camiño
pediuse que os camións de ENCE teñan unha vía de servizo e entren
pola PO-11 e non pola estrada vella xunto cunha mellora da seguridade
viaria desta estrada ou incluso unha cesión desta vía ao
Concello de Pontevedra. Polo de agora sen máis percorrido que moitos
titulares nos medios de comunicación.
O asunto parece
enquistado, as posibilidades para executar unha infraestrutura son
moitas e parece que é cuestión de vontade política, máis que
de cuestión técnica, hai quen quere continuar o paseo da PO-11 sen tocar os
carrís, hai quen quere anular un carril da PO-11, outros queren
facer un carril bici na estrada vella, outros din que con modificar
a estrada vella con lombos e pasar a velocidade a 30km/h xa chega.
As posibilidades son múltiples, o que non se discute é que é
preciso conectar Marín e Pontevedra dunha vez de forma segura para
ciclistas e peóns.
Cremos que poucas cuestións nestes
anos tiveron tantos apoios de tan diferentes actores políticos, non
hai un grupo municipal que non teña o seu proxecto para esta
infraestrutura. Quizais de aquí veña o atraso dos ministerios de
Fomento e Medio Ambiente porque unha obra menor cun presuposto
ridículo para os números que manexa a administración non
entendemos que escusa pode ter para non estar xa feita.
Desde
Pedaladas, como levamos reivindicando esta infraestrutura desde o
2009 e sabemos o desesperadamente lento que é conseguir que unha
administración faga algo, incluso estando todos os implicados de acordo; a nosa proposta foi e é facer o máis sinxelo, menos
custoso, con menos impacto ao medio e incluso o que parece máis
lóxico.
Adaptar a PO-11 ou mal chamada Autovía de Marín
ao paso de ciclistas. Esta vía é da rede convencional xa que non é
unha autovía. Ten unha utilización moi baixa, segundo os detectores
que existen no punto quilométrico 1,8 esta vía normalmente usa o 7%
da súa capacidade con picos do 11%. Adaptar a vía só precisaría
afectar a un dos catro carrís de circulación e tería un custo
mínimo, a execución duraría semanas e podería estar lista para
este mesmo verán. Por isto entendemos que é un problema de vontade
política.
Esta infraestrutura é primordial xa que permitiría
chegar as praias de Marín, ir a facer recados dunha cidade a outra,
que os traballadores do Porto que viven en Pontevedra non tiveran
que usar o seu automóbil, que os rapaces das dúas cidades gañasen
autonomía persoal... moitas vantaxes cuns custos mínimos pero
seguimos agardando un pouco de visión e gañas dos que cada vez que
hai eleccións piden a nosa confianza.